Arquivo de Ago, 2007.
Ago
31
Non hai grupos da morte nesta edición da Champions League a primeira vista. Quizais o máis difícil sexa o do Valencia que deparará enfrontamentos de moito músculo co Chelsea, Schalke e un inferior Rosenborg. Non semellan nada sinxelos tampouco os rivais do Barcelona pero cabe recordar que o Lyon está en horas baixas, o Stutgart non é, por plantilla, o mellor equipo de Alemaña e o Glasgow será rival en Escocia e asequible fóra das illas.
O Madrid ten un grupo de nivel medio co Werder, mermado tras a marcha de Klose, e unha Lazio de segunda fila. O Olimpiacos ademais dálle sorte tradiconalmente. Nalgo tiña que ter sorte o Sevilla e foi no sorteo: Arsenal, Steaua e Slavia son peores que os hispalenses que, salvo complexos, deberían liderar a liguilla.
Nos grupos conformados exclusivamente por equipos estranxeiros brillará o fútbol no F con Manchester, Roma, Sporting e, de acompañante, Dinamo de Kiev. Moito menos atractivo o A con Porto, Olimpique, Liverpool e Besiktas (serían unhas dignas semifinais da UEFA e pouco máis), o máis fácil para o favorito o D con Milán, Celtic, Benfica e Shaktar e o grupo gris por excelencia: Inter, PSV, CSKA e Fenerbaçe. Nin para ver os resumos.
Fáltalle algo de salsiña a esta edición. Hai pouco morbo, poucos encontros de rivalidade e faltan clásicos como Juve ou Bayern. Todo se porá máis interesante nas eliminatorias.
Ago
31
A cabeza levábame a facer unha reflexión crítica sobre a esaxerada repercusión da morte dun deportista no comezo da súa carreira e o corazón a poñer este vídeo. Despois de tanto abrazo entre béticos e sevillistas é mellor quedarse con isto.
Ago
25
Comeza a liga 2007-2008 traendo esa emoción que nos fai falta para superar a semana laboral e a Rajoy dicindo tonterías no telediario. Os Fournieur faremos en breve de pitonisos e vos ofreceremos as nosas prediccións para o vindeiro ano. Entrementres a análise da liga tráenos un derby madrileño marcado polas fichaxes cargadas de ambición no Atleti e de tolería no caso merengón (aínda que non exentos de calidade e non digamos se ven Alves). Dado o sino maldito do pupas da competición española e a maxia negra que Calderón e Mijatovic imprimen á casa blanca o esperable sería un empate sen descartar a victoria de Schuster.
O Barcelona debería ter un comezo plácido no Sardinero contra o Racing, que apunta a volver ser equipo revelación, consciente de que o seu verdadeiro inimigo reside no Nou Camp. A xestión da plantilla no psicolóxico, a especialidade de Rijkaard, e no físico, dígase o que se diga falta algún xogador, serán as claves.
O Sevilla volverá amosar a súa profesionalidade a proba de bombas e vencerá sen problemas ao Getafe que, de seguro, non terá problemas para manterse. Os aspirantes valencianos Vilarreal e Valencia xogan no outro encontro de rivalidade rexional que máis ben parece un partido entre a selección española e un combinado sudamericano. Ambos poden chegar lonxe na competición europea pero os grandes tápanlle o paso.
Outro chamado a facer grandes cousas nas copas, non insinúo ningunha capacidade etíhilica inusual, é o Zaragoza que reforzou ben o equipo co diñeiro do pequeno Milito. Enfróntase a un Murcia que foi o mellor que se reforzou dos recén ascendidos e pode dar moita guerra aos maños.
Seguimos de derbys polo sur. Un Recreativo que dificilmente repetirá o do ano pasado e un Betis que garantizará sonecas e bostezos no Ruíz de Lopera están condenados ao empate ao cero. Espanyol e Valladolid prometen moito máis espectáculo dado o cariz ofensivo dos seus entrenadores e a pesar da evidente diferencia de calidade das plantillas. Levante e Mallorca, como actores secundarios ou terciarios desta farsa futbolística, ofrecerán un encontro igualado que en base ao oficio levarán os baleares.
E o Dépor… non vas falar do Dépor? Partindo da base de que xa me parece miragreiro o feito de que aguanten na competición coas súas inmensas débedas e cunha estrela lesionada partíndose os dentes por xogar coa mascota e que recoñece que é un pallaso o triunfo é participar. O Almería, que se reforzou ben, será un rival para eludir o descenso.
Ago
22
Todas as nosas sospeitas foron confirmadas o pasado domingo no estadio Santiago Bernabéu. Este Sevilla é unha auténtica máquina de matar, sen sentimentos. E o máis incrible é o feito de que o Sevilla gañoulle ao Madrid sen xogar a un gran partido e con catro xogadores que o ano pasado eran titulares (Javi Navarro, Escudé, Puerta, Adriano) ausentes por lesión. O Madrid da “excelencia” non foi capaz de aproveitarse da bisoña defensa do Sevilla, co colombiano Mosquera máis perdido que un pulpo nun garaxe (así o cambiou Juande no descanso, para poñer a Poulsen de central; e, a todo isto, Bouhlarouz quentando o banquillo) e Fazio, ese central hercúleo de case dous metros de altura, gañador hai nada do Mundial Sub-20.
O Sevilla de Juande e Del Nido (e de Pablo Blanco, Monchi et al) é un conxunto capaz de gañar aos seus rivais de moi diversas maneiras: por aplastamento, impoñendo o físico; por técnica indivudual: polo enorme sentido táctico que Juande instaurou no equipo; ao contrataque ou tocando, etc… O domingo, no Bernabéu, despois do segundo gol do Madrid, o Bernabéu ruxía e moitos xa intuían a remontada. Sen embargo esta máquina -intelixente- de matar seguiu co seu plan. Case sen se lles vía afectados. Continuaron co plan marcado: esperar no centro do campo, presionar a morte e saír ao contraataque, sabedores de que o gol ía a chegar. Ademáis, de Renato e de Kanouté, autores dos tantos da goleada, o que fixo un partido para enamrcar foi Martí, imperial no centro do campo, un secundario de auténtico luxo.
O balance é escalofriante: 5 títulos en 15 meses. E o venres espera o Milan… Se Alves se quedara no equipo, máis a case segura chegada de Koné, este Sevilla pode dar que falar na Champions. Se o Valencia, o Oporto ou o Liverpool o fixeron, por qué non eles?
Ago
22
O mesiánico Ramón Calderón cada día nos sorprende máis (e non sei se dicir positiva ou negativamente). Aparte de facer promesas que non valen nada, presunto fraude electoral e actuar pola espalda (véxase a este respecto a entrevista que hoxe concede ao diario Marca Fabio Capello), despilfarra o diñeiro da caixa forte blanca dunha maneira pouco disímil a de Onieva, Sanz e as famosas partidas de cartas. O seu antecesor, o todopoderoso e megalómano Florentino Pérez, tras un desastre obxectivo como o do pasado domingo na Supercopa tería fichado a unha estrela mundial para desviar a atención mediática. Seguindo o exemplo do seu mefistofélico antecesor, don Ramón fichou a… Heinze!
Heinze, un central e lateral esquerdo sobrevalorado e que fixo as súas primeiras armas en Europa no Real Valladolid, resulta que agora será o gran salvador do equipo. No fondo, debemos agradecerlle a don Ramón e a Pedja que con esa operación conseguiron, dunha tacada, que Piqué e Arbeloa teñan moitos máis minutos de xogo. O que non poderá dicir o mesmo ser´´a o canteirán branco Miguel Torres. Mellor, ao meu entender, que Heinze (que costou, ollo, uns 12 millóns de euros), estará condenado ao banquillo. Non creo que Bernd se atreva a sentar a Cannavaro no banquillo, o que sería a todas luces moito máis xusto.
Resulta curioso que do fámoso eslógan de Florentino: “Zidanes y Pavones”, don Ramón a este paso non vai ter nin Zidanes nin Pavones. As fichaxes deste ano son, cando menos, dubidosas: Dudek (un porteiro que desperta a hilaridade xeral pola súa torpeza conxénita), Saviola (como fichen a Milito ou a Huntelaar acabará sendo terceiro dianteiro, como o foi no Barça), Metzelder (veu lesionado, pero gratis, aínda así non está preparado para a liga española), Drenthe (calidade indiscutible, quizáis irregular debido á súa xuventude, non pode ser o salvador), Sneijder (non é o conductor do xogo que necesitan, é o enésimo mediapunta do equipo), Pepe (bo central, debería aprender boas maneiras, pero 30 millóns de euros é un prezo desmesurado).
Os técnicos e directivos do Madrid volvéronse tolos. Pretenden fichar agora un dianteiro centro, cando teñen a Soldado, Baptista incluso, Saviola… O de Robben parece a historia interminable. E a fichaxe de Heinze é incomprensible. Por último, os que parecen condenados son os canteiráns, o cal supón unha enorme inxustiza, porque Granero, De la Red, Javi García… alí a onde vaian triunfarán, seguro. Nin Gago, nin Higuaín, nin Drenthe demostraron máis ca ningún deles.
Ago
16
Comeza a ser habitual, un deja vu, que o Real Madrid empece a pretemporada con dúbidas debido ao seu mal xogo e ao suposto desequilibrio da plantilla. Da a impresión de que ningún adestrador serve para este equipo, sentenciado a un xogo ruin e tedioso. Coma todos os anos, os merengues botan de menos a un conductor do xogo (resulta curioso que agora todos lembren a Fernando Redondo, co criticado que foi no seu momento). Se Capello perdera tantos partidos na pretemporada como leva ata o momento Schuster levaríano a Italia a gorrazos.
Trátase este dun equipo ciclotímico, que alterna fases infumables con momentos de certa calidade. Botarán de menos a Beckham e os seus pases medidos. Non se percibe unha mellora na idea colectiva do equipo e non creo que volvan a ter a sorte infinita coa que contaron o ano pasado en forma de remontadas continuas, poucas lesións e fallos reiterados dos seus rivais polo título.
Sen embargo sería inxusto desdeñar por completo ao Madrid ou descartalo para loitar pola liga (e a Champions). Seguen contando co mellor porteiro do mundo (co permiso de Buffon), teñen unha defensa pétrea con Pepe e Ramos. Van Nistelrooy garante un bo número de goles e de puntos. E qué dicir de Guti, seguro que el solo gañará un par de partidos. Coas fichaxes de Drenthe e Sneijder gañan en profundidade de plantilla e en fisico, algo fundamental no fútbol moderno. Ollo ademais a Baptista, é o clásico descartado que finalmente resulta clave nun equipo, se é que non o traspasan ao Milan. Aínda así, non creo que pasen de cuartos na Champions League nin da segunda posición na liga española. Sobre todo se Raúl continúa a ser titular. Resulta curioso que no programa El Rondo, cando era aínda adestrador do Getafe, Schuster lle “recomendara” a Raúl que se marchara a xogar a Inglaterra. Ao día seguinte de firmar co Madrid, o alemán o primeiro que fixo foi declarar aos catro ventos que necesitaba a axuda de Raúl. Ai, Bernd, cuanto hemos cambiado!!!
Ago
13
A ida da Supercopa foi un partido, honrando ao seu nome, superpredecible. Ningún dos actores se saíu do seu rol nin parece ter trazas diso. O Sevilla volveu ser vertical, ordenado, tacticamente virtuoso e non perdeu a súa identidade de xogo. Luis Fabiano fíxoo todo ben salvo rematar, os centrais tiveron certas dúbidas, as bandas non centraron ben e os novos, a verdade, non achegaron demasiado e ninguén confía en que vaia ser así, viñeron para facer vulto na Champions League, Copa e Liga.
O máis curioso é que o Sevilla xa non dispón de Alves. Este adicouse no primeiro período a ser un lateral dereito que se limita a cubrir a súa banda. Un descoñecido. Na segunda amosou algo máis de si facendo pases tipo Laudrup, roubando balóns no mediocampo e rematando corners. O certo é que é unha pena que a Liga vaia perder a este xogador. Paréceme irreprochable a súa postura de non querer xogar contra o AEK porque, sinceramente, iso fai moi difícil a súa venda a un grande de Europa que é o que merece. Ollo se o ficha o Manchester porque estaríamos falando dunha verdadeira ala infernal composta polo brasileiro e Cristiano Ronaldo.
O Madrid ten os seus propios infernos. Por exemplo depender excesivamente de Van Nistelroy (e Casillas) para poder gañarlle un partido ata ao Alcoyano. Raúl, por se fixera falla, amosou outra vez o seu fracaso como dianteiro centro e resulta curioso que entre tanta fichaxe non se contratase un dianteiro centro de garantías. Saviola non o é, é como Raúl pero con calidade e velocidade, e Soldado quizais merecería unha oportunidade que non lle van dar por ser da canteira e non comportarse como un energúmeno.
Os problemas principais, obviamente, non son eses. Van máis pola descompensación da plantilla e ter que depender de Guti que é como depender da chuvia en Santiago para tender a roupa. Así que coa chegada de Sneijder (Chimo Bayo entra en acción e pregunta: “Esta si?”) terán un conductor (moi irregular por certo) con criterio e tiro. Non me cabe dúbida de que o fará mellor que Gago que se salva das críticas da prensa madrileña polo pálido que é e polas súas melenas.
Na defensa parece que ao que van expulsar este ano será a Pepe e non ao Cannavaro. É unha incógnita Drenthe no lateral aínda que de todos os xeitos estaban afeitos a un lateral zurdo que nin subía nin defendía así que non terá problemas. Por último, Sergio Ramos amosa ser mellor central que lateral mentres que o director deportivo búscalle saída a Cicinho, un dos mellores de Europa, e non o fai así con Salgado. Contan moito as borracheiras xuntos Pedja?
Dito isto o mellor equipo da temporada, o Sevilla, terá moi difícil non acabar a temporada cunha sensación de fracaso xa que resultaría case imposible ata a un grande repetir a fazaña. O Madrid suicidouse ao proclamar esta temporada a do ‘bo xogo’ (basta xa de empregar ese slogan brasileiro de Nike) se gañaron a liga o ano pasado, erros alleos aparte, foi cando asumiron a súa mediocridade e xogaron coma un equipo da zona baixa coa vantaxe, claro está, de contar cun día a día máis endiosado Robinho e o inestimable Van Gol. Coñecendo a sorte do seu corrupto presidente pode ser a Champions o que toque este ano.
Ago
11
Deu comezo a Premier en TVE cun Aston Villa-Liverpool que ofreceu interesantes apuntamentos sobre o equipo máis español da Premier. O Liverpool segue a parecer unha máquina que sorbe o xenio e creatividade dos seus xogadores. A unión máis que dar a forza trae a infelicidade e xogo gris, táctico e desesperanzador que Benítez e os seus secuaces menos talentosos están a converter no norte do fútbol mundial.
Fernando Torres parece ir polo camiño que o destino marcou. Fracasará sen remedio. Noutro caso daría argumentos do tipo “tense que adaptar, non era un partido para el, estaba desasistido…”. Sen embargo o gran bluff do fútbol español, o sucesor natural de Raúl nesa monarquía do despropósito, reafirmará todas as súas carencias no equipo inglés: falta de gol, esvaécese nos partidos, individualismo, falta de intelixencia táctica e non digamos da outra… Babel fixo bastante máis en 15 minutos que el en máis de 70.
Isto acentúase cando tes ao lado un xogador magnífico como Dirk Kuyt. Faino todo ben: pelexar, moverse, pasar, caer a banda, remata coas dúas pernas e a cabeza… Fáltanlle tres cousas: algo máis de gol, ser guapo como Torres (ou polo menos non tan feo) e non ter a un entrenador que sobre explote a súa capacidade de traballo como Benítez.
É que non sei se o meu con Benítez será xa patolóxico. Vexo a Riise, Alonso (o bo), Gerrard e Carragher e teño a sensación de que o Liverpool é como unha empresa na que o xefe está tolo pero conta coa sorte de dispoñer dun grupo de currantes que nunca fallan. O entrenador madrileño fai un fútbol de Burger King sen alma, paixón nin beleza. Paréceme inxusta a comparación con Mourinho e o seu Chelsea que deixa a pel en cada balón e, se ben non aposta pola técnica senón polo físico, fai un fútbol honesto e vertical.
Outra cousa que non aturo del é a súa teima de que a estrela do equipo é el. Se no caso de mou as súas actuacións circenses van encamiñadas a isolar ao equipo da polémica (recordades algunha dun xogador blue) Benítez necesita xustificar o salario colocando a Arbeloa de lateral esquerdo a un destro pechado como Arbeloa ou na banda a un xogador coa chegada e visión de xogo de Gerrard. De fichaxes como o de Zenden prefiro non falar.
Desexando que Torres e Benítez non atopen o camiño de volta desde as illas quédome co gol de Gerrard, o mellor libre directo que vin en anos, e a honestidade de Carragher ao cometer un penalty e non protestar en absoluta. Son eles quen fan grande a ese equipo.
Ago
9
Describiría a Hamilton como arrogante, egocéntrico, megalomaníaco, ultracompetitivo, infantil (como eses astros de balón chupóns e protestóns do
patio do colexio) un individuo que descarga as culpas nos demais ou nos elementos á hora da derrota mentres que os méritos da victoría son exclusivos del. Un tipo despreciable, egoísta, nacido para un deporte individual (tenis?) no que a victoria dunha carreira non dependa das máis de 60 persoas que traballan contigo e no que non teñas un compañeiro que comparta contigo a gloria. Se a isto lle engadimos un talento innato para a pilotaxe que o leva a ambicionar non gañar unha carreiriña por aí senón ser campión mundial e unha prensa patria forofa e falta de rigurosidade estamos botando na pota todos os ingredientes para o girigay.
Non habería tal problema se Alonso non fose como Hamilton. As palabras do piloto británico ao seu patrón se ben, como afirmou a prensa madrileña, serían motivo de despido na miña empresa non menos certo é que igualmente grave é acusar de conspiración na túa contra aos compañeiros de traballo ás dúas semanas de comezar a traballar. Por outra banda tal conspiración non ten sentido. Hamilton, si, foi apadriñado por Ron Dennis desde os 11 anos (cría corvos…) pero non deixa de ser unha promesa que se destapou antes de tempo. Sen embargo Alonso, cun gran salario, e bicampeón do mundo representa un investimento que hai que amortizar así que se Dennis realmente desexase o triunfo dun sobre o outro o asturiano debería ser o beneficiado. Só a nacionalidade de Lewis o salva do ostracismo.
Ao respecto da polémica húngara se obviamos a evidente responsabilidade de Hamilton ao desobedecer as ordes de equipo non podemos ignorar que Alonso se excedeu na parada provocando a Hamilton coa súa bravuconería e falta de nobreza habitual. Pode ser que como afirma o gran amor de Antonio Lobato ninguén fale con Hamilton. Estrañaríame moito máis que alguén fale con el.
A solución… Facer como en Ferrari, ou no Renault do ano pasado, ter un piloto estrela e un gregario. Deste xeito asegúraste que os dous non acaparan os primeiros postos carreira tras carreira e evitarás estes problemas. Iso ou ter un campión tan tranquilo como Kimi Raikonen que baixa dun Fórmula 1 como quen baixa dunha hamaca.
Ago
6
Pensaba que Calderón e Pedja eran homes de letras. Calderón por ser avogado e Pedja porque non o vexo capaz de facer unha integral e si de asinar autógrafos, ter sido unha estrela no seu día é a mellor academia. Sen embargo agora revélanse como xenios capaces de transformar as matemáticas tal como as entendemos.
A saber: se Arjen Robben valía 33 millóns e o Chelsea declarou recentemente que Ballack valía 40 como é posible que a suma de ambos valla 45? Quizais a resposta non estea nun cambio de paradigma aritmético senón na xa probada capacidade embaucadora de ambos persoeiros. Sport (vale non é a fonte máis imparcial) facíase eco de rumores portugueses que apuntaban que o polémico Pepe non valería 30 senón 12, un prezo máis acorde co mercado, e que 18 deses millóns irían destinados a pagar unha débeda do Chelsea pola fichaxe, long time ago, de Ricardo Carvalho.
Se sumamos eses 18 aos 40 saenos unha cantidade total máis próxima á realidade. O caso é que o modus operandi da dirección do Real Madrid queda en evidencia.
E Guti que ten que ver con todo isto? Pois primeiro que a exhibición do de Torrejón, os seus 20 minutos de toda a vida, contra o temible equipo ferroviario ruso facían innecesaria a contratación dun conductor do xogo (Kaká, Cesc, Snejder, Ballack, Nasri, Iniesta, Riquelme… De La Peña!). Ao día seguinte anuncian que van traer ao centrocampista alemán e claro, Gutiérrez rememora os tempos nos que lle traían a un tipo cada ano para cubrir a súa posición.
Entra dentro do posible, a vida dun futbolista profesional resulta moi absorbente, que o loiro do Madrid non tivese oportunidade de ler a Friedrich Nietzsche. Polo tanto descoñece a teoría do Eterno Retorno que leva a que el sexa, nesta orde:
*Ameazado por un posible traspaso.
*Redescuberto na pretemporada.
*O seu xogo desperta dúbidas.
*É suplente.
*Gáñanse unha serie de partidos importantes entrando el na segunda parte.
*Recuperada a titularidade pasa desapercibido é expulsado por protestar ou por unha agresión no centro do campo. A grada pide a súa suplencia e chámalle “Mariguti”.
*O Madrid entra na súa peor racha da temporada. O entrenador, dadas as baixas, dálle entrada nunha posición inusual na que triunfa. Guti pasa a ser o favorito do Bernabeu.
Non vou dicir desde que teño uso de razón, porque posiblemente estou desposuído dela, pero desde que podo lembrar a súa carreira é así. Guti é un bo xogador pero non é un crack. Ten máis sitio ca Raúl, por exemplo, e aporta cousas pero o peso do equipo non pode recaer nel. Perxudícalle a súa imaxe dado o perfil troglodítico do Bernabeu que acepta a metrosexualidade nun británico e non nun español. Os ultradereitistas cos que vemos o fútbol no bar póñense frenéticos cada vez que toca o balón. Dado o aprezo que teño polo Madrid penso que Ballack é unha gran fichaxe pero que Riquelme sería mellor. O que é seguro é que Guti perderá (e recuperará a titularidade).