Guti seguidor de Nietzsche
Por Fournier Alan
Ago 6
Pensaba que Calderón e Pedja eran homes de letras. Calderón por ser avogado e Pedja porque non o vexo capaz de facer unha integral e si de asinar autógrafos, ter sido unha estrela no seu día é a mellor academia. Sen embargo agora revélanse como xenios capaces de transformar as matemáticas tal como as entendemos.
A saber: se Arjen Robben valía 33 millóns e o Chelsea declarou recentemente que Ballack valía 40 como é posible que a suma de ambos valla 45? Quizais a resposta non estea nun cambio de paradigma aritmético senón na xa probada capacidade embaucadora de ambos persoeiros. Sport (vale non é a fonte máis imparcial) facíase eco de rumores portugueses que apuntaban que o polémico Pepe non valería 30 senón 12, un prezo máis acorde co mercado, e que 18 deses millóns irían destinados a pagar unha débeda do Chelsea pola fichaxe, long time ago, de Ricardo Carvalho.
Se sumamos eses 18 aos 40 saenos unha cantidade total máis próxima á realidade. O caso é que o modus operandi da dirección do Real Madrid queda en evidencia.
E Guti que ten que ver con todo isto? Pois primeiro que a exhibición do de Torrejón, os seus 20 minutos de toda a vida, contra o temible equipo ferroviario ruso facían innecesaria a contratación dun conductor do xogo (Kaká, Cesc, Snejder, Ballack, Nasri, Iniesta, Riquelme… De La Peña!). Ao día seguinte anuncian que van traer ao centrocampista alemán e claro, Gutiérrez rememora os tempos nos que lle traían a un tipo cada ano para cubrir a súa posición.
Entra dentro do posible, a vida dun futbolista profesional resulta moi absorbente, que o loiro do Madrid non tivese oportunidade de ler a Friedrich Nietzsche. Polo tanto descoñece a teoría do Eterno Retorno que leva a que el sexa, nesta orde:
*Ameazado por un posible traspaso.
*Redescuberto na pretemporada.
*O seu xogo desperta dúbidas.
*É suplente.
*Gáñanse unha serie de partidos importantes entrando el na segunda parte.
*Recuperada a titularidade pasa desapercibido é expulsado por protestar ou por unha agresión no centro do campo. A grada pide a súa suplencia e chámalle “Mariguti”.
*O Madrid entra na súa peor racha da temporada. O entrenador, dadas as baixas, dálle entrada nunha posición inusual na que triunfa. Guti pasa a ser o favorito do Bernabeu.
Non vou dicir desde que teño uso de razón, porque posiblemente estou desposuído dela, pero desde que podo lembrar a súa carreira é así. Guti é un bo xogador pero non é un crack. Ten máis sitio ca Raúl, por exemplo, e aporta cousas pero o peso do equipo non pode recaer nel. Perxudícalle a súa imaxe dado o perfil troglodítico do Bernabeu que acepta a metrosexualidade nun británico e non nun español. Os ultradereitistas cos que vemos o fútbol no bar póñense frenéticos cada vez que toca o balón. Dado o aprezo que teño polo Madrid penso que Ballack é unha gran fichaxe pero que Riquelme sería mellor. O que é seguro é que Guti perderá (e recuperará a titularidade).
