Superpredicible
Por Fournier Alan
Ago 13
A ida da Supercopa foi un partido, honrando ao seu nome, superpredecible. Ningún dos actores se saíu do seu rol nin parece ter trazas diso. O Sevilla volveu ser vertical, ordenado, tacticamente virtuoso e non perdeu a súa identidade de xogo. Luis Fabiano fíxoo todo ben salvo rematar, os centrais tiveron certas dúbidas, as bandas non centraron ben e os novos, a verdade, non achegaron demasiado e ninguén confía en que vaia ser así, viñeron para facer vulto na Champions League, Copa e Liga.
O máis curioso é que o Sevilla xa non dispón de Alves. Este adicouse no primeiro período a ser un lateral dereito que se limita a cubrir a súa banda. Un descoñecido. Na segunda amosou algo máis de si facendo pases tipo Laudrup, roubando balóns no mediocampo e rematando corners. O certo é que é unha pena que a Liga vaia perder a este xogador. Paréceme irreprochable a súa postura de non querer xogar contra o AEK porque, sinceramente, iso fai moi difícil a súa venda a un grande de Europa que é o que merece. Ollo se o ficha o Manchester porque estaríamos falando dunha verdadeira ala infernal composta polo brasileiro e Cristiano Ronaldo.
O Madrid ten os seus propios infernos. Por exemplo depender excesivamente de Van Nistelroy (e Casillas) para poder gañarlle un partido ata ao Alcoyano. Raúl, por se fixera falla, amosou outra vez o seu fracaso como dianteiro centro e resulta curioso que entre tanta fichaxe non se contratase un dianteiro centro de garantías. Saviola non o é, é como Raúl pero con calidade e velocidade, e Soldado quizais merecería unha oportunidade que non lle van dar por ser da canteira e non comportarse como un energúmeno.
Os problemas principais, obviamente, non son eses. Van máis pola descompensación da plantilla e ter que depender de Guti que é como depender da chuvia en Santiago para tender a roupa. Así que coa chegada de Sneijder (Chimo Bayo entra en acción e pregunta: “Esta si?”) terán un conductor (moi irregular por certo) con criterio e tiro. Non me cabe dúbida de que o fará mellor que Gago que se salva das críticas da prensa madrileña polo pálido que é e polas súas melenas.
Na defensa parece que ao que van expulsar este ano será a Pepe e non ao Cannavaro. É unha incógnita Drenthe no lateral aínda que de todos os xeitos estaban afeitos a un lateral zurdo que nin subía nin defendía así que non terá problemas. Por último, Sergio Ramos amosa ser mellor central que lateral mentres que o director deportivo búscalle saída a Cicinho, un dos mellores de Europa, e non o fai así con Salgado. Contan moito as borracheiras xuntos Pedja?
Dito isto o mellor equipo da temporada, o Sevilla, terá moi difícil non acabar a temporada cunha sensación de fracaso xa que resultaría case imposible ata a un grande repetir a fazaña. O Madrid suicidouse ao proclamar esta temporada a do ‘bo xogo’ (basta xa de empregar ese slogan brasileiro de Nike) se gañaron a liga o ano pasado, erros alleos aparte, foi cando asumiron a súa mediocridade e xogaron coma un equipo da zona baixa coa vantaxe, claro está, de contar cun día a día máis endiosado Robinho e o inestimable Van Gol. Coñecendo a sorte do seu corrupto presidente pode ser a Champions o que toque este ano.
