Heinze, para que?
Por Alan Fournier
Ago 22O mesiánico Ramón Calderón cada día nos sorprende máis (e non sei se dicir positiva ou negativamente). Aparte de facer promesas que non valen nada, presunto fraude electoral e actuar pola espalda (véxase a este respecto a entrevista que hoxe concede ao diario Marca Fabio Capello), despilfarra o diñeiro da caixa forte blanca dunha maneira pouco disímil a de Onieva, Sanz e as famosas partidas de cartas. O seu antecesor, o todopoderoso e megalómano Florentino Pérez, tras un desastre obxectivo como o do pasado domingo na Supercopa tería fichado a unha estrela mundial para desviar a atención mediática. Seguindo o exemplo do seu mefistofélico antecesor, don Ramón fichou a… Heinze!
Heinze, un central e lateral esquerdo sobrevalorado e que fixo as súas primeiras armas en Europa no Real Valladolid, resulta que agora será o gran salvador do equipo. No fondo, debemos agradecerlle a don Ramón e a Pedja que con esa operación conseguiron, dunha tacada, que Piqué e Arbeloa teñan moitos máis minutos de xogo. O que non poderá dicir o mesmo ser´´a o canteirán branco Miguel Torres. Mellor, ao meu entender, que Heinze (que costou, ollo, uns 12 millóns de euros), estará condenado ao banquillo. Non creo que Bernd se atreva a sentar a Cannavaro no banquillo, o que sería a todas luces moito máis xusto.
Resulta curioso que do fámoso eslógan de Florentino: “Zidanes y Pavones”, don Ramón a este paso non vai ter nin Zidanes nin Pavones. As fichaxes deste ano son, cando menos, dubidosas: Dudek (un porteiro que desperta a hilaridade xeral pola súa torpeza conxénita), Saviola (como fichen a Milito ou a Huntelaar acabará sendo terceiro dianteiro, como o foi no Barça), Metzelder (veu lesionado, pero gratis, aínda así non está preparado para a liga española), Drenthe (calidade indiscutible, quizáis irregular debido á súa xuventude, non pode ser o salvador), Sneijder (non é o conductor do xogo que necesitan, é o enésimo mediapunta do equipo), Pepe (bo central, debería aprender boas maneiras, pero 30 millóns de euros é un prezo desmesurado).
Os técnicos e directivos do Madrid volvéronse tolos. Pretenden fichar agora un dianteiro centro, cando teñen a Soldado, Baptista incluso, Saviola… O de Robben parece a historia interminable. E a fichaxe de Heinze é incomprensible. Por último, os que parecen condenados son os canteiráns, o cal supón unha enorme inxustiza, porque Granero, De la Red, Javi García… alí a onde vaian triunfarán, seguro. Nin Gago, nin Higuaín, nin Drenthe demostraron máis ca ningún deles.
