Arquivo de Set, 2007.
Set
29
Con Raúl pásame que ás veces dáme a sensación de vivir nunha realidade alternativa á que me ofrecen os medios de comunicación. Agora fálase dun rexurdir do gran capitán branco que o vai levar irremediablemente ao combinado da Real Federación Española e, se marca contra ao Getafe, de seguro que superará a Messi e Kaká na carreira polo Balon de Ouro. Terei que ir paseniño con boa letra para que as hordas madridistas e miles de lectores e Padiola non me comades vivos:
Algúns méritos de Raúl son innegables. Os números están aí: máximo goleador da Champions, desde os 17 xogando no Madrid, xogador de campo con máis partidos na selección… As súas cualidades futbolísticas para min son a súa mentalidade competitiva e o olfato de gol. Se González Blanco é un crack por algo é por ter aguantado tantos anos aí baixo a presión e con fame de fútbol. Neste punto cabe recordar que algo similar se pode dicir do eterno discutido Guti.
A gran virtude de Raúl actúa como elemento catalizador dun proceso deformador da realidade. Raúl crese un superclase mundial e un elixido dos deuses. Non é unha presunción ao uso marcada pola arrogancia e a altanería como pode ser, seguimos coa comparación, no caso de Guti. El cre que pode xogar cada balón, chegar a cada remate, regatear a todos os centrais do mundo porque foi uncido deste xeito. Limítase a cumprir o seu papel divino con eficacia.
O problema é a realidade (ou máis ben a realidad onde vivo eu). Aí Raúl é un xogador sen recursos para decidir por si so un partido e moito menos campionatos. Pode haber por algún que se erga por aí e me lembre que xa o fixo en múltiples ocasións pero aquí citareime a min mesmo dicindo que leva 13 anos en primeira división e o meritorio sería, realmente, non telo feito nunca. Porque cando falamos de cracks, dos de verdade, aí que falar de Ronaldo, Di Stefano, Platini, Van Basten, Zico, Messi, Cruyff, Maradona, Pelé, Roberto Baggio, Bergkamp e tantos outros con argumentos futbolísticos para resolver un encontro sen importar a realidade do mesmo.
Malos mestres
Raúl é un enorme xogador de equipo. Un dos mellores que tivo a liga seguro nese sentido de entrega incondicional polas súas cores. Sen embargo tivo esta persoa, cos estigmas da clase traballadora debuxados na fronte, moi malos mestres durante a súa carreira. Por unha banda a prensa madrileña, instalada nun permanente salto ao baleiro da esaxeración na procura da gloria blanca, avivou as súas ansias de competitividade de león de barrio converténdoo nalgo que non é: un xenio. Peor aínda foi a nefasta influencia dos seus compañeiros. Seguramente quen converteu a Raúl no monstruo que é agora foi Fernando Hierro, candidato claro á Historia Universal de la Infamia de Borges e que lle inculcou que tratar aos demais como iguais é impropio de deuses merengues.
Así se entende o seu empecinamento en darlle o Balón de Ouro cando non o merecía, ou que tirara aquel penalty contra Francia cando había mellores lanzadores sobre o campo, ou que mire ao ceo cando sone o himno español. Raúl interpreta un papel que non foi escrito para el e por iso se olvida dalgunhas liñas e entra tarde. No Real dos fantásticos empezou a dubidar da súa capacidade, e a perder punta de velocidade, e esa foi a súa fin. Debe ser duro ser dianteiro e ver adestrar a Ronaldo (se é que vai claro).
Non se agochan motivacións inocentes detrás desta deificación de Raúl. Hai motivos económicos, que o Madrid sempre estea na primeira plana garante mellores resultados económicos das empresas con sede en Madrid e hainos tamén políticos. O entorno merengue, a pesares da inmensa pluralidade política dos seus siareiros, está asentado na dereita e, incluso na ultradereita, como é o caso de Lorenzo Sanz ou Ramón Calderón, antigos membros de formacións desa ideoloxía. Convén un ídolo sen talento nin estridencias, alguén co que o traballador que se ergue ás seis da mañá nunha cidade dormitorio madrileña se poida identificar. Non hai máis que ver o caso que a pija progre Ana García Siñeriz fai no seu programa aos Beckham e aos Guti e como Roncero, o Raúl do xornalismo, adora ao seu capitán.
Neoraúl
Por volver á actualidade parece claro que Raúl non fixo máis que volver á súa posición orixinal. Aí está máis cerca da área e mete máis goles. En tempos pretéritos isto non era así porque andaban por aí Figo, Ronaldo, Owen e compañía. O número de goles de diferencia entre o semideus e Saviola non é significativa, por exemplo. No caso da selección está claro que el, Salgado e Cañizares foron expulsados por non saber ser suplentes. O proceso de divinización galáctico foi demasiado para el.
Dada a idiosincrasia de Raúl a súa retirada levará ao seu olvido. O afeccionado branco recordará máis os malabares de Ronaldinho que a un pobre home correndo entre os centrais para probar que el non se equivoca.
Set
26
A policía de Nova Iorque retivo a Ramón Calderón, presidente do Real Madrid, durante unhas horas no aeroporto da citada cidade estadounidense por mor dunha confusión con Carlos Iván Ramos Calderón. No desagradable inpass o número 1 dos madridistas tentou contactar cunha persoa de probado madridismo e honradez: o ministro de interior Pérez Rubalcaba que é amigo persoal da súa dona.
Finalmente todo se aclarou salvo a honradez do cidadán Calderón. O seu único delicto foi roubar 178 pesos en 27 caxetiñas de tabaco dun estanco a punta de coitelo. Non amañou eleccións, non acusou en falso a ninguén, non utilizou o seu clube para lucrarse, non arruinou a esta mesma entidade… Respectemos o bo nome de Carlos Iván Ramos Calderón e que algún representante da policía faga unha declaración pública. Por favor.
Set
25
Mentres Ronaldinho anda en boca de todos polo seu baixo rendemento por mor da súa desordeada vida privada, vai Miguel e confesa que sae todas as semanas e fuma desde os 14 anos. Non deixa de sorprender a naturalidade coa que admite algo que a maioría de estrelas da primeira división negarían até baixo tortura.
Pódenos estrañar? Todos nos coñecemos xente que agarra os seus primeiros soldos de 600 ou 700 euros e os funde nas noites dos venres e os sábados até que o sol aparece. Se o fan os nosos veciños que non fará alguén adorado pola sociedade e con miles e miles de euros, amén de moito tempo libre, para gastar.
Unha das peculiaridades do fútbol e que non se necesita dunhas especiais condicións físicas para triunfar. O maior exemplo disto é Romario que só cunha gran velocidade a curta distancia tumbaba ás defensas. Compartía como Ronaldinho a monarquía do gol e das discotecas. Só hai queixas cando o equipo perde. A festa remátase.
Set
23
E non é o da foto… O choque entre os dous mellores equipos da temporada pasada pareceu orbitar ao redor dun xogador desiquilibrante. Antes unhas palabras sobre o Sevilla: foi covarde de máis, non podes esperar que un dos cracks do Barcelona non enchufe unha, mellor tería sido sacar a Kerzakhov para pillar aos cataláns na contra, os hispalenses seguen sen tocar a gloria en grandes campos, Bernabeu aparte e Juande Ramos garda un parecido considerable ao protagonista de Jackie Brown.
Ronaldinho: Todo comeza conque Ronaldinho non é decisivo como noutrora. Xa dixen no anterior post o meu parecer. Sen embargo permítome engadir algo máis: a parroquia barcelonista semella vivir enganchada ao drama.
Tití: Xogador anteriormente coñecido como Henry. Chegou para ser o novo Ronaldinho e parece que segue a senda de reencarnar a Larsson. O sueco tiña unha inmensa calidade e clase que só podía amosar cando daba chegado ao balón. Preocúpame porque a velocidade é unha das poucas capacidades físicas que non son mellorables co entrenamento, alén diso hai un claro problema de confianza ao verse nun novo equipo que non xoga para el. Será demasiado vello aos 30 para aprender a xogar en estático? Non mo preguntedes a min que aínda non sei se chegarei. Ao igual que Ronaldinho a súa clase merece unha oportunidade.
Messi: O verdadeiramente incrible é que ten dous e tres anos máis ca Gio e Bojan. Ves xogar aos dous canteiráns e dá a sensación de que teñen moita calidade pero fáltalles bastante físico e experiencia para ser decisivos. Seguramente Leo sexa xa o mellor do mundo non un contra un, un dos máis hábiles no control, está empezando a pasar como Iniesta e remata xa mellor, cando menos, que Gudjohnsen. De non se ter lesionado tres meses o Barcelona tería gañado a liga con total seguridade por moitos cubalibres que Motta e compañía repartiran polo vestiario. O que dá medo é que non parou de medrar. Mais non é este o xogador desiquilibrante do Barcelona.
O máis desiquilibrante: Oleguer Presas amosou onte como en 6 minutos pódese dar a volta a un partido totalmente controlado. Tirou mal o fóra de xogo, unha das súas especialidades, e permitiu que Kanouté lle dera emoción ao partido. Non lembro ben o dato pero creo que a parella que formou con Thuram foi titular uns 20 partidos de liga dos que se gañaron 2. Ronaldinho?Messi? Quen desiquilibra aquí… É curioso como este rapaz cantos máis anos pasan peor xoga. E leva menos perigo como lateral que como central. Fai parecer a Milito e Márquez dous semideuses.
O Barça conta, cando menos, cunha defensa seria e que saca ben o balón. Vantaxe que lle permitiu gañar unha champións. Se Messi é apoiado por outro crack Raúl, nin sequera el, será capaz de frealos na competición doméstica.
Set
22
Camilo Sesto dixo: “Ya no puedo más, ya no puedo más/Siempre se repite la misma historia“. Creo que o noso Jesucristo Superstar persoal referíase ás relacións amorosas. A súa tupida cabeleira non lle permitiu ver que en realidade estábase a referir aos cracks do Fútbol Club Barcelona que, inevitablemente, acaban saíndo pola porta de atrás do equipo entre o oprobio e a vergonza.
Os magos barcelonistas abandonan o Camp Nou estigmatizados: foi o caso de Maradona, de Schuster, de Laudrup, de Stoichkov, de Romario e de Rivaldo. Nos albores do seu periplo magnifícanse os seus poderes até o paroxismo, nos momentos difíciles da temporada dubídase da súa implicación e capacidade de resolución antes que a de, poñamos por caso, Valdés ou Luis Enrique. E anos despois da súa marcha, cando o trebón se diluíu, pasan a ser parte do clube.
Falemos agora de Ronaldinho. Creo que amosou que ten cualidades técnicas e físicas para ser o mellor do mundo e un xogador importante na historia do fútbol. Na súa peor temporada meteu 21 goles, case tantos como Raúl na súa mellor (25), as máis das veces a balón parado e dando osíxeno ao equipo cando non estaban Messi e Eto’o. Se alguén que non leva unha vida nin unha preparación acorde coa dun deportista de elite, que se pode esperar del se recupera as ganas e a motivación? Ten 27 anos e un equpo fantástico para facelo.
Independentemente da miña, ou da vosa, opinión sobre Ronnie o que está claro é que hai un modus operandi no equipo culé que leva a ser excesivamente crítico coas estrelas. A falta de conformismo foi sempre un selo de identidade da sociedade catalana e un exemplo para o resto de España. Sen embargo a esaxeración inherente á prensa deportiva saca as cousas de quicio. Tomás Roncero defendeu incondicionalmente durante o seu periodo máis negro, que debeu durar unhas cinco ou seis temporadas se é que acabou, a Raúl. Agora que supera en dous goles a Saviola cuns 200 e pico minutos máis de xogo pide o balón de oro para o seu gran capitán. Seguramente a cordura atópase nunha estación intermedia.
A actitude festiva e pasota de Ronaldinho e, sobre todo, o seu promiscuo irmán non axudan a identificarse co gran crack culé. Pero el, por interese do barcelonismo, merécese máis oportunidades que Valdés, Jorquera ou Ezquerro.
Set
22
Permítome plaxiar unha infame portada do diario Marca para encabezar esta homenaxe a un dos adestradores claves desta década. José Mourinho é algo máis ca un entrenador igual que cando estivo con Robson era máis ca un tradutor. Un histrión, un psicólogo, un xestor de recursos humanos, un malo de película, un preparador físico, un axedrecista, un pai, un actor… Mourinho é o entrenador total.
Non debería ter que dar explicacións da miña admiración por el. Alguén que sae da entrega do premio a entrenador do ano da Premier para defender ao seu can e é detido entra a formar parte directamente do santoral de Padiola. Mourinho sempre quixo que a presión e a atención recaese sobre el e non sobre os seus xogadores. Cantos escándalos recordamos da plantilla do Chelsea nos seus anos como manager? Poucos cando antes eran case diarios. (Como anécdota da era Ranieri lembrar cando Gudjohnsen, Terry e Lampard xogaron espidos nunha boleira).
Tamén se ten acusado a Mourinho de conservador. Admitindo que non é un entrenador de “vida alegre” como Rikjaard ou Hiddink, o fútbol do Chelsea era agresivo e dinámico. Esmagaba aos seus rivais cando estaba en forma presionando até o último equipo. A súa némese no campionato inglés, o madrileño Benítez, vence envelenando ao rival co seu xogo anémico. Mou tentaba afogalo a base de correr aínda que acabou dependendo demasiado de Drogba.
O que matou ao preparador luso foi perder a autoridade. Primeiro coas fichaxes das estrelas do Fifa 2003 Sevchenko e Ballack que non trouxeron máis ca problemas. Non creo que moitos preparadores do mundo puidesen aguantarlle a mirada a Abramovich para dicirlle que quen fichaba era el. Nunca perdeu a autoridade moral. Os resultados, o seu cariño aos xogadores e o seu criterio salomónico dábanlle a autoridade no vestiario. Nestes días sucedéronse sinceras reaccións de raiba por parte da súa plantilla (tampouco hai que autoenganarse: olvidaranse de Jose para a semana). Veremos o que di Gerrard ou Xabi Alonso cando marche o seu adestrador.
Mourinho volverá, e pode que ao noso campionato, e se é así pode facer campión a calquera, incluso ao Atlético de Madrid. Non sería perturbador, co que leva chovido, que Mourinho volvese ao Camp Nou como adestrador?
Set
19
Ademais de todo o anterior, demostraches, con Pedro Martínez de la Rosa, as túas profundas conviccións democráticas e de confianza no poder xudicial, colaborando coa xustiza e entregándolle a Max Mosley toda a información sobre o dossier de Ferrari. Por colaborar coa xustiza e loitar contra o mal eres un mártir nos medios de Alemania e Inglaterra, berces ambos do sensacionalismo e da prensa amarela (todo o mundo sabe que os diarios de referencia mundial son Le Monde, Washington Post e o As).
Fernando, non lles fagas caso aos voitres que claman pola túa cabeza e que afirman con tanta lixeireza que ti te aproveitaches da información sobre Ferrari. Que mais dará que ti e Pedro, heroes españois, souberades cando ian a parar a respostar Kimi e Massa? Calquera con dous dedos de frente e que teña unha mínima idea de F-1 sabe que hoxe os grandes premios son como as carreiras de 125cc. Hai un montón de cambios de posición e adiantamentos, tantos que as paradas en boxes son meras anécdotas que non deciden nada. Cando se viu que un piloto gañara un GP en boxes? NUNCA.
En definitiva, a túa traxectoria profesional é intachable e o teu señorío non ten parangón na historia da F-1. Ti non es un campeón arrogante, como Schumacher, ti compartes os teus éxitos con todo o mundo, e cando non che saen as cousas ben sempre lle das as grazas ao teu equipo e afirmas de todo corazón que sen eles ti non serías ninguén. Ti non eres un piloto rencoroso, deses que teñen un incidente na pista e logo llo recrimina, coma o barriobajero de Felipe Massa. Nunca tiveches problemas con ningún outro piloto da parrilla e todos falan maravillas de ti.
Os homes de ben, Magic, somos conscientes de todo o que sofres en McLaren. Tanto que nin os 20 kilos que ganas ao ano poden paliar o mobbing que Dennis, Haug e demais sicarios che fan padecer. Sabemos que tes que vixiar aos mecánicos para que non che boten Choco-Krispies na gasolina, que intentaron montarche neumáticos de plastilina e que no último gran premio tiveches que pagar o combustible do teu bolsillo. Así e todo, a afición española, a túa afición, non ten dúbida ningunha de que sairás victorioso desta nova batalla e de que cando te marches de McLaren faralo como un caballero, sen falar mal da escudería e dándolle as grazas a todos por contribuir á túa lenda.
Atentamente,
Alain Fournier
Set
19
Estimado Fernando
Toda situación ten un límite e véxome obrigado a escribirche estas liñas para recordarche por que ti es o mellor piloto da F-1, un coloso español que sofre vexacións continuas e faltas de respeto nun mundo creado por e para os anglosaxóns. Os que te coñecemos sabemos que alguén co teu fair play e o teu carácter, tan afable, tan aberto, tan empático en definitiva, debe estar ao borde dunha depresión. Sen embargo, tamén sabemos que es tan grande que saberás sobrepoñerte a todas as inxustizas, opresións e sabotaxes que sofres nese mundo oscuro e noxento que circunda á F-1.
O peor de todo é que es un incomprendido no teu propio país, ese mesmo polo que loitas e compites en todo o mundo, paseando con orgullo español a bandeira patria con esforzo inigualable. Tristemente, o noso é un país de hipócritas, de envexosos e chupatintas que non saben defender o seu e que todo o de fóra lles parece mellor que o da súa propia nación.
Fernando, por favor, non esquezas que ti es o mellor de todolos tempos (e espazos). Lewis Hamilton é un copión que tan só sabe aproveitarse dos teus datos de telemetría e do teu desenrolo do coche, se non fora porque observa todo o que ti fas, nen sequera sabería cambiar de marcha; Massa é un piloto mediocre e arrogante que se refugia baixo un complexo de superioridade ridículo e que tivo a sorte de estar nun gran equipo como Ferrari; Kimi é un borrachín que non ten nin idea de evolucionar un motor e que tan só é especialista en romper motores pola súa conducción torpe e violenta. Pásache o mesmo que aos máis grandes, tanto no automovilismo (Senna, Schumacher, Lauda…) como no resto dos deportes (Alí, Federer, Woods…): os seus rivais, coma os teus, eran uns inútiles.
Ti si que es un deportista exemplar, un auténtico cabaleiro tanto na victoria como cando o mundo enteiro conspira contra ti para que non gañes (é que se non ninguén podería contigo, pobres diaños). Ti, ao contrario que outros pilotos, nunca puxeches en cuestión o traballo do teu equipo –nin en Renault nin en McLaren-, nunca cuestionaches as decisións de Briatore ou Ron Dennis. Ademais, cando perdes sempre o fas facendo gala do teu fair play, non coma outros que lle botan a culpa ás decisións do equipo, aos fallos na estratexia ou aos mecánicos.
Qué asco nos dá Hamilton, un engreído que se aproveita da súa nacionalidade para discutir o teu reinado. Ademais é un tramposo que conta cunha enorme fortuna, ten unha flor que nin Capello. No Gran Premio de Europa, por culpa dunha tuerca mal axustada, saiuse do trazado e golpeouse coas barreiras de protección a máis de 200 kilómetros por hora. Sen embargo, grazas á súa fortuna, nin lle pasou en carreira nin se viu privado de correr o gran premio. O colmo da “chorra” de Hamilton produciuse no Gran Premio de Turquía, cando tivo a enorme sorte de reventar unha roda cerca de boxes. Oxalá che pasara a ti iso, cando menos algunha vez, pero a fortuna non che sonríe, nin sequera pinchas (non serán tamén os de Bridgestone uns conspiradores masóns antiespañois marxistas-leninistas?).
Ti, aínda porriba, es o único que realmente sinte os colores de McLaren, o único que defende a morte ao seu equipo. O malvado de Hamilton foi quen de declarar en contra do seu propio equipo no Gran Premio de Hungría. Qué desfachatez! Ti nunca farías nada que fora en contra dos intereses de McLaren, non coma el, que con tal de salvar o pelexo sería capaz de vender á sua nai…
Set
18
A Selección Española: O mellor conxunto do campionato fixo o seu peor partido na final perante o segundo mellor equipo. Os rusos son xustos vencedores cun gran xogo. Gasol foi, a pesar das vantaxistas e absurdas críticas, o mellor xogador da final e quizais do campionato en pugna con Calderón, impresionante no tiro. Non creo nas vitorias morais mais si nos equipos competitivos. Un grupo que despois de perder unha final reacciona con raiba e indignación asumindo a súa responsabilidade farao ben nas olimpiadas chegando a semifinais ou perdendo en cuartos cos USA. A canasta que lle fuxíu a Gasol en Madrid era xemelga da que Nocioni errou en Xapón. Ao final a sorte ten un papel máis importante do que nos gustaría admitir en toda esta farsa.
As estrellas da EuroNBA: Holden, Siskauskas, Calderón, Gasol, os irmáns Lavrinovic, Barac, Borunov, Navarro, Kirilenko, Khryapa, Diamantidis, Papalukas, Nowitzki… Os que queirades (aínda que xoguen nas ligas europeas).
As seleccións que foron fieis ao bo xogo: As finalistas e Lituania fixeron bastante polo baloncesto neste campionato. Mención especial ao gran campionato de Eslovenia, á revelación dunha irregular Croacia e a Portugal e Israel que lle puxeron moito pundonor.
Cristina Villanueva (e éme igual que me chamedes de todo):Dunha beleza inhumana presentou con gracia e soltura de xeito dinámico os programas da Sexta de baloncesto. A cadea do deporte, non o digo eu que o din eles, parece abandoar así a súa lexión de contertulios que convertían as súas retransmisións en galiñeiros. É encomiable o esforzo que esta cadea está por facer por este fermoso. Quen nos dera que consigan o que outros conseguiron promocionando algo que nin sequera, fóra dos tribunais, non é nin sequera un espectáculo. O triunvirato Epi-Montes-Itu forma un equipo equilibrado. Só o divino Antoni Daimiel pode facelo mellor.
Set
18
As seleccións que nos decepcionaron: Algo inevitable porque algúns equipos teñen que fallar para que outros brillen. Francia ten o peor da NBA, xogadores cun gran físico que fan a guerra pola súa conta sen ningún tipo de orde táctico. Turquía estivo moi por debaixo da calidade dos seus xogadores. En Italia as súas novas estrelas non achegaron todo o baloncesto que podían. E, por suposto, Serbia, quien te ha visto y quien te vé, que a pesar de gañarnos todas as finais dos europeos e mundiais de categorias inferiores parece contar cunha xeración maldita.
Madrid: A capital da Comunidad de Madrid amosou a súa capacidade para a organización dun gran evento. Reloxos de posesión que non funcionaban, cada día por un motivo distinto, un público frío cheo de VIP que influíron negativamente na final e un ridículo espantoso de organización coronado cun señor na final cunha escaleira colocando a rede. Que Esperanza e Gallardón conten coas olimpiadas. Por outra… Que se ía aspirar dun sitio chamado Telefónica Arena?
Estas declaracións de Darko Milicic (aínda que me recordaron a un compañeiro de carreira, saúdo Luís):
As baixas audiencias: A influencia da Sexta, unha cadea pouco vista por moitas razóns, non é excusa para as pobres audiencias que ten o basket neste país. O partido de Fútbol entre o equipo da Federación Española de Fútbol e Islandia tivo máis audiencia que moitos partidos. Iso si é monopolio.
Perder a final: Pero o fútbol, e o basket, é así.