Arquivo de Nov, 2007.

Ovellas negras

Por Alan Fournier
Nov 27

Os problemas do F.C. Barcelona escríbense con “R”: con “R” de Relaxación, con “R” de Ronaldinho, con “R” de Rijkaard. As declaracións de Edmilson a TV3, nas que falaba da existencia de ovellas negras no vestiario culé, víronse envoltas nunha agria polémica malia que tan só explicitaba e facía público o que moitos aficionados sabiamos ou supoñíamos. Ronaldinho está tristeDende aqui, todo o noso apoio a Jose Edmilson, un home feito a sí mesmo, nado nunha das favelas máis pobres de Brasil, capaz de superar un alcoholismo xuvenil e de reorientar a súa vida cara o deporte uníndose aos atletas de Cristo.

Non é fácil identificar as causas absolutas, holísticas, dunha situación, máis cando seguramente se trate dunha conxunción delas, isto é, dunha combinación de factores que desembocan nunha situación “x”. Sen embargo, resulta obvia -e abraiante- a relaxación da que fan gala os blaugrana. Poucas veces un equipo tan forte, de tanta calidade e con tantas posibilidades se planta nun terreo de xogo con tanta desidia como o F.C. Barcelona cando xoga lonxe do Camp Nou. Nen sequera os galácticos, que eran un equipo prepotente pero que polo menos se adicaba a xogar con intensidade e brillo uns 15 minutos por partido. ¿Como pode ser que perderan a fame de títulos? ¿É posible gañar dúas ligas e unha champions e crer que xa está todo feito, que non hai por qué loitar? O noso querido Edmilson comentaba que moitas veces, para darse ánimos cando está lesionado ou falto de moral se lembra da ruada e do recibimento que tiveron en Barcelona tras gañar a Champions League.

A baixa forma e o pasotismo de Ronaldinho resultan tan alarmantes coma sorprendentes. Sería sobrehumano manter o nivel futbolístico co que abraiou ao mundo enteiro hai uns anos, pero un futbolista profesional non se pode arrastrar polos terreos de xogo como fai o Gaúcho. No Real Madrid son o coraxe de Sergio Ramos e o espíritu combativo de Raúl -algo tiña que ter- os que contaxian aos demais. No Barcelona é a desidia e o ritmo cansino de Ronaldinho o que xenera un efecto contaxio nos seus compañeiros, mesmo no propio Messi, fora do Camp Nou. Aínda me lembro perfectamente de cando era considerado o mellor futbolista do planeta e cada dous ou tres meses reclamaba unha subida de soldo. Quizais o mellor sexa que se vaia, ao Milan ou a onde sexa. O Real Madrid de Fabio Capello empezou a funcionar cando se desfixeron de Ronaldo (por non mencionar a mefistofélica influencia que exercia en Robinho).

En último lugar -pero non por elo menos importante- está a ineptitude de Frank Rijkaard para manexar certas situacións. Era vox populi que Ten Cate era o encargado de deseñar as tácticas do equipo. Sen el, o equipo foi a deriva como un barco sen timonel. O ano pasado o bo de Frank fíxose o harakiri cambiando o sistema a un 3-4-3, ¡con Oleguer e Thuram de centrais!, unha táctica que tan só saiu ben durante 45 minutos en Zaragoza e que levou aos blaugrana á eliminación na Champions e á perda de varios partidos ligueiros cos que polo menos houberan conquistado o campionato nacional.

Moitos censuran as declaracións de Edmilson. Os propios Xavi e Iniesta as califican de “inoportunas”. Inoportunas, pero ninguén dixo que faltara á verdade. ¿Cando serían oportunas, cando perdan todos os títulos? Mesmo hai quen di que estas declaracións están pactadas por Edmilson coa directiva (a plana maior do Barça coincide plenamente coa opinión do brasileiro), como unha especie de favor para facilitar a súa salida ao Milan. As razóns dan igual, son indiferentes. Ovellas negras, hailas.

Arquivado en: Barça | Comentarios (0)

FerFedeRer

Por Fournier Alan
Nov 20

Roger Federer

Seguramente aos seus 26 anos é xa o mellor tenista da historia. O seu xogo non ten fisuras salvo na terra onde a maior capacidade física dalgúns rivais, sobre todo Rafa Nadal, aínda pode con el. Chega nun dos seus maiores baches da súa carreira recente xa que perdeu contra outra das súas bestas negras a final dos Masters Series e en cuartos doutro. Referido a outro xogador do circuíto profesional resultaría un comentario sarcástico pero aquí estamos a axustarnos a realidade. Ten tal cantidade de puntos por defender
pero até a el élle difícil. Chega sen entrenador e precedido polas dúbidas sobre o seu estado de forma.

Maestros do Tenis

David Ferrer

Para a prensa madrileña e o forofo que só se apunta a ver o tenis cando hai unha victorias patria (esta figura pode ser representada graficamente por Tomás Roncero) Ferrer antes de Shangai é un comentarista de La Sexta. Aos seus 25 anos vén de facer a temporada da súa vida gañando en Auckland, Bastad e Tokio ademais dunhas semifinais no U.S. Open derrotando a quen lle tapa a súa luz, Rafa Nadal. Chega como número 6 da ATP e é estatisticamente o mellor restador do circuíto.

Shanghai

O outro campiónA falta de Grand Slam a gran potencia económica do presente e do futuro acolle o torneo de mestres. Todos confían en que este ano Federer non leve outra vez o torneo e que se poida dar a sorpresa. A victoria de González ante o xenio suízo abre as ansias de gloria de todos. Ferrer gaña con brillantez a Djokovic que dende Flushing Meadows dedícase máis á comedia lixeira que ao tenis. e Nadal a Gasquet que pasaba por aí.

Na segunda xornada aparecen as figuras do torneo. España descobre que ten un segundo tenista cando Ferrer derrota a Nadal. Federer gañar con autoridade ao dostoeivskiano Davydenko recuperando os seus mellores golpes. A prensa madrileña fantasea cunha final española.

Na derradeira xornada Federer destroza ao crack mediocre Roddick, Ferrer pasa por riba de Gasquet e Nadal dálle o billete definitivo ao seu imitador Djoko. Na griseza Roddick avanza cara as semifinais.

Grandes esperanzas

Ferrer chega ao que, pensa, pode ser o segundo partido máis importante da súa vida. Roddick é o mellor sacador do circuíto e el o mellor restador. A superficie axuda ao xogo primitivo do de Nebraska pero é derrotado por un xogador en estado de gracia como o alicantino que fai o partido da súa vida.

Máis dúbidas había no outro encontro. Podería con Nadal, a súa outra bestia negra, ou confirmaría as fendas no seu xogo? O reloxo suízo confirmou que é o mellor. A base de calidade e axudado pola pista quitou sentido ás carreiras a proba de fe do manacorí. O xogo compartía sinxeleza e imposibilidade. Primeiro mandaba a bola a unha esquina e despois á outra sempre cunha precisión exquisita. Nunha ocasión Nadal púxose 0-30 e Roger fixo 4 aces seguidos. Tamén gañou os 13 primeiros xogos do segundo set. Nada se pode facer cando el está ben.

Dous campións fronte a fronte

Campión outra vezFerrer viña coa vertixe de subir por primeira vez ás alturas. Federer tan só volveu á súa posición natural. Desde o primeiro xogo o alacantino foi incapaz de descifrar o enigma suízo. Como vencer a un tenista que non parece moverse cando xoga? Como restar golpes imposibles. No discurso saiu vencedor o español: “Roger é o mellor tenista da historia”. Non quedou atrás o gran campión: “Agradezo a David e a todo o seu equipo o marabilloso tenis que puidemos ver estes días en China”. Até nisto ten un revés incomensurable.

Despois un circo coa tenente alcaldesa de Shanghai e un Mercedes. Isto tamén é a ATP.

Arquivado en: Tenis | Comentarios (0)

Campeóns nihilistas

Por Fournier Alan
Nov 18

Eurocopa 2008A victoria inapelable de La Roja contra unha selección dun nivel similar ao noso xa clasificada e xogando como local dános como favoritos absolutos para a Eurocopa. Ou cando menos iso pon na súa portada a cabeceira máis lida de España. Seguramente algo que fixo Raúl ou o Real Madrid é artífice de tal avance cando este mesmo equipo que viste como Brasil e xoga como Inglaterra nos perdoou a goleada en Escandinavia.

Non fai falla ser un Napoleón Táctico para saber que un equipo con algúns dos mellores medios do mundo (Xavi, Cesc, Iniesta e Xabi Alonso), xogadores de banda desiquilibrantes (Joaquín, Silva, Vicente, Riera) e poucos dianteiros goleadores (Villa e Tamudo basicamente). A estratexia debe pasar polos primeiros: tocar con rapidez, abrir espazos e osixenar o xogo na banda repartindo a achega goleadora entre os dianteiros e a segunda liña.

O sorprendente non era tanto que España perdese con Irlanda do Norte ou Suecia senón o mal que xogaba con estes peloteiros. A imposición por parte da prensa madrileña das aliñacións ( metendo con calzador ao eternamente crepuscular Raúl e obrigando á selección sobrevivir ao ineficaz Torres) facía que os esquemas nunca fosen coherentes (cabe recordar o mundial do 2002 cando se xogaba cunha soa banda para que xogasen Raúl-Tristán-Valerón). Aragonés, non menos crepuscular que o Capitán, equivocouse reiteradamente tentando achegar físico e barrullería a un equipo que non pode telo con xogadores fetiche (Albelda ou Marcherna). Cando as circunstancias levaron a que estes elementos desaparecesen o xogo mellorou notablemente.

Total que agora combinase con rapidez, abrese á banda e os dianteiros resultan terriblemente eficaces. Xógase estupendamente contra un bo equipo que non disputará o título (porque como a España ao final faltanlle argumentos) e non vale como proba de toque ante outras escuadras con máis recursos e ases na manga (Italia, Francia, Portugal, Alemaña…). O tráxico da selección é que non pode gañar un campionato ao estilo italiano ou grego porque a súa cultura futbolística non llo permite e tampouco pode resolver con individualidades de ningún xenio (Cesc nun futuro?) xa que, outra desgracia como outra calquera, España pode ser a selección do vello continente con máis xogadores de 8 (Iniesta, Xavi, Xabi Alonso, Villa…) pero ningún de 10 (a pesar do que poida pensar Raúl ao ler isto).

Outras alternativas como basearse nas xogadas de estratexia non son posibles polo pouco tempo de entrenamentos e a falta de compromiso histórico dos internacionais. Tampouco a gran especialidade de Aragonés, o contragolpe, é aceptado polos xornais da Capital da Comunidade de Madrid. Polo tanto pasará o mesmo de sempre: alguén con máis oficio e recursos pasará por diante de España en cuartos e as parvadas de antes da clasificación xa non enganan a ninguén. Son campeóns nihilistas, dos que non gañan nada.

Arquivado en: selección | Comentarios (0)

Roger Federer: Master of Masters

Por Alan Fournier
Nov 13

Roger Federer, o mellor tenista da historiaConfío en que ninguén me etiquetará de oportunista, pois neste mesmo intre Roger Federer ten a ventaxa máis exigüa (895 puntos) dos últimos séculos sobre o seu amigo e rival Rafael Nadal. Pase o que pase no Masters de Shangai e nos vindeiros compromisos tenísticos o suizo ten argumentos máis que suficientes para ser considerado o mellor tenista de tódolos tempos. Por máis que lle corroa e lles moleste a algúns babosos aduladores verborreicos e verborráxicos que tanto se excitan cos bíceps, tríceps, cuadriceps e quintuceps do balear, que escriben sobre tenis coma quen redacta un bando municipal (sí, Alejandro Delmás, vai por ti), e que agardan coma alimañas que o rei Federer sexa deposto do seu trono.

Roger soubo manter o interés do tenis masculino en tempos de lolitas rubias eslavas que ensinan as bragas, de pernas inacabables, que mascan chicle e lanzan alaridos sensuais na pista, que súan chanel número 4 [Nota mental: hai algún deporte que atraia máis aos dexenerados, enfermos e obsesos sexuais que o tenis feminino?]. Conseguiuno con partidos inolvidables e cunha sana rivalidade con Rafael Nadal e ultimamente con Novak Djokovic. Ademais conseguiu marcar un estilo, de gentleman. Nunca levantou a voz contra un rival, e sempre fala ben de todos os seus compañeiros. Ningún gran dominador en ningún deporte conseguiu tanto respeto e foi tan admirado como o é Roger. Por se fora pouco, nunca pon unha excusa cando perde un partido. Onte, despois da derrota co chileno Fernando González afirmou ter xogado ben, pero que o seu rival o fixo mellor (hai tantos que deberían aprender a saber perder e a recoñecer os méritos dos rivais…).

Está claro que o suizo non está ao seu mellor nivel, pero coincidiremos en que a un deportista son os grandes rivais os que o fan máis glorioso e inesquecible. Grazas á motivación de loitar contra o mellor de todos os tempos, contra unha máquina de xogar ao tenis como foi Federer nos últimos catro anos, mellorou o nivel tenístico global da ATP. En Shangai, entre os oito mellores do ranking, falta David Nalbandián, un iluminado que de vez en cando destapa o tarro das esencias. Alí está un talento natural coma Djokovic, hai xogadores correosos coma Davidenko, especialistas no saque coma Roddick, está Ferrer (pouco recoñecido, mesmo en España, para o enorme talento que ten), recoñecido por todos como o mellor restador do circuito, está Nadal, un portento físico que nunca da un punto por perdido, está Fernando González, un virtuoso no golpe de dereitas… En definitiva, o nivel é moi alto e iso que se quedaron fora outros grandes xogadores capaces de complicarlle a vida a calquera como Murray, Blake, etc.

Agora, tamén resulta evidente que Federer non está no nivel de hai uns meses. Está nervioso, inseguro, parece que conta cun só plan de xogo e senón funciona (a todos os grandes deportistas individuais, e tamén aos equipos, lles rematan por pillar o “truco”), agora vencer ao maestro xa non é un soño, unha utopía coma antes. As claves están ben claras: correr moito, non desfalecer, aproveitar as suas habituais e históricas “desconexións”, non virse abaixo se perdes o primeiro set -algo que ata o de agora era definitivo-, buscar o seu revés, non deixalo pensar.

Ninguén, nen sequera Roger Federer, é perfecto. Penso que debería buscar un entrenador, sempre fai falla e é positiva unha segunda opinión ou un consello a tempo. Aínda así, resulta curioso que no ano no que gañou tres grand slam poida rematar perdendo -non o creo- o número 1. Aos Fournier danos igual o tempo que consiga permanecer co número 1 na lista de entradas da ATP, el xa é o mellor de tódolos tempos. Por qué será que amamos crear ídolos pero nos atrae moito máis botalos abaixo?

Arquivado en: Tenis | Comentarios (1)

Podería Bernd Schuster pilotar un MacLaren?

Por Fournier Alan
Nov 5

Argumentos a favor:

A escadra MacLaren é angloxermana e sempre amosou preferencia polos pilotos desta nacionalidade e cun físico ario como Hakinen ou Raikonen. Requirimento cumprido.

Bernardo SchusterOs pilotos de MacLaren sempre amosaron unha arrogancia na victoria fóra do común superando, incluso aos de Ferrari. Compararse co mellor tenista da historia e acto seguido ser arrollado polo Sevilla soe ser a consecuencia do barato do seu falar.

Tamén se valora a falta de apego polos cores. Bernardo xa dixo en Alemaña na xornada 3 e por se acaso que el xa se estaba preparando para marchar. Antes era prisioneiro do terrible Ángel Torres.

E por enriba de todo a culpa sempre é de outro: dos compañeiros, os xogadores, os mecánicos, os árbitros, o campo, a pista, os micrófonos, os xornalistas, a dirección deportiva. Neste caso, contra toda razón lóxica, do árbitro.

A pregunta é… Volverá o vindeiro ano ao Xetafe?

A padiola mecánica

A padiola mecánica

O obxectivo vital deste blog é ofrecerche unha visión 'diferente' do deporte, para o que non escatimaremos en mostrarche os aspectos máis tolos e surrealistas que o rodean.

Comentarios recentes