Arquivo de Dec, 2007.
Dec
31
Nestas entrañables datas do Nadal o verdadeiro Rei Mago é o intercambio de diñeiro por produtos. Ao Barcelona despois dos últimos resultados vén precisaría de facer unhas cantas compra-vendas:
Ronaldinho:Todo o mundo espera que Papa Berlusconi se desfaga do que, en condicións físicas e mentais aceptables, é o mellor xogador do mundo. Volverá a picar como xa o fixo con Rivaldo ou Ronaldo? Agora o ariete ex de Barça e Madrid, con máis pelo e gafas que aumentan a súa pinta de pailán, di que non se vai ao Flamengo se o fan titular. O outro Roni fará unha amenaza similar? En todo caso ninguén lle pode quitar o mérito de ter resucitado ao clube como afundilo. Foi sempre un líder para o bo e o malo. Difícilmente o venderán en inverno e dificilmente poderán conseguir os 80 ou 90 millóns que se chegaron a ofrecer por el.
Frank: (Ese tal Rikjaard era un gran xogador do Milán) Desde que a temporada pasada quedara claro que o entrenador era Ten Cate seguiu demostrando a súa falta de ascendencia sobre a plantilla e escasos recursos tácticos. Manías incribles (pasar de non poñer nunca a Puyol de lateral a poñelo sempre), solucións tácticas irrisorias (ese 3-4-3 que lles quitou liga e Champions), pouca valentía con Ronaldinho e outras estrelas estreladas, cambios predecibles semanas antes e por suposto o xa célebre “Córner de Márquez ao primeiro pao” que é a máxima representación da impotencia na que vive este equipo.
Non se fará pero a fichaxe de Mourinho na metade de temporada faría ao Barcelona campión de Liga e de Champions xa que ten sen dúbida a mellor plantilla do mundo digan o que digan Hernaez ou Roncero. A outra alternativa boa que se baralla é Valverde co que o equipo non só acadaría a excelencia nos resultados senón tamén no xogo. Finalmente, e dado o sino tráxico do clube, Laporta encontrará ao seu Van Gaal no gran exxogador Marco Van Basten. Todo apunta a iso (enchufado de Cruyff, holandés, famoso con glamour) pero é un pésimo entrenador cheo de manías.
Jorquera:A lesión do gardameta de Girona abriu a pregunta de se se debería firmar outro porteiro. Nunca unha pregunta tivo tan fácil resposta (si) pero tan mal enfoque. Hai que fichar un porteiro pero para suplir a Valdés un dos peores porteiros titulares da primeira división española. Dubido ata de que fose convocado por Inglaterra. O gol de Baptista retratouno como o novo Zubi. Estou de acordo en que o gol non é unha cantada escandalosa pero nin está ben colocado nin soe facer nada de mérito cando se lle preciso (e admito que foi o mellor xogador na final da Champions). Comparte con Oleguer o título de xogador desiquilibrante (eliminatoria da Champions que perdeu el soíño, partido contra o Madrid do Camp Nou, partido do Betis..). Si ten dous zamoras pero é tan só porque é, e con moita diferencia, o cancerbeiro que menos intervén.
Estou de acordo por unha vez na vida con Loco Gatti que reclama que se fiche a un titular para a porta culé e non a un suplente de futuro ou xa veterano. De todos os xeitos todas e cada unha das alternativas que se barallan agora para substituír ao posiblemente único porteiro catalán peor que o Gran Víctor melloran ao gran fake do Barça: Amelia, Schmeichel Jr., Ustari, Pinto, Diego López, Barbosa…. Calquera por Dios.
Messi:Pois si hai que vendelo. E por varias razóns:
-Porque se lesiona ciclicamente dado o seu xogo tan explosivo. Non me estrañaría que acabase rebentado aos 25. Agora mesmo o Inter de Milán compraría outro Camp Nou por fichalo e poderían traer a outro que lle chegaría a altura dos talóns. Cristiano Ronaldo por exemplo.
-Para non velo feito un fulano como Ronaldinho e que non se nos rompa a alma ao ver que non se vai nin dos laterais do Valladolid.
-Porque todo xogador arxentino ten un estafador en potencia e este acabará por aparecer.
-Para que non acabe como Maradona xa que se lle parece en todo o demais.
-Para acojonar.
-Para seguir coa tradición barcelonista de que os bos se vaian sempre pola porta de atrás.
Dito isto os Fournieur abriríamos en canal a Joan Laporta se se lle pasa pola cabeza esta alternativa. Nada máis por este ano. Deséxamosvos un bo comezo de ano e que non usedes máis Internet Explorer no 2008.
Dec
19
Tradicionalmente, o xornalismo deportivo catalán (Sport e El Mundo Deportivo) foi e ven sendo considerado parcial, subxectivo e partidista, en comparación con aquel feito en Madrid (Marca e As). Estes últimos tendían a xogar un papel máis “nacional” (refírome ao estado español), e eran considerados como diarios imparciais (ou, cando menos, o intentaban). Sen embargo, nos últimos tempos tense producido unha transformación moi profunda nos xornais deportivos madrileños, unha “radiocización” de ambos -cada vez reproducen máis fielmente as trifulcas e enfrontamentos viscerais que acontecen nas ondas, antes con García e agora con De la Morena, Abellán…- e unha polarización que riete ti da guerra fría.
Resulta moi preocupante que mesmo os dous xornais deportivos máis importantes en canto a número de vendas se preguen a intereses económicos e participen en guerras de lobbies empresariais. A guerra do fútbol, representada por Audiovisual Sport e Mediapro, ten o seu correlato exacto entre Marca e As, que, en función de intereses económicos ou estratéxicos, escollen unha trincheira e se dedican a bombardear ao inimigo impreso. Así, un xornal defende a Ramón Calderón e outro leva a cabo unha sistemática campaña de descrédito (incrible o da entrega do Marca Leyenda a Gento, se como explican fontes oficiais do Real Madrid é verdade que o director e subdirector do Marca prácticamente enganaron ao mítico futbolista para entregarlle o trofeo que levaban envolto nunha bolsa da compra) contra o mefistofélico presidente do Real Madrid.
Pero é que nen sequera se quedan aí. Podemos mesmo ler ataques directos -sen cortapisas, sen paráfrases- ao xornal da competencia. Bótanse en cara noticias falsas publicadas a todo color, falta de profesionalidade e todo tipo de inxurias que se lles veñan á cabeza.
Cando estabamos na facultade de Xornalismo, un día puxéronnos Park Row, un filme sobre o mundo do xornalismo e as súa miserias. Dous xornais rivais chegaban a un tal grao de enfrontamento que mesmo -tralo atropelo intencionado por parte dos sicarios dun xornal do neno repartidor de diarios da competencia- chegaban a usar a violencia física. Vamos, que acababan a hostias. A miña pregunta é: ¿deberían Tomás Roncero, Eduardo Inda, Alejandro Delmás, José Vicente Hernáez, Roberto Gómez, Alfredo Relaño et al acabar coas súas disputas a navalladas?
Dec
18
Os entrenadores
Quique non funcionaba e estaba en Champions a tres puntos do Real Madrid. Foron os malos resultados os culpables da súa destitución? Non conectaba coa grada nin daba espectáculo pero… Ranieri, Benítez e Cúper tampouco. Era un tipo que se levaba mal con todo o mundo pero recordemos que entrenaba ao Valencia e non a un equipo simpático. Trouxeron a Koeman que rompe a tendencia no estilo de xogo e resultados (o Valencia neste período broncas viviu a mellor época da súa historia con dúas ligas, unha copa e dúas finais de Champions). Só na bronca eterna atopa a felicidade.
Os xogadores
O Valencia F.C. reúne a moitos dos xogadores máis odiados do campionato facendo imposible a simpatía por eles. Marchena, Albelda ou Cañizares serían candidatos a ser afogados polas súas nais en calquer regato nada máis ter nacido. Estes xogadores “veteranos” ou ben viviron a súa etapa de gloria hai tempo e agora estorban máis do que colaboran. Equivócase Koeman indo a por eles a cara descuberta? Posiblemente non nas intencións (boas) pero si na forma porque o clube do Turia parece o imperio romano en tempos de Tiberio ou Calígula onde a delación, traición e envelenamento eran a única forma segura de acadar o éxito. Como exemplo cabe analizar como Carboni e Quique se fixeron a vida imposible como director deportivo-entrenador e xogador-entrenador e ambos están fóra agora. A menos que os resultados de Koeman melloren (fácil) notablemente (difícil) posiblemente acaben todos fóra.
Os fichaxes merecen un punto aparte: Manuel Fernandes, candidato a fake da década, con 16 millóns de euros e Zigic, con 24, apenas contan e acaban por xogar tipos do filial. O Valencia parece condenado a un superávit de zurdos e a unha escaseza crónica de mediocentros. Hildebrand chegou como un dos mellores de Alemaña e resultou ser un TIMO. Ás veces fálase de que cando unha plantilla conta con demasiados foráneos iso crea problemas culturais e de convivencia. Habería que reflexionar se ser o núcleo da selección española non crea un sistema que discrimina o local por riba do estranxeiro (Non teño outra explicación para que non xogue Zigic)
Os médicos
É posible que haxa unha masacre de xogadores e adestradores nestes próximos meses en Mestalla. Temporada na que estaban sen dúbida en disposición de gañar algunha das competicións. E veremos pasar a moita xente por Valencia pero un peso morto que arrastra ao clube ché ao abismo e merma as súas posibilidades de chegar ao máis alto. Un dos casos peores é o de Vicente. Sano, se alguén se acorda diso, é un dos mellores do mundo no seu posto pero as lesións non deixan de cebarse nel. As roturas de días noutros equipos aquí son de meses. Se cambian entrenadores, xogadores e preparadores non hai algo que cheire a podre na clínica levantina?
Dec
14
Fernando Alonso regresa, non sei ben se como fillo pródigo, a Renault. Todos lembran con nostalxia as imaxes do piloto asturiano celebrando os seus dous títulos de campión mundial co playboy Briatore. Apenas se alzan voces críticas, existe un consenso tácito amparado en gran parte polo núcleo duro de fans de Alonso, desexosos de desempolvar a marea azul.
Non quero exercer de agoreiro pero ninguén parece recordar os moitos encontronazos que o asturiano tivo con Briatore. Todos lembramos a entrañable figura de “el tuercas”, parida polos integristas Gonzalo Serrano e Antonio Lobato (qué dirán os Serrano e Lobato ingleses do mecánico que axustou mal a roda dianteira dereita de Lewis Hamilton, que case se mata). Ou as queixas de Alonso sobre o seu coche (cando era tan fiable como un tractor, nunca rompía, ao contrario do McLaren de Kimi, que parecía de cristal de bohemia), a súa espantada a McLaren en busca dun futuro mellor. E así ata o infinito.
Esta reconciliación resúltame enormemente estraña. Polo elevado salario que percibirá Fernando (30 millóns ao ano, que a Carlos Gracia lle parecen poucos) e pola potestade que terá o piloto de marcharse o ano que vén se o coche non cumple uns obxectivos (¿que obxectivos?). Por non falar da duración do contrato, que ou ben indica que Fernando Alonso ten xa algún tipo de acordo verbal con Ferrari para o 2009 ou ben que está moi confiado nas súas posibilidades e no seu estatus de campión. A miña pregunta é: ¿Canto tardará o simpático piloto asturiano en queixarse da previsible falta de competividade do R-28, ou do seu compañeiro de equipo Nelsinho Piquet jr., outro rookie con padre protagonista, este incluso tricampeón mundial? Admítense apostas
Dec
13
Se o sorteo dos grupos da Champions decantara grupos máis ou menos predecibles o bombo das eliminatorias promete ser máis do mesmo. De todos os favoritos só fallo o Valencia de xeito estrepitoso e o PSV. O resto de clasificados podíase sacar cunha plantilla. Sobre os lideratos as sorpresas son o Porto e, na miña modesta opinión, en moita menor medida o Arsenal que parece que está a perder gas.
A maior complicación para os grandes de Europa fala inglés. Ársenal e Liverpool son dous segundos inesperados que con Lyon e Roma forman o cuarteto dos rivais complicados. Dadas as variables (non poden repetir rival e non poden enfrentarse a outro conxunto inglés) as probabilidades dun enfrontamento de Madrid e Barça cos propietarios de Anfield e o Emirates Stadium son elevadas. As de eliminación tamén.
O resto dos segundos son bastante máis asequibles e só poden dar problemas a equipos como Porto ou Inter (malditos desde a súa creación). Desde que se eliminou a segunda liguiña os “modestos” de Europa (como o Liverpool) chegan regularmente ás semifinais ou á final polo azar dos choques. Se ese sistema amosouse insoportable para os calendarios sobrecargados de encontros domésticos non menos certo era que os cuartos de final resultantes tiñan moitos máis alicientes que esta primeira eliminatoria que servirá, na maioría dos casos, como volta de quencemento aos favoritos.
Dec
11
Os feitos obxectivos indícannos que o Barça conseguiu o pasado domingo tres puntos no Nou Camp que lle permiten seguir case sen folgos o ronsel dun Madrid uncido polos deuses para gañar a súa segunda liga consecutiva. Sen embargo a derrota flotou na atmósfera do afeccionado catalán ante un xogo tan malo. Nin sequera agora o Camp Nou é fortaleza para librarnos do xogo espeso e tibio dos azulgranas que parecen vivir nun permanente catarro. Nin Messi desborda xa.
O Dépor cun equipo, digamos, estraño conseguiu manexar ben ao anquilosado mediocampo blaugrana. Víctor Valdés volveu demostrar a súa calidade coméndose con moito estilo un tiro benintencionado do fillo pródigo Cristian. A inoperancia das bandas Sylvinh-Zambrotta e a falta de ganas de todos menos Eto’o. Só Cristian, outra vez, cun dos dous penaltys máis claros de todos os tempos ( o outro non llo pitaron a Coloccini na segunda metade) puido desiquilibrar o partido. O Barça gañou porque as súas individualidades fan case inevitable que sexa así e o Deportivo, co seu non saber competir e falta aberrante de calidade arriba acaba por facerse o Sepuku.
Poden perder os dous equipos un partido? Parece que si.
Dec
7
O debate importante ao redor das seleccións autonómicas seguramente é a necesidade da súa existencia. Nun calendario saturado por ridículos duelos entre combinados estatais e equipos do Caucaso ou das repúblicas Bálticas as seleccións autonómicas irrompen nas vacacións navideñas con enfrontamentos entre os equipos rexionais e seleccións de federacións ávidas de cartos que en ocasións, como no debut da galega, mandan ao seu equipo B para facer caixa.
Pero xa que as seleccións autonómicas están aquí imos darlle vidilla. O primeiro punto de conflito en toda selección é a convocatoria. Nin sequera aquí hai moito onde rascar, están os que teñen que estar e non hai máis (Bueno, por meter cizaña quizais Rochela xa está para ir non?). Sobre os seleccionadores non hai moito que protestar. Fernando “Gafapasta” Vázquez nunca foi santo da miña devoción pero merece o posto pola súa traxectoria. Arsenio é unha lenda do fútbol galego polo que non hai nada que discutir. Pero creemos polémica!! Cando a Galega botou a andar Vázquez era entrenador do Celta e Iglesias será sempre un icono do deportivismo. Deben os galegos pagar dous entrenadores para tragar co localismo de sempre? Que se decidan por un… Ou que fichen a David Vidal para crear controversia e declaracións graciosas.
Unha polémica que non me extrañaría que abrollara en breve será a creación dun Estadio Nacional como Wembley ou o Stade de France. De crearse ese recinto para as competicións da azulceleste onde debería estar situado? Se fose en Coruña ou Vigo habería lío. Tería sentido un estadio grande en Compostela? Non sería Monterroso ou Antas de Ulla, corazóns xeográficos da terra lugares máis idóneos. No caso de ser en Monterroso os partidos poderían coincidir con algunha feira…
No fútbol ibérico a cuestión de ser favoritos nunha competición ou noutra trae moito ruxe ruxe. Reflexionemos logo: Estamos á altura de Escocia? E de Lituania? Gañaríamoslle a Italia cun pouco de sorte? Quizais a Eurocopa se nos quede algo grande pero… Sería Galicia semifinalista da Copa de África? Quizais nos falte algunha estrela (como foi Fran no seu momento) para poder gañarlle a Mali, Exipto ou Marrocos. E a Copa de Asia? Só Irán ou Corea semellan netamente superiores.
Por último, un xerador seguro de polémica, o meu once inicial:Diego López; Barragán, Piscu, Rubén, Salgado; Viqueira, Borja, Aspas, Nano; Trashorras, Novo. Por certo un convocado menos do Ipswich Town ca do Dépor e do Celta.
Dec
5
Que pasa co Dépor? O ano pasado non tiraba a porta e non xeraba xogo de ningún tipo, nin sequera do malo, e aínda así foi gañando os partidos e conseguindo a salvación sen moitos apuros. Neste exercicio con practicamente a mesma plantilla, mellorada nalgúns postos se cabe, non dá gañado na casa, vello problema, e déixase perder en moitos partidos.
O xogo do equipo herculino porfía contra a realidade. O seu xogo é (bastante) bo. Para ser como o Racing de Santander ou proclamarse equipo relevación. Hai bos xogadores no equipo (salvo na dianteira onde-outra paradoxa-hai overbooking) e a aposta polo toque de Lotina foi, contra toda lóxica, algo máis que un dos seus habituais exercicios de simplepensar das roldas de prensa.
Contra calquera prognóstico non xoga o prometedor Adrián e si os incapaces Bodipo e Taborda e un rapaz da canteira está sendo o máis destacado en defensa canda un até hai pouco deshauciado Manuel Pablo que pensa en si mesmo como internacionable. O Deportivo é estraño e así está sendo o seu camiño: errático e capaz do mellor e do peor. Os equipos tan novos son propensos á irregularidade polo que non é descartable un descenso ou (quen sabe) unha gran actuación na Copa do Rei, unha remontada importante ou unha victoria no Nou Camp. O resultado será sempre sorprendente.
Dec
4
O sorteo da fase final da Eurocopa austrosuíza do próximo verán decantou un grupo da morte (Holanda-Italia-Rumanía-Francia), outro de nivel medio (Suíza-Chequia-Portugal-Turquía) e dous ridiculamente devaluados: o de España (con Suecia-Rusia-Grecia) e o de Alemaña (Polonia-Austria-Croacia). Esta situación vén dada pola pouca entidade dos anfitrións, sobre todo Austria, e o feito de que Grecia, cun plantel lamentable, gañase a anterior edición. Aínda así sigo sen entender moi ben como Francia, finalista dun mundial, estaba no último bombo.
Este grupo D que lle veu a tocar en sorte é unha folla de ruta da desgracia para España. Por unha banda porque sufrirá, sempre sufre, contra rivais con plantillas inferiores ás súas e quedarán máis patentes incluso as súas limitacións. Pode pasar iso ou que, como no pasado mundial, arrase nos tres primeiros partidos e gañemos, sen ter desputado as eliminatorias, a Eurocopa. Por se faltasen poucos indicativos de catástrofe os cruces do grupo son contra rivais moito máis en forma que calquera dos integrantes do noso grupo. En cuartos á casa como sempre.
Para colmo de males Aragonés está desexando baixarse aos pantalóns e ameaza con quitar o que obviamente funciona (os centrocampistas de toque do Barça e os estremos do Valencia) para dar entrada ao capitán branco. O superclase madridista volveu a deixarnos atónitos o pasado sábado cun gol despois dun fallo en defensa do Racing e por meter un libre directo a través dunha barreira que se abre. O debate non acabará ata que As, Marca, Cadena Ser e os demais testaferros de La Roja teñan a aliñación que queren.
Total que a posibilidade de ter un equipo baseado no colectivo e na identidade futbolística nacional (eu creo que a furia é máis arxentina que outra cousa) e que dá resultados aos clubes botarase pola borda polos mesmos atavismos de sempre. Este grupo fácil e pouco meritorio en vez de darnos a vida seguramente danos o pasaporte para volver cedo a casa. A salientar o que dixo Chivu sobre o grupo no que está Rumanía: “Se pasamos da fase de grupos gañamos o mundial”. Para cando esa mentalidade aquí?
Dec
4
A Fernando Alonso acabaselle o tempo. Cada día que pasa está máis lonxe de conseguir unha solución satisfactoria para os seus intereses. En teoría, son Red Bull, Renault e Toyota os candidatos a contratar ao piloto asturiano. Os últimos rumores sobre supostas ofertas de Honda e ¡BMW! parecen rumores sen fundamento, senón directamente invencións de Luís Garcia Abad, o manager de Alonso.
Das tres opcións, a máis realista semella a de Renault. Existe unha aceptación tácita por parte do sector máis duro dos “alonsomaníacos”. As desavenencias públicas entre Flavio Briatore e Fernando Alonso, as polémicas absurdas creadas e fomentadas pola prensa madrileña sobre un suposto trato de favor a Giancarlo Fisichella (¿soalles de algo?), o tema de “el tuercas”, etc. Cando Magic se marchou a McLaren venderonnos esta fuxida como un salto cualitativo na súa carreira, como unha oportunidade de dispor do mellor material para conseguir o terceiro título. En resumo, que a afición, desmemoriada por natureza, se decanta por desempolvar o merchandising de Renault e volver a formar unha marea azul. Por moi emocionante que isto pareza, a marca francesa está moi lonxe de McLaren, Ferrari e mesmo de BMW e non semella que iso fora a cambiar coa chegada de Fernando Alonso.
A opción de Red Bull resulta especialmente delirante. Non sei como alguen a pode tomar en serio, nen sequera o propio Dietrich Mateschitz, inventor de Red Bull e o home máis rico de Austria (a súa fortuna persoal ascende a 3000 millóns de dólares). Moito Red Bull tería que tomar Fernando Alonso para facer competitivo un monoplaza que se move na máis absoluta mediocridade: dous podios (e grazas) nos últimos tres anos.
Na miña opinión, a opción máis rentable é a de Toyota. Non só contaría cun cheque en branco para o seu contrato (poderían ofrecerlle 165 millóns de euros por tres anos; en McLaren, nese mesmo período, cobraría 90), senón que tería ao seu servizo a un xigante automobilístico disposto a facer o que sexa con tal de conseguir o campionato. Ademais, alí encontrariase cun vello coñecido, Jarno Trulli, posiblemente o único compañeiro de boxes co que o asturiano non tivo problemas.
Hoxe comezan en Xerez uns entrenamentos vitais para o desenrolo dos distintos monoplazas. Os rivais de Alonso e máximos favoritos a acadar o campionato do 2008 están xa na capital xerezana. O asturiano, confiado de máis -coma sempre- nas súas posibilidades ten tensado demasiado a corda. Ninguén, obviamente, lle quere ofrecer un contrato de un ano para que despois se vaia, supostamente, a Ferrari. E todos lle ofrecen un monoplaza competitivo para o 2008. Estamos xa a comezos de decembro e Fernando aínda non ten equipo. Hai quen especula cun posible ano sabático. ¿E se ao final continúa en McLaren?