Feb
7
Non pasará, porque non pasou nunca e non tería porque ser diferente que a selección española xogue peor que o seu rival e este gañe de córner nos últimos quince minutos de partido. Os profetas arrincarían as súas barbas se Francia marra cinco ocasións claras (incluído unha delirante de Henry) como as que estragou onte. O propio Sarkozy baixaría aos vestiarios a aleccionar aos seus sobre os valores Gaullistas se tal desastre acontecese nus cuartos de final e Le Monde faría un sesudo artigo ao respecto.
Resulta impensable, xa que forma parte da lenda negra da selección española, que as estrelas do Real Madrid xoguen ao nivel do seu clube. Por iso Casillas non obrará a súa miragre semanal (e se hai Champions actuará dúas veces por semana) coma onte en Málaga nin Ramos se lucirá con Dinamarca cando o rival se chame Italia, Holanda ou Francia pero en terras alpinas no próximo verán. O que non pode ser é, ademais imposible.
E seguramente polo irreal do encontro a selección gabacha vestiuse como a Roja e a Roja vestiuse como un equipo da zona baixa da liga francesa buscando aumentar a conta de ingresos en merchandising de caste psicodélica. E até o máis Roncero dos Ronceros sabe que este partido é unha perversión da realidade. Que será España quen domine o campo en terras austríacas e os goles os marcará Anelka ou Henry. Que a defensa española será un valadar e non unha escopeta de feira, sen embargo un erro de Xabi Alonso ou Pablo nos últimos minutos condenaranos á eliminación.
Non menos irracional sería destituír ao seleccionador que, comezando mal, retomou a senda dos resultados e, por momentos do xogo, e que conta co apoio dun grupo unido por unha medianía que ademais xa creou graves problemas de convivencia en Alemaña e non foi reprendido pola prensa deportiva senón que a súa mediocridade é alterada de xeito cada vez máis extásico. O que non pode ser non pode ser e é, ademais, imposible.
Feb
5
Comezos do ano 2007. O Real Madrid perde en Riazor dando unha das peores imaxes dos últimos anos e culminando o proceso de desguace que deu comezo despois do desmembramento do Equipo dos Galácticos. As expectativas de Jogo Bonito eran baixas cando se traeu a Fabio Capello pero nin os máis catenaccistas podían crer que se podería chegar a tan baixo.
Comezos do ano 2008. Un Barcelona especulativo e que promedia neste ano recén comezado un gol por partido empata a poucos minutos do final contra un equipo claramente inferior como o Athletic. Os periódicos capitalinos dan como vencedor virtual aos máis brancos de Madrid despois de ter realizado a súa enésima miragre contra o Real Madrid. Sen embargo non se nos pode escapar que:
O Barcelona estase a acostumar a gañar sufrindo ata o último minuto e defendendo como o mellor equipo italiano. Unha defensa similar levouno a conseguir a súa segunda Copa de Europa. A este valladar hai que sumar a un inesperado convidado: Víctor Valdés pasou de ser o peor con diferencia do equipo ao protagonista máis destacado achegando unha tranquilidade beneficiosa para o equipo.
A reacción do Madrid cimentouse non na calidade dos seus homes, inferior ao do Barcelona ou á do Sevilla, senón nun gran espírito de grupo e na preparación física. De non verse tantas veces mortos e resucitados poderían os merengues ter remontado non 9 senón 15 puntos que eran os que levaban de vantaxe os culés no pasado ano? Que nos pode facer pensar que o Barcelona en similares condicións non subirá tamén?
Existen outros paralelismos interesantes como o dos Ronaldos (non confundir cos autores do celebrado himno “Idiota”). Os xeniais xogadores brasileiros deron en estragar as súas carreiras e renunciar a ser os mellores da historia cunha vida disipada que os leva a ser estrelas só nos anuncios e na conta corrente. A súa presenza, tan significativa no grupo, é un peso para o resto da plantilla. O Madrid tirou para arriba cando Ronaldo marchou para Milanello. No Barcelona o timonel tomouno Eto´o cando o de Porto Alegre perdeu a súa aura de intocabilidade. Algo polo estilo podemos dicir do desanxelado Deco que tanta ascendencia ten sobre os demais pero que ao igual que o imprescindible para a Eurocopa Raúl crea máis problemas dos que soluciona.
Sinalados estes paralelismos cabe prender o último cirio culé. Schuster conta na súa carreira con impresionantes primeiras voltas e grandes descalabros nas segundas. Cómpre recordar o que pasou en Xerez (de líder destacado á metade da táboa), Levante (de case UEFA a descenso) e no Xetafe (algo similar). Engadamos a isto que o explosivo carácter do xermánico, os seus roces de egos con estrelas como Guti e o carácter inestable e falsario dos salteadores de camiños que pilotan a nave branca pode levar a que se ben nas vacas gordas todo sexa arrogancia e especulacións sobre a xornada na que se gañará ao campionato un par de embates poden facer naufragar ao equipo de Chusté.
Para ben ou mal as matemáticas son do menos traizoeiro desta vida e dinnos que aínda que o Barcelona fai números de campeón e o Madrid de récord. Estas mesmas matemáticas sinalan que por moitas hipóteses de cambio que haxa sobre a mesa o normal será que a Cibeles se vexa ameazada outra volta polas hordas madridistas.
Feb
1
Valencia e Atlético de Madrid son dous clubes que viven nun estado de crise permanente. Son conxuntos ciclotímicos, autodestrutivos e inmersos nunha inalterada e prolongada convulsión deportiva e social. Ata aqui, penso, todos de acordo. Sen embargo, considero necesario abordar máis polo miudo o cadro sintomático de chés e colchoneros, pois agochan, aínda detentando alelos en común, certas características propias e intransferibles. En canto ao modo de entender as sucesivas crises e fracasos que os teñen definido historicamente.
O Valencia pode ser o único clube do mundo no que a súa masa social e crítica cos xogadores, cadro técnico e/ou directiva mesmo cando gañan títulos Non foron poucos os días nos que o equipo de Rafa Benítez saiu abroncado de Mestalla cando gañaron a súa última liga, alá polo ano 2004. Descoñezo a xénese de tal rebeldía, de esa sorte de autocrítica hiperbólica, dese placer conseguido nos momentos de sufrimento e desazón. Igualten que ver cos xenes valencianos, non sei. Podemos concluir, logo, que o Valencia sería o equipo preferido de Schopenhauer ou de Kierkegaard.
Non obstante, a crise sempiterna ché parece máis sana que a que na miña opinión afecta ao Atlético de Madrid. Compadezo -en serio- aos aficionados do equipo do Manzanares, acostumados a vivir nunha Semana Santa continua. Agora, o seu propio estado de excitación nerviosa responde á propia maneira de ser do aficionado atlético. Tódolos anos son aspirantes a gañar a Liga, e os propios siareiros do Atleti se encargan de propagalo aos catro ventos, de presumir do equipazo -cada ano é o mellor da súa historia- que teñen e afirmar sen rubor que aspiran a todo. Logo, como se fora unha historia escrita e xa moi repetida, cando están a piques de engancharse ao pelotón dos principais fallan ineluctablemente e súmense nun estado digamos de aceptación da crise. Así que coma un ciclotímico atravesan infindos momentos de euforia e de depresión ao longo do ano. E o meritorio da cousa é que aínda gañan socios ano a ano. Serán masocas? Freud, por qué somos del Atleti?