Estase a converter o Barça no Madrid de Capello?
Por Fournier Alan
Feb 5Comezos do ano 2007. O Real Madrid perde en Riazor dando unha das peores imaxes dos últimos anos e culminando o proceso de desguace que deu comezo despois do desmembramento do Equipo dos Galácticos. As expectativas de Jogo Bonito eran baixas cando se traeu a Fabio Capello pero nin os máis catenaccistas podían crer que se podería chegar a tan baixo.
Comezos do ano 2008. Un Barcelona especulativo e que promedia neste ano recén comezado un gol por partido empata a poucos minutos do final contra un equipo claramente inferior como o Athletic. Os periódicos capitalinos dan como vencedor virtual aos máis brancos de Madrid despois de ter realizado a súa enésima miragre contra o Real Madrid. Sen embargo non se nos pode escapar que:
O Barcelona estase a acostumar a gañar sufrindo ata o último minuto e defendendo como o mellor equipo italiano. Unha defensa similar levouno a conseguir a súa segunda Copa de Europa. A este valladar hai que sumar a un inesperado convidado: Víctor Valdés pasou de ser o peor con diferencia do equipo ao protagonista máis destacado achegando unha tranquilidade beneficiosa para o equipo.
A reacción do Madrid cimentouse non na calidade dos seus homes, inferior ao do Barcelona ou á do Sevilla, senón nun gran espírito de grupo e na preparación física. De non verse tantas veces mortos e resucitados poderían os merengues ter remontado non 9 senón 15 puntos que eran os que levaban de vantaxe os culés no pasado ano? Que nos pode facer pensar que o Barcelona en similares condicións non subirá tamén?
Existen outros paralelismos interesantes como o dos Ronaldos (non confundir cos autores do celebrado himno “Idiota”). Os xeniais xogadores brasileiros deron en estragar as súas carreiras e renunciar a ser os mellores da historia cunha vida disipada que os leva a ser estrelas só nos anuncios e na conta corrente. A súa presenza, tan significativa no grupo, é un peso para o resto da plantilla. O Madrid tirou para arriba cando Ronaldo marchou para Milanello. No Barcelona o timonel tomouno Eto´o cando o de Porto Alegre perdeu a súa aura de intocabilidade. Algo polo estilo podemos dicir do desanxelado Deco que tanta ascendencia ten sobre os demais pero que ao igual que o imprescindible para a Eurocopa Raúl crea máis problemas dos que soluciona.
Sinalados estes paralelismos cabe prender o último cirio culé. Schuster conta na súa carreira con impresionantes primeiras voltas e grandes descalabros nas segundas. Cómpre recordar o que pasou en Xerez (de líder destacado á metade da táboa), Levante (de case UEFA a descenso) e no Xetafe (algo similar). Engadamos a isto que o explosivo carácter do xermánico, os seus roces de egos con estrelas como Guti e o carácter inestable e falsario dos salteadores de camiños que pilotan a nave branca pode levar a que se ben nas vacas gordas todo sexa arrogancia e especulacións sobre a xornada na que se gañará ao campionato un par de embates poden facer naufragar ao equipo de Chusté.
Para ben ou mal as matemáticas son do menos traizoeiro desta vida e dinnos que aínda que o Barcelona fai números de campeón e o Madrid de récord. Estas mesmas matemáticas sinalan que por moitas hipóteses de cambio que haxa sobre a mesa o normal será que a Cibeles se vexa ameazada outra volta polas hordas madridistas.
