Feb
1
Valencia e Atlético de Madrid son dous clubes que viven nun estado de crise permanente. Son conxuntos ciclotímicos, autodestrutivos e inmersos nunha inalterada e prolongada convulsión deportiva e social. Ata aqui, penso, todos de acordo. Sen embargo, considero necesario abordar máis polo miudo o cadro sintomático de chés e colchoneros, pois agochan, aínda detentando alelos en común, certas características propias e intransferibles. En canto ao modo de entender as sucesivas crises e fracasos que os teñen definido historicamente.
O Valencia pode ser o único clube do mundo no que a súa masa social e crítica cos xogadores, cadro técnico e/ou directiva mesmo cando gañan títulos Non foron poucos os días nos que o equipo de Rafa Benítez saiu abroncado de Mestalla cando gañaron a súa última liga, alá polo ano 2004. Descoñezo a xénese de tal rebeldía, de esa sorte de autocrítica hiperbólica, dese placer conseguido nos momentos de sufrimento e desazón. Igualten que ver cos xenes valencianos, non sei. Podemos concluir, logo, que o Valencia sería o equipo preferido de Schopenhauer ou de Kierkegaard.
Non obstante, a crise sempiterna ché parece máis sana que a que na miña opinión afecta ao Atlético de Madrid. Compadezo -en serio- aos aficionados do equipo do Manzanares, acostumados a vivir nunha Semana Santa continua. Agora, o seu propio estado de excitación nerviosa responde á propia maneira de ser do aficionado atlético. Tódolos anos son aspirantes a gañar a Liga, e os propios siareiros do Atleti se encargan de propagalo aos catro ventos, de presumir do equipazo -cada ano é o mellor da súa historia- que teñen e afirmar sen rubor que aspiran a todo. Logo, como se fora unha historia escrita e xa moi repetida, cando están a piques de engancharse ao pelotón dos principais fallan ineluctablemente e súmense nun estado digamos de aceptación da crise. Así que coma un ciclotímico atravesan infindos momentos de euforia e de depresión ao longo do ano. E o meritorio da cousa é que aínda gañan socios ano a ano. Serán masocas? Freud, por qué somos del Atleti?
Xan
15
O Valencia C.F. sempre foi un equipo convulso, cun entorno problemático e unha afición ultraesixente. Así que a ninguén lle debería pillar por sorpresa o polvorín no que se ten convertido nos últimos meses. Non podía ser doutro xeito nun equipo que era cuestionado cando gañaban ligas e copas da uefa con Rafa Benítez.
O presidente Juan Bautista Soler, un home pouco dado a aparicións públicas como os seus antecesores no cagr Jaime Ortí e Pedro Cortés, decidiu o pasado novembro dar un golpe de timón e cesar a Quique Sánchez Flores. Eran notorias, vox populi, as desavenencias entre Flores e a maioría do plantel ché. Recordemos que un pseudomotín dos xogadores provocou a marcha case en pleno do equipo técnico o sobriño de Lola Flores. Por non falar do lío sempiterno cos servicios médicos do clube.
O elixido para reflotar a nave valencianista foi Ronald Koeman, unha das estrelas do Dream Team de Cruyff e o único adestrador -con Leo Beenhakker- en gañar a liga holandesa con dous clubes distintos. Convencido da necesidade de levar a cabo unha revolución nun equipo adormecido e acomodado, decidiu apartar a Cañizares, Albelda e Angulo. Inmediatamente, un clamor de críticas se alzou contra Soler e o propio Ronald, ataques moitos deles interesados e desestabilizadores.
Tan só os técnicos, directivos e xogadores do Valencia saben a verdade dos feitos. Non creo que Koeman sexa tal talibán coma pra cargarse a tres pesos pesados do equipo así porque sí. Algo moi grave tivo que suceder para que decidise tomar unha decisión de tanto calado. Todos sabemos que o vestiario do Valencia se ten caracterizado porcontar con homes de forte carácter e difícil convivencia, non en van para moita xente no seu momento foi o equipo máis “suxo” de Europa. A este paso teremos que darlle a razón a Carboni que, lembremos, cando foi nomeado director deportivo do clube, uns meses despois da súa retirada do fútbol en activo, tiña como obxectivo levar a cabo unha importante limpa no equipo. Isto é, algo moi grave ocorría xa naquel intre en Mestalla para que Amedeo Carboni quixese desfacerse, sen miramentos, da maior parte dos seus pouco tempo antes compañeiros de vestiario. Esixo unha entrevista a Amedeo Carboni na que nos conte a verdade sobre o que acontece nun equipo que cada vez cheira máis a chamusquina, e non por as fallas precisamente. Ou iso ou un programa de cámara oculta (apúntaste ti, Ever?).
Dec
19
Tradicionalmente, o xornalismo deportivo catalán (Sport e El Mundo Deportivo) foi e ven sendo considerado parcial, subxectivo e partidista, en comparación con aquel feito en Madrid (Marca e As). Estes últimos tendían a xogar un papel máis “nacional” (refírome ao estado español), e eran considerados como diarios imparciais (ou, cando menos, o intentaban). Sen embargo, nos últimos tempos tense producido unha transformación moi profunda nos xornais deportivos madrileños, unha “radiocización” de ambos -cada vez reproducen máis fielmente as trifulcas e enfrontamentos viscerais que acontecen nas ondas, antes con García e agora con De la Morena, Abellán…- e unha polarización que riete ti da guerra fría.
Resulta moi preocupante que mesmo os dous xornais deportivos máis importantes en canto a número de vendas se preguen a intereses económicos e participen en guerras de lobbies empresariais. A guerra do fútbol, representada por Audiovisual Sport e Mediapro, ten o seu correlato exacto entre Marca e As, que, en función de intereses económicos ou estratéxicos, escollen unha trincheira e se dedican a bombardear ao inimigo impreso. Así, un xornal defende a Ramón Calderón e outro leva a cabo unha sistemática campaña de descrédito (incrible o da entrega do Marca Leyenda a Gento, se como explican fontes oficiais do Real Madrid é verdade que o director e subdirector do Marca prácticamente enganaron ao mítico futbolista para entregarlle o trofeo que levaban envolto nunha bolsa da compra) contra o mefistofélico presidente do Real Madrid.
Pero é que nen sequera se quedan aí. Podemos mesmo ler ataques directos -sen cortapisas, sen paráfrases- ao xornal da competencia. Bótanse en cara noticias falsas publicadas a todo color, falta de profesionalidade e todo tipo de inxurias que se lles veñan á cabeza.
Cando estabamos na facultade de Xornalismo, un día puxéronnos Park Row, un filme sobre o mundo do xornalismo e as súa miserias. Dous xornais rivais chegaban a un tal grao de enfrontamento que mesmo -tralo atropelo intencionado por parte dos sicarios dun xornal do neno repartidor de diarios da competencia- chegaban a usar a violencia física. Vamos, que acababan a hostias. A miña pregunta é: ¿deberían Tomás Roncero, Eduardo Inda, Alejandro Delmás, José Vicente Hernáez, Roberto Gómez, Alfredo Relaño et al acabar coas súas disputas a navalladas?
Dec
14
Fernando Alonso regresa, non sei ben se como fillo pródigo, a Renault. Todos lembran con nostalxia as imaxes do piloto asturiano celebrando os seus dous títulos de campión mundial co playboy Briatore. Apenas se alzan voces críticas, existe un consenso tácito amparado en gran parte polo núcleo duro de fans de Alonso, desexosos de desempolvar a marea azul.
Non quero exercer de agoreiro pero ninguén parece recordar os moitos encontronazos que o asturiano tivo con Briatore. Todos lembramos a entrañable figura de “el tuercas”, parida polos integristas Gonzalo Serrano e Antonio Lobato (qué dirán os Serrano e Lobato ingleses do mecánico que axustou mal a roda dianteira dereita de Lewis Hamilton, que case se mata). Ou as queixas de Alonso sobre o seu coche (cando era tan fiable como un tractor, nunca rompía, ao contrario do McLaren de Kimi, que parecía de cristal de bohemia), a súa espantada a McLaren en busca dun futuro mellor. E así ata o infinito.
Esta reconciliación resúltame enormemente estraña. Polo elevado salario que percibirá Fernando (30 millóns ao ano, que a Carlos Gracia lle parecen poucos) e pola potestade que terá o piloto de marcharse o ano que vén se o coche non cumple uns obxectivos (¿que obxectivos?). Por non falar da duración do contrato, que ou ben indica que Fernando Alonso ten xa algún tipo de acordo verbal con Ferrari para o 2009 ou ben que está moi confiado nas súas posibilidades e no seu estatus de campión. A miña pregunta é: ¿Canto tardará o simpático piloto asturiano en queixarse da previsible falta de competividade do R-28, ou do seu compañeiro de equipo Nelsinho Piquet jr., outro rookie con padre protagonista, este incluso tricampeón mundial? Admítense apostas
Dec
4
A Fernando Alonso acabaselle o tempo. Cada día que pasa está máis lonxe de conseguir unha solución satisfactoria para os seus intereses. En teoría, son Red Bull, Renault e Toyota os candidatos a contratar ao piloto asturiano. Os últimos rumores sobre supostas ofertas de Honda e ¡BMW! parecen rumores sen fundamento, senón directamente invencións de Luís Garcia Abad, o manager de Alonso.
Das tres opcións, a máis realista semella a de Renault. Existe unha aceptación tácita por parte do sector máis duro dos “alonsomaníacos”. As desavenencias públicas entre Flavio Briatore e Fernando Alonso, as polémicas absurdas creadas e fomentadas pola prensa madrileña sobre un suposto trato de favor a Giancarlo Fisichella (¿soalles de algo?), o tema de “el tuercas”, etc. Cando Magic se marchou a McLaren venderonnos esta fuxida como un salto cualitativo na súa carreira, como unha oportunidade de dispor do mellor material para conseguir o terceiro título. En resumo, que a afición, desmemoriada por natureza, se decanta por desempolvar o merchandising de Renault e volver a formar unha marea azul. Por moi emocionante que isto pareza, a marca francesa está moi lonxe de McLaren, Ferrari e mesmo de BMW e non semella que iso fora a cambiar coa chegada de Fernando Alonso.
A opción de Red Bull resulta especialmente delirante. Non sei como alguen a pode tomar en serio, nen sequera o propio Dietrich Mateschitz, inventor de Red Bull e o home máis rico de Austria (a súa fortuna persoal ascende a 3000 millóns de dólares). Moito Red Bull tería que tomar Fernando Alonso para facer competitivo un monoplaza que se move na máis absoluta mediocridade: dous podios (e grazas) nos últimos tres anos.
Na miña opinión, a opción máis rentable é a de Toyota. Non só contaría cun cheque en branco para o seu contrato (poderían ofrecerlle 165 millóns de euros por tres anos; en McLaren, nese mesmo período, cobraría 90), senón que tería ao seu servizo a un xigante automobilístico disposto a facer o que sexa con tal de conseguir o campionato. Ademais, alí encontrariase cun vello coñecido, Jarno Trulli, posiblemente o único compañeiro de boxes co que o asturiano non tivo problemas.
Hoxe comezan en Xerez uns entrenamentos vitais para o desenrolo dos distintos monoplazas. Os rivais de Alonso e máximos favoritos a acadar o campionato do 2008 están xa na capital xerezana. O asturiano, confiado de máis -coma sempre- nas súas posibilidades ten tensado demasiado a corda. Ninguén, obviamente, lle quere ofrecer un contrato de un ano para que despois se vaia, supostamente, a Ferrari. E todos lle ofrecen un monoplaza competitivo para o 2008. Estamos xa a comezos de decembro e Fernando aínda non ten equipo. Hai quen especula cun posible ano sabático. ¿E se ao final continúa en McLaren?
Nov
27
Os problemas do F.C. Barcelona escríbense con “R”: con “R” de Relaxación, con “R” de Ronaldinho, con “R” de Rijkaard. As declaracións de Edmilson a TV3, nas que falaba da existencia de ovellas negras no vestiario culé, víronse envoltas nunha agria polémica malia que tan só explicitaba e facía público o que moitos aficionados sabiamos ou supoñíamos.
Dende aqui, todo o noso apoio a Jose Edmilson, un home feito a sí mesmo, nado nunha das favelas máis pobres de Brasil, capaz de superar un alcoholismo xuvenil e de reorientar a súa vida cara o deporte uníndose aos atletas de Cristo.
Non é fácil identificar as causas absolutas, holísticas, dunha situación, máis cando seguramente se trate dunha conxunción delas, isto é, dunha combinación de factores que desembocan nunha situación “x”. Sen embargo, resulta obvia -e abraiante- a relaxación da que fan gala os blaugrana. Poucas veces un equipo tan forte, de tanta calidade e con tantas posibilidades se planta nun terreo de xogo con tanta desidia como o F.C. Barcelona cando xoga lonxe do Camp Nou. Nen sequera os galácticos, que eran un equipo prepotente pero que polo menos se adicaba a xogar con intensidade e brillo uns 15 minutos por partido. ¿Como pode ser que perderan a fame de títulos? ¿É posible gañar dúas ligas e unha champions e crer que xa está todo feito, que non hai por qué loitar? O noso querido Edmilson comentaba que moitas veces, para darse ánimos cando está lesionado ou falto de moral se lembra da ruada e do recibimento que tiveron en Barcelona tras gañar a Champions League.
A baixa forma e o pasotismo de Ronaldinho resultan tan alarmantes coma sorprendentes. Sería sobrehumano manter o nivel futbolístico co que abraiou ao mundo enteiro hai uns anos, pero un futbolista profesional non se pode arrastrar polos terreos de xogo como fai o Gaúcho. No Real Madrid son o coraxe de Sergio Ramos e o espíritu combativo de Raúl -algo tiña que ter- os que contaxian aos demais. No Barcelona é a desidia e o ritmo cansino de Ronaldinho o que xenera un efecto contaxio nos seus compañeiros, mesmo no propio Messi, fora do Camp Nou. Aínda me lembro perfectamente de cando era considerado o mellor futbolista do planeta e cada dous ou tres meses reclamaba unha subida de soldo. Quizais o mellor sexa que se vaia, ao Milan ou a onde sexa. O Real Madrid de Fabio Capello empezou a funcionar cando se desfixeron de Ronaldo (por non mencionar a mefistofélica influencia que exercia en Robinho).
En último lugar -pero non por elo menos importante- está a ineptitude de Frank Rijkaard para manexar certas situacións. Era vox populi que Ten Cate era o encargado de deseñar as tácticas do equipo. Sen el, o equipo foi a deriva como un barco sen timonel. O ano pasado o bo de Frank fíxose o harakiri cambiando o sistema a un 3-4-3, ¡con Oleguer e Thuram de centrais!, unha táctica que tan só saiu ben durante 45 minutos en Zaragoza e que levou aos blaugrana á eliminación na Champions e á perda de varios partidos ligueiros cos que polo menos houberan conquistado o campionato nacional.
Moitos censuran as declaracións de Edmilson. Os propios Xavi e Iniesta as califican de “inoportunas”. Inoportunas, pero ninguén dixo que faltara á verdade. ¿Cando serían oportunas, cando perdan todos os títulos? Mesmo hai quen di que estas declaracións están pactadas por Edmilson coa directiva (a plana maior do Barça coincide plenamente coa opinión do brasileiro), como unha especie de favor para facilitar a súa salida ao Milan. As razóns dan igual, son indiferentes. Ovellas negras, hailas.
Nov
13
Confío en que ninguén me etiquetará de oportunista, pois neste mesmo intre Roger Federer ten a ventaxa máis exigüa (895 puntos) dos últimos séculos sobre o seu amigo e rival Rafael Nadal. Pase o que pase no Masters de Shangai e nos vindeiros compromisos tenísticos o suizo ten argumentos máis que suficientes para ser considerado o mellor tenista de tódolos tempos. Por máis que lle corroa e lles moleste a algúns babosos aduladores verborreicos e verborráxicos que tanto se excitan cos bíceps, tríceps, cuadriceps e quintuceps do balear, que escriben sobre tenis coma quen redacta un bando municipal (sí, Alejandro Delmás, vai por ti), e que agardan coma alimañas que o rei Federer sexa deposto do seu trono.
Roger soubo manter o interés do tenis masculino en tempos de lolitas rubias eslavas que ensinan as bragas, de pernas inacabables, que mascan chicle e lanzan alaridos sensuais na pista, que súan chanel número 4 [Nota mental: hai algún deporte que atraia máis aos dexenerados, enfermos e obsesos sexuais que o tenis feminino?]. Conseguiuno con partidos inolvidables e cunha sana rivalidade con Rafael Nadal e ultimamente con Novak Djokovic. Ademais conseguiu marcar un estilo, de gentleman. Nunca levantou a voz contra un rival, e sempre fala ben de todos os seus compañeiros. Ningún gran dominador en ningún deporte conseguiu tanto respeto e foi tan admirado como o é Roger. Por se fora pouco, nunca pon unha excusa cando perde un partido. Onte, despois da derrota co chileno Fernando González afirmou ter xogado ben, pero que o seu rival o fixo mellor (hai tantos que deberían aprender a saber perder e a recoñecer os méritos dos rivais…).
Está claro que o suizo non está ao seu mellor nivel, pero coincidiremos en que a un deportista son os grandes rivais os que o fan máis glorioso e inesquecible. Grazas á motivación de loitar contra o mellor de todos os tempos, contra unha máquina de xogar ao tenis como foi Federer nos últimos catro anos, mellorou o nivel tenístico global da ATP. En Shangai, entre os oito mellores do ranking, falta David Nalbandián, un iluminado que de vez en cando destapa o tarro das esencias. Alí está un talento natural coma Djokovic, hai xogadores correosos coma Davidenko, especialistas no saque coma Roddick, está Ferrer (pouco recoñecido, mesmo en España, para o enorme talento que ten), recoñecido por todos como o mellor restador do circuito, está Nadal, un portento físico que nunca da un punto por perdido, está Fernando González, un virtuoso no golpe de dereitas… En definitiva, o nivel é moi alto e iso que se quedaron fora outros grandes xogadores capaces de complicarlle a vida a calquera como Murray, Blake, etc.
Agora, tamén resulta evidente que Federer non está no nivel de hai uns meses. Está nervioso, inseguro, parece que conta cun só plan de xogo e senón funciona (a todos os grandes deportistas individuais, e tamén aos equipos, lles rematan por pillar o “truco”), agora vencer ao maestro xa non é un soño, unha utopía coma antes. As claves están ben claras: correr moito, non desfalecer, aproveitar as suas habituais e históricas “desconexións”, non virse abaixo se perdes o primeiro set -algo que ata o de agora era definitivo-, buscar o seu revés, non deixalo pensar.
Ninguén, nen sequera Roger Federer, é perfecto. Penso que debería buscar un entrenador, sempre fai falla e é positiva unha segunda opinión ou un consello a tempo. Aínda así, resulta curioso que no ano no que gañou tres grand slam poida rematar perdendo -non o creo- o número 1. Aos Fournier danos igual o tempo que consiga permanecer co número 1 na lista de entradas da ATP, el xa é o mellor de tódolos tempos. Por qué será que amamos crear ídolos pero nos atrae moito máis botalos abaixo?
Out
26
Por máis que o intento -e mira que devano os miolos- non son capaz de comprender cal é a idiosincrasia dos Premios Principe de Asturias dos Deportes. semella que non existe un criterio unívoco á hora de conceder o galardón real. Descoñezo se o xurado premia a traxectoria dunha carreira deportiva -como ocurre no merecido premio a Michael Schumacher-, se o que se valoar e a promoción dun deporte e dos seus valores (a Selección de Baloncesto), a trascendencia mundial xa non dunha persoa ou equipo senón dun evento (Tour de Francia) ou se, simplemente, o presentismo imponse en todo o seu esplendor (Fernando Alonso).
Non quero ser cicatero nin estropearlle o seu gran día a Schumacher (aínda que algo me di que o Premio lle da bastante igual), pero este ano había mellores candidaturas, como a conxunta de Nadal e Federer, que coa súa amistade e a sua sana rivalidade fomentan o fair play por todo o mundo; a selección iraquí de fútbol, capaz de sobreporse ás súas penosas circunstancias e de facer sentirse orgulloso a todo un país; ou mesmo Yelena Isinbayeva, capaz de batir o record do mundo de salto con pértiga competición tras competición.
Seica as deliberacións do xurado comezan no mes de maio e se prolongan ata setembro, cando o xurado finalmente dicta o seu fallo. Tanto deliberar para isto? Para deixarse guiar polo presentismo, polos titulares dos xornais, pola tendencia que está de moda? E sigo sen entender os Premios (o da Concordia e o de Cooperación Internacional son totalmente intercambiables). Por qué non crear galardóns máis suxestivos: Premio ao mellor peinado, Premio ao mellor programa do corazón…
P.D: Canto tempo falta para que propoñan a Raúl para o Príncipe de Asturias dos Deportes? E cando Fernando Alonso gañe cinco títulos mundiais consecutivos e demostre ser o mellor piloto do universo qué farán: daranllo outra vez? concederanlle Príncipe de Asturias á Concordia? Se segue en McLaren irá a recollelo con Hamilton e Dennis? Respostas, quero respostas.
Out
5
Coma un leit-motiv, coma un soño recurrente, coma se a existencia humana fora un eterno devir, unha circularidade monótona na que todos os eventos se suceden e se repiten sen cesar, nunha especie de baile cósmico, ata que xa non nos sorprende en absoluto. Todo moi de Heráclito. Todo moi propio de Víctor Fernández, un home marcado por un sino tráxico. Alguen cre que se irá triunfando dalgún equipo? Por qué se empeña en permanecer nun clube ata que se cumplen os designios que por sempre e para sempre lle foron asignados por un demiurgo invisible?
O tremendo do conto é que todos os equipos de Víctor, nos seus inicios, práctican un fútbol vistoso, alegre, setentero. Así, recordamos con cariño aquel Zaragoza de comezos da década dos 90, que con Poyet, Gay, Belsúe, Higuera, Nayim, Esnaider… gañou a Recopa de Europa e que deixou partidos inolvidables coma o 6-4 ao Barcelona. Ninguén olvidará ao Celta de Mostovoi, Karpin, Gustavo López e Makelele, apodado “La Máquina”, que asombraba Europa un ano sí e outro tamén. Agora, neste Zaragoza ciclotímico, capaz do mellor e do peor, cando realizaron a maior inversión económica da súa historia para conmemorar o 75 aniversario da institución, detéctanse os preocupantes síntomas que sofren os equipos de Víctor no seu crepúsculo.
Resulta curioso que os equipos de Víctor Fernández, cando xogan ben, o fan dun xeito armónico, con moito estilo. Agora, cando están infectados polo virus que o seu adestrador leva latente -ata que estala violentamente- poucos equipos no mundo o poden facer tan mal sobre un terreo de xogo. E todos, tamén teñen os mesmos tics de mal xogo. É un xogo, soso, sen alma, no que os futbolistas deambulan polo campo, blandos en defensa, inoperantes en ataque, mal colocados. Así foi sempre e así será. Onte o Zaragoza foi eliminado polo Aris de Salónica, con Javito -un ex da canteira azulgrana- en plan estrela. Un fracaso anunciado máis, que porá en dúbida a continuidade de Víctor Fernández no banquillo maño. Ata cando lle pasará isto a este home? Por favor, envíade as vosas suxerencias, algo hai que facer para axudar a este home a libralo da súa maldición.
Out
5
Desde hai uns anos o Real Madrid vive nun estado de crise permanente, tanto deportiva, como institucional, ou mesmo en momentos concretos, as dúas. O que me resulta abraiante é a bipolaridade dos seus aficionados, capaces mesmo de simultanear estados de euforia galáctica con arrebatos de criticismo patolóxico. Como explicar que un equipo que conseguiu 16 dos 18 puntos posibles en liga esté discutido permanentemente?
Cando non hai problemas, parece que os inventan, coma se desfrutasen realizando un harakiri orxiástico e infindo. Non son eu quen vaia defender a Schuster, pero resulta esaxerado polo en cuestión cando transcurriron uns cantos partidos e cando -a excepción da Supercopa de España- o equipo permanece invicto en competición oficial. Da a impresión de que non vale ningún adestrador nin ningún central para o Madrid, que os engule coma quen non quere a cousa. Agora, o alemán xa comeza a ser discutido polo seu sistema de rotacións -se non fora isto, sería por outra cousa-. E iso que el -ao contrario que outros, como Fabio Capello- conta co beneplácito da mefistofélica e fanática prensa deportiva madrileña.
No fondo é ben triste que os xornalistas se comporten coma hooligans insensatos, criticando por criticar. Se non hai problemas, invéntanse. Todo por la pasta. Estou seguro de que se o equipo asimilara o sistema de rotacións e xogara un bo fútbol, o problema sería a quen sentar no banco, ou por qué non xoga aqueloutro, ou mesmo dirían que non sería bó estar a un gran nivel a estas alturas da temporada.
Moitos dos que en breve se acordaran de Vicente del Bosque ou de Fabio Capello -en canto empecen a perder partidos, xa veredes- foron os primeiros que clamaron en contra deles, que se manifestaron entusiasticamente a favor de destituilos. A lista é moi larga: Vicente del Bosque (para eles non mandaba no vestuario, era tácticamente deficiente, tiña perfil baixo…), Wanderlei Luxemburgo (que o equipo xogaba mal, que si o cadrado máxico era un disparate…), Fabio Capello (que o sistema era moi defensivo, que a parella Emerson-Diarra era un estorbo, que o bo fútbol brilaba pola súa ausencia…), Carlos Queiroz (curioso caso o deste home, cando o Madrid arrasaba afirmaban que un equipazo así o dirixía calquera, cando empezaron a perder un partido tras de outro resulta que a culpa de todo era del), etc.
Así é un importante sector -ollo, que non todo- do madridismo. Soberbio e engreído cando o seu equipo arrasa (de ahí o odio que o Real Madrid dos galácticos sementou alá por onde iba) e autodestructivo nos malos momentos. Que se vai esperar dunha institución presidida por un home que estivo dentro de directivas das que agora renega e fala pestes, en público e en privado?