O que non pode ser da selección

Por Fournier Alan
Feb 7

Non pasará, porque non pasou nunca e non tería porque ser diferente que a selección española xogue peor que o seu rival e este gañe de córner nos últimos quince minutos de partido. Os profetas arrincarían as súas barbas se Francia marra cinco ocasións claras (incluído unha delirante de Henry) como as que estragou onte. O propio Sarkozy baixaría aos vestiarios a aleccionar aos seus sobre os valores Gaullistas se tal desastre acontecese nus cuartos de final e Le Monde faría un sesudo artigo ao respecto.

Resulta impensable, xa que forma parte da lenda negra da selección española, que as estrelas do Real Madrid xoguen ao nivel do seu clube. Por iso Casillas non obrará a súa miragre semanal (e se hai Champions actuará dúas veces por semana) coma onte en Málaga nin Ramos se lucirá con Dinamarca cando o rival se chame Italia, Holanda ou Francia pero en terras alpinas no próximo verán. O que non pode ser é, ademais imposible.

E seguramente polo irreal do encontro a selección gabacha vestiuse como a Roja e a Roja vestiuse como un equipo da zona baixa da liga francesa buscando aumentar a conta de ingresos en merchandising de caste psicodélica. E até o máis Roncero dos Ronceros sabe que este partido é unha perversión da realidade. Que será España quen domine o campo en terras austríacas e os goles os marcará Anelka ou Henry. Que a defensa española será un valadar e non unha escopeta de feira, sen embargo un erro de Xabi Alonso ou Pablo nos últimos minutos condenaranos á eliminación.

Non menos irracional sería destituír ao seleccionador que, comezando mal, retomou a senda dos resultados e, por momentos do xogo, e que conta co apoio dun grupo unido por unha medianía que ademais xa creou graves problemas de convivencia en Alemaña e non foi reprendido pola prensa deportiva senón que a súa mediocridade é alterada de xeito cada vez máis extásico. O que non pode ser non pode ser e é, ademais, imposible.

Arquivado en: selección | Comentarios (11)

Estase a converter o Barça no Madrid de Capello?

Por Fournier Alan
Feb 5

Comezos do ano 2007. O Real Madrid perde en Riazor dando unha das peores imaxes dos últimos anos e culminando o proceso de desguace que deu comezo despois do desmembramento do Equipo dos Galácticos. As expectativas de Jogo Bonito eran baixas cando se traeu a Fabio Capello pero nin os máis catenaccistas podían crer que se podería chegar a tan baixo.

Comezos do ano 2008. Un Barcelona especulativo e que promedia neste ano recén comezado un gol por partido empata a poucos minutos do final contra un equipo claramente inferior como o Athletic. Os periódicos capitalinos dan como vencedor virtual aos máis brancos de Madrid despois de ter realizado a súa enésima miragre contra o Real Madrid. Sen embargo non se nos pode escapar que:

O Barcelona estase a acostumar a gañar sufrindo ata o último minuto e defendendo como o mellor equipo italiano. Unha defensa similar levouno a conseguir a súa segunda Copa de Europa. A este valladar hai que sumar a un inesperado convidado: Víctor Valdés pasou de ser o peor con diferencia do equipo ao protagonista máis destacado achegando unha tranquilidade beneficiosa para o equipo.

A reacción do Madrid cimentouse non na calidade dos seus homes, inferior ao do Barcelona ou á do Sevilla, senón nun gran espírito de grupo e na preparación física. De non verse tantas veces mortos e resucitados poderían os merengues ter remontado non 9 senón 15 puntos que eran os que levaban de vantaxe os culés no pasado ano? Que nos pode facer pensar que o Barcelona en similares condicións non subirá tamén?

Existen outros paralelismos interesantes como o dos Ronaldos (non confundir cos autores do celebrado himno “Idiota”). Os xeniais xogadores brasileiros deron en estragar as súas carreiras e renunciar a ser os mellores da historia cunha vida disipada que os leva a ser estrelas só nos anuncios e na conta corrente. A súa presenza, tan significativa no grupo, é un peso para o resto da plantilla. O Madrid tirou para arriba cando Ronaldo marchou para Milanello. No Barcelona o timonel tomouno Eto´o cando o de Porto Alegre perdeu a súa aura de intocabilidade. Algo polo estilo podemos dicir do desanxelado Deco que tanta ascendencia ten sobre os demais pero que ao igual que o imprescindible para a Eurocopa Raúl crea máis problemas dos que soluciona.

Sinalados estes paralelismos cabe prender o último cirio culé. Schuster conta na súa carreira con impresionantes primeiras voltas e grandes descalabros nas segundas. Cómpre recordar o que pasou en Xerez (de líder destacado á metade da táboa), Levante (de case UEFA a descenso) e no Xetafe (algo similar). Engadamos a isto que o explosivo carácter do xermánico, os seus roces de egos con estrelas como Guti e o carácter inestable e falsario dos salteadores de camiños que pilotan a nave branca pode levar a que se ben nas vacas gordas todo sexa arrogancia e especulacións sobre a xornada na que se gañará ao campionato un par de embates poden facer naufragar ao equipo de Chusté.

Para ben ou mal as matemáticas son do menos traizoeiro desta vida e dinnos que aínda que o Barcelona fai números de campeón e o Madrid de récord. Estas mesmas matemáticas sinalan que por moitas hipóteses de cambio que haxa sobre a mesa o normal será que a Cibeles se vexa ameazada outra volta polas hordas madridistas.

Ecuación Lotina

Por Fournier Alan
Xan 30

A nova fichaxe do DéporVariable A: Ariza Makukula. Dianteiro cedido polo Sevilla ao todopoderoso Marítimo de Portugal. Despois de prometer no Valladolid este dianteiro torpe amosou a súa falla de destreza ante a meta rival naquel Sevilla de Caparrós totalmente incapaz de marcar e con dianteiros famosos pola súa torpeza. Despois dunha grave lesión foi cedido ao Nastic de Tarragona no que tampouco fixo nada. Unha boa temporada na igualada competición lusa vai provocar a súa fichaxe polo Benfica de Camacho.

Variable B: Gonzalo Ruben Bergessio. Atacante arxentino do Benfica e q anteriormente defendeu a camiseta de Racing Avellaneda. Estatísticas: 67 minutos e 0 goles. O seu substituto vai ser Ariza Makukula.

Variable C: Radamel Falcao García Zárate. Dianteiro de River Plate. Nunca vin xogar a este señor. Só sei que o seu compañeiro na dianteira e flamante fichaxe é Washington Sebastián “Loco” Abreu. O fútbol arxentino outra vez como fraude. O Dépor, arruinado como está, fixo un esforzo enorme por contratar a este novo talento xa que era o primeiro na lista de Lotina.

Variable D: Christian Whilhelmson. Xogador sueco do Nantes que xa pasou por varios equipos esta mesma temporada.Este consumado fulano vén a animar as concentracións nun clube que necesita iso, máis leña.

A fórmula lévanos a un barco á deriva que non tardará en encallarse na segunda división…

Arquivado en: Dépor | Comentarios (2)

A suma dos factores non fai o produto

Por Fournier Alan
Xan 29

O Diario Marca, nunha das súas etapas máis ominosas da man do seu director Eduardo Inda, fai unha defensa numantina da presenza de Guti na Roja na próxima Eurocopa. Déixase a Aragonés como un papanatas por non ver o obvio e este responde cun argumento demoledor: “os que convoco eu son mellores que Guti”. Que diría Inda de Iniesta se fose branco? Son Cesc ou Silva peores que o loiro de Torrejón. E se ben é certo que o seu partido contra o Vilarreal foi bo non menos certo é que perdeu a titularidade en favor de Baptista e que dende aquela non fixera un partido similar.

Caso aparte é o superclase madridista Raúl González Blanco. Marcou moitos goles nas primeiras xornadas pero leva un número equivalente ou superior sen intervir e marcando moito menos. Cando se trata de evalíar a un crack a esixencia debe ser equivalente na saúde e na enfermidade. Ou acaso a prensa catalana non está a machacar continuamente a Ronaldinho, Henry ou Deco? Sen embargo os partidos malos de Raúl, os 5 últimos por exemplo, non existen. El é como o Guadiana que emerxe cando ten a marea a favor.

Os excelentes resultados do Real Madrid non se basean no xogo destes dous astros madrileños. Íker trascendeu Matrix e volveuse infranqueable, o equipo ten un fondo físico fascinante e arriba conta con dous xogadores (estranxeiros) de gran calidade que resolven os partidos: Van Nistelroy e Robinho. E se todo falla está Ramos, os árbitros ou incluso Sneijder…

O karma madridista é positivo e a súa determinación imparable. Neste momento cando o destino se vexa no dilema de favorecelo ou perxudicalo estará cos brancos. Por moita influencia que teñan na prensa os dous capitáns brancos non son máis que actores secundarios deste proceso iniciado por Capello e a maxia negra de Ramón Calderón. Non explican estes dous xogadores nada do que pasa agora no Real Madrid.

Arquivado en: Real Madriz | Comentarios (0)

A demencia veu ao Dépor para quedarse

Por Fournier Alan
Xan 28

Confeso que Miguel Ángel Lotina me tiña enganado. Tíñao por un tipo honesto ante todo, simple, que lle traizoaba a boca pero ante todo sen maldade. Comezo a gardar dúbidas serias sobre este entrenador que vén de descender ou case descender aos seus tres últimos equipos.

E a tolería comezou na pretemporada cando un preparador que levou como sinal identitario o bo facer defensivo e o esforzo colectivo durante a súa carreira apostou cun equipo con Taborda e Bodipo polo fútbol de toque e espectáculo. Cando dixo que tiña a mellor plantilla posible e logo pediu un reforzo por liña ou cando relegou Adrián ao banco sen razón aparente.

E a demencia culmina co puñetazo dun compañeiro ao outro (por moito que provocase verbalmente o agredido). Un caso tan evidente que até a xustiza o tivo claro pero Lotina non. Nun equipo que se afunde quedouse co porteiro do filial ao que lle meteron 4 goles cousa que el mesmo se apresurou a salientar.

E agora cambia a un sistema demencial onde a creación de xogo é case imposible. Gañóuselle ao Valladolid pero o máis normal sería perder cun sistema tan rácano. Non hai creadores de xogo e só me explico a victoria ante os de Pucela pola volta de Valerón que inculca fútbol coa súa presenza. Seguramente a única boa noticia.

Arquivado en: Dépor | Comentarios (0)

Este domingo nace unha estrela en Australia

Por Fournier Alan
Xan 25

O Mestre perdeuDe aburrido non tivo nada este Open de Australia. As sorpresas sucedéronse en tropel durante o campionato, especialmente no lado de Nadal, e aínda que non cabe ben na definición de feito inesperado, a presenza de Djokovic na final das antípodas leva consigo a inevitable o xurdimento dunha estrela.

Deste xeito ou o descoñecido Muhamad Alí Tongsa ou o emerxente imitador de tenistas serbio realizará o seu soño de gañar un grand slam. Os dous campións por excelencia baten coa porta. A Federer fastídiaselle a temporada, agora está máis ca presionado para conseguir por primeira vez Roland Garros ou para bater o record de Wimbeldons consecutivos. Rafa queda outra vez ás portas en pista rápida. Se o seu tenis non desperta da súa estacionalidade dificilmente batirá ao mestre suízo.

Tongsa pode labrarse o comezo dunha brillante carreira como Moyá in illo tempore cando acadou a final contra Sampras. Djokovic no caso de vencer recibirá a carta de invitación para a elite mundial e confirmaríase como a alternativa de futuro aos seus oponentes de Basilea e Manacor. Iso si, terá que concentrarse na raqueta e deixar de lado o humor. De todos os xeitos o domingo nace unha estrela.

Arquivado en: Tenis | Comentarios (0)

Ferrer e Federer inscritos no Open de Australia

Por Fournier Alan
Xan 22

Ferrer o gran esquecido Isto non debería ser noticia pero o ostracismo destes dous tenistas por parte da prensa deportiva madrileña (e catalana) fai que teñamos que traer este tema a colación. Ferrer, finalista do torneo de mestres de Shanghai, e Federer, que este ano se convertirá por títulos no mellor tenista da historia, participan no Open de Australia.

Este Gran Slam tende a rexistrar circunstancias curiosas pola súa clara pouca axeitación ao calendario internacional (pero hai que ter un torneo en Asia a principio da temporada…) cando non son deportistas que se negan a xogar pola calor son partidos, como o recente Hewitt-Bagdatis, que remata ás 4 e pico da mañá. A ATP debería impoñer certa seriedade no formato do Open polo ben deste torneo que pasa por ser a cincenta xa que outros Master Series (Montecarlo, Indian Wells, Montreal, Barcelona…) teñen case o mesmo prestixo.

Dito isto as sorpresas están sendo habituais na presente edición. O francés Jo-Wilfred Tsonga, Mikhail Youzhny ou o propio Nadal, que por primeira vez chega a semis, están dando a nota positiva. Sen embargo polo outro lado do cadro, moito máis difícil ao noso entender, están claros favoritos como “replicante” Djokovic, Blake e os antes referidos Federer e Ferrer. Vendo os rivais que terían o manacorí e o alicantino e ante unha posible final co xenio de Basilea (que xa parece recuperado da gastroenterite) de Nadal os xornais deportivos é posible que volvan a desprezar a Ferrer.

Arquivado en: Tenis | Comentarios (0)

A reinvención do Barça, do Dépor e do Madrid

Por Fournier Alan
Xan 21

O Madrid despois de perder en Riazor o pasado ano reinventouse nunha versión máis cruel, dura e totalmente desprovista de sentimentos. O Atlético, o equipo máis emocional da liga, é a cara inversa. Sábese cando empeza un partido do Real que o resultado está previsto e incluso as súas derrotas como a de Copa parecen calculadas. Serán as pernas dos seus xogadores tan irresistibles? O físico será o Waterloo de Chuster?

O Barcelona busca un renacer similar ao millagro Capellista. Se é certo que os culés destacaron por facer o fútbol máis vistoso do continente nos últimos anos non menos certo é que conseguiron a súa segunda Champions cun equipo comprometido e que se constrúe desde atrás. A ecuación funciona cando os de arriba acertan sempre (e non se lesionan) e os de abaixo están ben agrupados e coordinados. Parece que ese é o camiño aínda que os azulgrana sufren de maís como contra ao Racing.

E cal é a reinveción do Dépor? A máis vella do fútbol: os seus problemas son a ausencia de calidade arriba, erros infantís en momentos clave, non saber ler os partidos… Case todos os erros apuntan a unha mesma persoa que un día di que o seu porteiro é o chaval do filial e ao outro día di que perderon en Vilarreal en parte pola súa culpa. Lotina debe marchar para reinventar o Dépor pero, por favor, que non veña Fernando Vázquez a rematalo.

Arquivado en: liga | Comentarios (0)

Copas para todos

Por Fournier Alan
Xan 17

O campeón foi derrotado polo BarcelonaO Barcelona, aproveitou a copa para, con menos esixencias que na liga replantearse o seu xogo e volver a aquel que realmente lle deu os títulos. Solidez atraś (seguramente teña, paradoxicamente, a mellor plantilla defensiva exceptuando o seu patético gardameta), contrataque rápido con puntas preparados para a labor (Henry, Bojan, Gio, Eto’o) e que rendabiliza o seu xogo ofensivo. Enfrontarase ao outro equipo con máis calidade individual que queda no campionato e unha das súas bestas negras. O Vilarreal de Pellegrini sempre a fastidia ás primeiras de cambio na copa e esas tradicións, quen sabe por que, acaban por pesar.

Máis amargo foi o trago do Madrid que tivo que comerse como todo bo falabarato o seu trébol na súa competición maldita. Non hai peor cuña que a propia madeira: bo xogo, ocasións e inxustizas arbitrais (na volta) para quedar eliminado ante un equipo que non é máis ca un gran porteiro e pegada arriba. A sorte algún día acábase.

O Valencia usa a copa como bálsamo e pregúntase se o trofeo da Súa Maxestade os rescatará dos seus problemas ligueiros. Tamén podía rescatalos dos experimentos de Koeman (si Zigic é o dianteiro centro e non Joaquín e si, Vicente é o mellor zurdo de España a pesar dos médicos), o atlético fará de sparring, outro bo aspirante aínda que demasiado ilusionado co torneo da regularidade (iso que volverán a caer na sétima praza como bos Sísifos da Liga).

Getafe, Mallorca e Racing son a terceira vía. Os de Manzano merecen un posto máis alto na clasificación ligueira e son unha ameaza por xogo. O perigo do Getafe é a vivencia aínda recente da gloria da final contra o Sevilla (eliminado dous anos despois dunha competición). E queda o Racing que pode ser a sorpresa: gran entrenador, plantilla compensada, nova e equilibrada, unha institución histórica sen títulos… Como dixo Raphael “Puede ser mi gran noche”

Arquivado en: Copa | Comentarios (0)

E que culpa ten Dudu?

Por Fournier Alan
Xan 13

DuduCando o ficharon fíxose unha aposta moi forte por el. Tanto que se trocou ao xogador máis desiquilibrante do equipo (Munitis) por un porteiro moi completo e agraciado con axilidade baixo os paos. A temporada pasada foi un dos máis destacados sen fallos salientables durante todo o exercicio.

Munúa sen embargo levaba unha traxectoria diferente. Foi fichado de xeito precipitado e no límite do período de fichaxes para cubrir unha baixa. Non disfrutou da titularidade desde o 2003 e incluso foi cedido á segunda ao Sporting onde non foi titular. É internacional con Uruguay pero, por exemplo, o seu competidor no marco charrúa, Carini, é suplente no Murcia.

Foi sorprendente cando Lotina trocou a Dudu despois do fallo do Osasuna. É certo que se perdeu, en parte por ese erro clamoroso do israelí nos estertores do partido, pero non menos certo é que ata de aquela foi un dos máis destacados do equipo e que con Munúa tampouco melloraron os resultados.

Un só partido non pode marcar tanto e aquí xorde a figura de Albert Riera. Por que? Porque cando estivo baixo as ordes de Lotina non xogaba e foi cedido ao Manchester City. Nos dous anos seguintes convertiuse nunha figura clave. Para non remontarnos a casos máis lonxanos quedémonos coas declaracións do entrenador branquiazul sobre Adrián: “É o Ronaldo Branco”. Tendo en conta estes eloxios e que as alternativas son dous futbolistas presumiblemente suplentes no Murcia ou no Almería como Bodipo ou Taborda tampouco se entende que o asturiano non teña máis bóla. Hai que recordar que na pretemporada dixo que Pablo Álvarez era o xogador que máis gratamente o sorprendera. Acaba de ser cedido ao Racing de Santander.

Pero aquí hai que falar de xustiza e non de deporte. Un empregado quéixase do papel na súa empresa diante do encargado e ao día seguinte un compañeiro rebéntalle o ollo sen mediar palabra. Nunha empresa normal botaríase ao agresor sen embargo Dudu, que non protagonizou ningunha polémica ata o de agora, recibe o mesmo castigo que Munúa. Só queda que un rapaz sen experiencia en primeira xogue toda unha volta coa tensión do descenso sobre el. O máis intelixente sería culpabilizar a un dos dous vetereranos. Segundo Lotina castiga aos que fracturan ao vestiario. Pode castigarse a si mesmo?

Arquivado en: Dépor | Comentarios (0)
A padiola mecánica

A padiola mecánica

O obxectivo vital deste blog é ofrecerche unha visión 'diferente' do deporte, para o que non escatimaremos en mostrarche os aspectos máis tolos e surrealistas que o rodean.

Comentarios recentes