Set
18
A Selección Española: O mellor conxunto do campionato fixo o seu peor partido na final perante o segundo mellor equipo. Os rusos son xustos vencedores cun gran xogo. Gasol foi, a pesar das vantaxistas e absurdas críticas, o mellor xogador da final e quizais do campionato en pugna con Calderón, impresionante no tiro. Non creo nas vitorias morais mais si nos equipos competitivos. Un grupo que despois de perder unha final reacciona con raiba e indignación asumindo a súa responsabilidade farao ben nas olimpiadas chegando a semifinais ou perdendo en cuartos cos USA. A canasta que lle fuxíu a Gasol en Madrid era xemelga da que Nocioni errou en Xapón. Ao final a sorte ten un papel máis importante do que nos gustaría admitir en toda esta farsa.
As estrellas da EuroNBA: Holden, Siskauskas, Calderón, Gasol, os irmáns Lavrinovic, Barac, Borunov, Navarro, Kirilenko, Khryapa, Diamantidis, Papalukas, Nowitzki… Os que queirades (aínda que xoguen nas ligas europeas).
As seleccións que foron fieis ao bo xogo: As finalistas e Lituania fixeron bastante polo baloncesto neste campionato. Mención especial ao gran campionato de Eslovenia, á revelación dunha irregular Croacia e a Portugal e Israel que lle puxeron moito pundonor.
Cristina Villanueva (e éme igual que me chamedes de todo):Dunha beleza inhumana presentou con gracia e soltura de xeito dinámico os programas da Sexta de baloncesto. A cadea do deporte, non o digo eu que o din eles, parece abandoar así a súa lexión de contertulios que convertían as súas retransmisións en galiñeiros. É encomiable o esforzo que esta cadea está por facer por este fermoso. Quen nos dera que consigan o que outros conseguiron promocionando algo que nin sequera, fóra dos tribunais, non é nin sequera un espectáculo. O triunvirato Epi-Montes-Itu forma un equipo equilibrado. Só o divino Antoni Daimiel pode facelo mellor.
Set
18
As seleccións que nos decepcionaron: Algo inevitable porque algúns equipos teñen que fallar para que outros brillen. Francia ten o peor da NBA, xogadores cun gran físico que fan a guerra pola súa conta sen ningún tipo de orde táctico. Turquía estivo moi por debaixo da calidade dos seus xogadores. En Italia as súas novas estrelas non achegaron todo o baloncesto que podían. E, por suposto, Serbia, quien te ha visto y quien te vé, que a pesar de gañarnos todas as finais dos europeos e mundiais de categorias inferiores parece contar cunha xeración maldita.
Madrid: A capital da Comunidad de Madrid amosou a súa capacidade para a organización dun gran evento. Reloxos de posesión que non funcionaban, cada día por un motivo distinto, un público frío cheo de VIP que influíron negativamente na final e un ridículo espantoso de organización coronado cun señor na final cunha escaleira colocando a rede. Que Esperanza e Gallardón conten coas olimpiadas. Por outra… Que se ía aspirar dun sitio chamado Telefónica Arena?
Estas declaracións de Darko Milicic (aínda que me recordaron a un compañeiro de carreira, saúdo Luís):
As baixas audiencias: A influencia da Sexta, unha cadea pouco vista por moitas razóns, non é excusa para as pobres audiencias que ten o basket neste país. O partido de Fútbol entre o equipo da Federación Española de Fútbol e Islandia tivo máis audiencia que moitos partidos. Iso si é monopolio.
Perder a final: Pero o fútbol, e o basket, é así.
Set
17
Resulta difícil dicir algo negativo da selección española de baloncesto. Trátase dun grupo dunha calidade deportiva tan só inferior á humana, dun conxunto que transmite ilusión e confianza e que conseguiu empatizar coa afición dun xeito descoñecido por estos lares. Nen sequera as seleccións de balonmán e de waterpolo contaron co apoio popular e co creto que lle concederon os españois aos junior de ouro.
Sen embargo, non convén caer na autocomplacencia. Na miña opinión, houbo unha serie de eivas -deixando a un lado determinadas actuacións arbitrais- que nos privaron da medalla de ouro no Eurobasket. En primeiro lugar, a principal diferencia deste equipo co que vimos no pasado mundial de Xapón foi a falta de intensidade, sobre todo defensiva. Mesmo contra rivais inferiores, coma Israel, pasamolo mal en certos momentos do partido. Este equipo caracterizouse en Xapón por unha enorme intensidade defensiva e unha concentración total e absoluta durante os 40 minutos. Aqui, en máis dunha ocasión, España deixouse levar, confiando na súa calidade. Foron varios os partidos nos que nos impuxemos grazas a 3-4 minutos de orde defensiva e de inspiración en ataque de Pau, Calderón ou Rudy.
Cando tes un día malo, coma onte, o que che fai gañar partidos é a defensa. Arrastramos ao longo de todo o campeonato unha defensa errática, que deixaba moitos tiros fáciles aos rivais. E, por último, onte viuse que a Gasoldependencia existe. Nos últimos 8 minutos do encontro tan só a estrela de Memphis anotou para o noso equipo. Cun Calderón moi ben defendido, con Jiménez torpe na circulación de balón, con Navarro desaparecido en combate (posiblemente tocado) e con Rudy coa man encollida, Pau Gasol -agotado por tantos minutos de xogo en dous días- sufría unha férrea defensa. Ás veces daba a impresión de ser 1 contra 5 e, ademais, o de Sant Boi non tivo o seu día en ataque nin nos tiros libres.
Coido que o rendemento mesmo de Jorge Garbajosa foi unha metáfora, unha representación a pequena escala, do xogo do equipo. Jorge estivo errático, carente da regularidade que sempre o caracterizou. Alternou períodos nefastos, de mala selección de tiros e descoidos defensivos, con momentos de lucidez en ataque e dunha eficaz defensa anticipativa. Así foi o xogo de España, estrañamente irregular.
Non todo é negativo, aínda coa baixa forma de Garbajosa e Navarro (ambos por lesión) e cun Sergio Rodríguez dándolle a razón a Nate McMillan, poidemos ver a enorme evolución de Calderón e Rudy Fernández. Ademais, ninguén lles pode botar en cara que se viñeran abaixo ou que non o intentaran. Debemos estar orgullosos desta selección porque, ademais de saber gañar, saben perder, loitando ata o final do partido
Set
8
Antes da derrota con Croacia quedaba claro que a selección de baloncesto española non era española. Non polo feito de gañar un mundial (así o fixeran xa as de balonmán ou a de fútbol sala) ou por contar cun excelente e discreto seleccionador (remítome aos anteriores exemplos) senón porque:
*A estrela indiscutible da selección é o tipo máis mundano, traballador e comprometido de todos. Por se fose pouco xoga a un nivel superior coa escadra nacional que co seu propio clube (que lle está a pagar unha cantidade que garantirá a manutención dos seus bisnetos) e nos momentos difíciles aparece e resolve.
*Trátase dun grupo unido onde a harmonía non é finxida. Un grupo de amigos agradecidos e conectados coa afición que o dan todo os uns polos outros.
*A pesar dos problemas arbitrais son conscientes que unha falta non pitada no último minuto é un problema se vas perdendo de un e non gañando de 15 nos derradeiros compases do partido.
*Nas victorias non se saca peito e as derrotas conteñen as leccións para chegar a gloria.
Todas estas premisas, sumadas á reacción contra Grecia, son máis propias dun equipo alemán, italiano ou da antiga Iugoslavia polo que desde Padiola propoñemos a deportación de Pau Gasol and friends.
PD: Un equipo de futbolistas españois xoga hoxe en Islandia na que parece ser a súa visita máis complicada xunto coa de Dinamarca. Seguro que as súas familias, e alguén máis terán o corazón nun puño ante tal choque. O paradóxico é que as cifras de audiencia serán superiores, a menos que España chegue ao final, a todos os partidos do Eurobasket.
PD2: Vergoñento que houbese onte asentos baleiros en Madrid. Quen me dera poder ir aí!