Arquivo para a categoría Ciclismo.

É Óscar Pereiro o tío máis plasta de Galicia?

Por Fournier Alan
Out 18

Pereiro PesadoFacéndonos eco das peticións dos nosos (escasos) lectores analizaremos se o (por fin) gañador do Tour do 2006 é o tío máis plasta de Galicia. A resposta obvia é non. Nin sequera é o personaxe do deporte máis pesado de Galicia xa que gaña por goleada, por exemplo, Fernando Vázquez.

Sen embargo se hai algo que non soporto de Óscar Pereiro é que se meta continuamente nos nosos televisores por ser sinxelo, campechano, simpático e tal… Non nos podemos enganar. Un tío que comezou a súa carreira deportiva como atracción de feira na discoteca Queen de Mos non é outra cousa que un Malote.

O tipo ten ademais un afán de protagonismo innegable e que, estivese Landis ou non drogado, perdeu o maillot amarelo despois de manter unha importante vantaxe. A súa irregularidade e “simpatía” fano apetecible para a prensa máis que outros deportistas de perfil baixo. Merece o maillot pero eu non merezo que me dea tanto a vara. Como se non houbese ciclistas en España!

Arquivado en: Ciclismo | Comentarios (3)

La Vuelta en Santiago

Por Fournier Alan
Set 3

Os deportes que máis xente moven son tamén aqueles que máis semellanzas gardan coa vida. Isto fai que ás veces a estética se vexa sacrificada no favor da crueza, sentimento co que se recobre a nosa existencia. O fútbol é un bo exemplo cos seus penaltis inxustos no último minuto. O deporte da bicicleta devora o corpo dos seus deportistas. Canto máis poidas sofrer máis lonxe chegarás. E con tal despiadada premisa, pese a dopaxe e a mala prensa, a xente saíu ás rúas de Santiago a aplaudir a estes vagabundos que amoreados se lanzaron entre as angostas rúas de Santiago como se non houbese unha liña de meta mañá.

Chegada a Compostela
Que o sufrimento do deportista, aínda que sexa nun paso exaltado e fugaz, chame á porta do espectador lévanos a saír e aplaudir ata ao último corredor ameazado polo coche vasoira.

Heroe por accidente

Por Alan Fournier
Xull 30

Alberto Contador, madrileño de 24 anos, natural de Pinto, recórdame ao Dustin Hoffman de Héroe por accidente. Non ten aspecto o bravo ciclista do equipo Discovery Channel de ídolo de masas ou de figura mediática. O seu é un reinado estrano, alleo, ensombrecido polo usurpador Rasmussen e polo tramposo Vinokourov. E, coma todos os grandes héroes por accidente, ten unha conmovedora historia persoal detrás.

O 12 de maio de 2004, Alberto sufriu unha violentísima caída durante a disputa da primeira etapa da Vuelta a Asturias e comezou a convulsionar. Na caída fracturouse o oso malar, pero o máis preocupante era un coágulo que lle detectaron na cabeza. Os médicos do Hospital de Asturias pensaron que a súa causa máis probable era o propio golpe sufrido por Contador e aos dez días recibiu a alta médica. Aos cinco días de estar na casa as convulsións regresaron. Finalmente, os expertos do Hospital Ramón y Cajal descubriron a causa da súa dolencia: un cavernoma nunha arteria cerebral.Tras unha operación que durou cinco horas, e na que lle abriron o cráneo en dous e lle puxeron 70 grapas de orella a orella e dúas placas de titanio, Alberto xa estaba preparado para cumplir co seu destino.

Non sería ésa a única pedra no camiño deste amante das aves (é criador de canarios e de xílgaros). O ano pasado o equipo Liberty ao completo (con Vinokourov á cabeza) foi excluído do Tour de Francia pola súa implicación na Operación Puerto. O propio Alberto Contador chegou a escribir unha carta aberta aos aficionados na que lles pedía o seu apoio e declaraba a súa compromiso incondicional a un ciclismo limpo e sen dopaxe. Os medios franceses apoiaban e desexaban a victoria de Contador antes de que saíse victorioso o antipático Rasmussen. Agora que o novo Indurain se proclamou gañador da carreira xa resoan os ecos dunha nova campaña orquestada polos medios galos na súa contra. Resulta moi fácil dar pábulo a rumores, fomentar dúbidas, abrir interrogantes… Por accidente ou non, temos un novo heroe. Por favor, Alberto, non nos falles

Arquivado en: Ciclismo | Comentarios (0)
A padiola mecánica

A padiola mecánica

O obxectivo vital deste blog é ofrecerche unha visión 'diferente' do deporte, para o que non escatimaremos en mostrarche os aspectos máis tolos e surrealistas que o rodean.

Comentarios recentes