Arquivo para a categoría Copa.

Copas para todos

Por Fournier Alan
Xan 17

O campeón foi derrotado polo BarcelonaO Barcelona, aproveitou a copa para, con menos esixencias que na liga replantearse o seu xogo e volver a aquel que realmente lle deu os títulos. Solidez atraś (seguramente teña, paradoxicamente, a mellor plantilla defensiva exceptuando o seu patético gardameta), contrataque rápido con puntas preparados para a labor (Henry, Bojan, Gio, Eto’o) e que rendabiliza o seu xogo ofensivo. Enfrontarase ao outro equipo con máis calidade individual que queda no campionato e unha das súas bestas negras. O Vilarreal de Pellegrini sempre a fastidia ás primeiras de cambio na copa e esas tradicións, quen sabe por que, acaban por pesar.

Máis amargo foi o trago do Madrid que tivo que comerse como todo bo falabarato o seu trébol na súa competición maldita. Non hai peor cuña que a propia madeira: bo xogo, ocasións e inxustizas arbitrais (na volta) para quedar eliminado ante un equipo que non é máis ca un gran porteiro e pegada arriba. A sorte algún día acábase.

O Valencia usa a copa como bálsamo e pregúntase se o trofeo da Súa Maxestade os rescatará dos seus problemas ligueiros. Tamén podía rescatalos dos experimentos de Koeman (si Zigic é o dianteiro centro e non Joaquín e si, Vicente é o mellor zurdo de España a pesar dos médicos), o atlético fará de sparring, outro bo aspirante aínda que demasiado ilusionado co torneo da regularidade (iso que volverán a caer na sétima praza como bos Sísifos da Liga).

Getafe, Mallorca e Racing son a terceira vía. Os de Manzano merecen un posto máis alto na clasificación ligueira e son unha ameaza por xogo. O perigo do Getafe é a vivencia aínda recente da gloria da final contra o Sevilla (eliminado dous anos despois dunha competición). E queda o Racing que pode ser a sorpresa: gran entrenador, plantilla compensada, nova e equilibrada, unha institución histórica sen títulos… Como dixo Raphael “Puede ser mi gran noche”

Arquivado en: Copa | Comentarios (0)

O mellor e o peor deles mesmos

Por Fournier Alan
Xan 10

Barcelona e Sevilla foron onte escaparates das súas miserias e grandezas. No Barça percebíronse atisbos dese gran equipo que presionaba arriba aos seus rivais e cominaba con rapidez. Encomiable a actitude defensiva de dous “divos”: Tití Henry e Gio Dos Santos (este con menos galóns) que demostraron no fútbol é importante que todos colaboren en defensa e ataque. O Sevilla foi por momentos e especialmente na segunda metade unha máquina cun ritmo avasallador que penetra nas bandas como un puñal. Acurralou ao Barcelona nos estertores do encontro e cada vez en Nervión acórdanse menos de Juande.

Sen embargo os cataláns evidenciaron que sen físico non é posible nin a presión, nin a velocidade, nin a claridade de ideas nin o fútbol. Veuse moi beneficiado polos desprazamentos en longo dun xogador minusvalorado como Edmilson e Xavi e Iniesta estiveron sinxelamente fatal, tirando para atrás ao equipo e xogando con moita lentitude. Os hispalenses volveron a ser ese equipo Caparrosista que corría moito pero sen xeito. A ausencia de Kanouté quita unha referencia ofensiva para ordear o xogo e abrir á banda onde Alves, o verdadeiro cerebro do equipo, dirixe a orquestra con Navas.

De todos os xeitos parece difícil saber quen sairá gañador desta eliminatoria independentemente do resultado da mesma. O que perda poderá centrarse en remontar posicións na liga que boa falta lles fai aos dous. Sen embargo o título máis asequible desta temporada é a copa da súa maxestade.

Arquivado en: Barça, Sevilla, Copa | Comentarios (0)
A padiola mecánica

A padiola mecánica

O obxectivo vital deste blog é ofrecerche unha visión 'diferente' do deporte, para o que non escatimaremos en mostrarche os aspectos máis tolos e surrealistas que o rodean.