Arquivo para a categoría Dépor.
Xan
30
Variable A: Ariza Makukula. Dianteiro cedido polo Sevilla ao todopoderoso Marítimo de Portugal. Despois de prometer no Valladolid este dianteiro torpe amosou a súa falla de destreza ante a meta rival naquel Sevilla de Caparrós totalmente incapaz de marcar e con dianteiros famosos pola súa torpeza. Despois dunha grave lesión foi cedido ao Nastic de Tarragona no que tampouco fixo nada. Unha boa temporada na igualada competición lusa vai provocar a súa fichaxe polo Benfica de Camacho.
Variable B: Gonzalo Ruben Bergessio. Atacante arxentino do Benfica e q anteriormente defendeu a camiseta de Racing Avellaneda. Estatísticas: 67 minutos e 0 goles. O seu substituto vai ser Ariza Makukula.
Variable C: Radamel Falcao García Zárate. Dianteiro de River Plate. Nunca vin xogar a este señor. Só sei que o seu compañeiro na dianteira e flamante fichaxe é Washington Sebastián “Loco” Abreu. O fútbol arxentino outra vez como fraude. O Dépor, arruinado como está, fixo un esforzo enorme por contratar a este novo talento xa que era o primeiro na lista de Lotina.
Variable D: Christian Whilhelmson. Xogador sueco do Nantes que xa pasou por varios equipos esta mesma temporada.Este consumado fulano vén a animar as concentracións nun clube que necesita iso, máis leña.
A fórmula lévanos a un barco á deriva que non tardará en encallarse na segunda división…
Xan
28
Confeso que Miguel Ángel Lotina me tiña enganado. Tíñao por un tipo honesto ante todo, simple, que lle traizoaba a boca pero ante todo sen maldade. Comezo a gardar dúbidas serias sobre este entrenador que vén de descender ou case descender aos seus tres últimos equipos.
E a tolería comezou na pretemporada cando un preparador que levou como sinal identitario o bo facer defensivo e o esforzo colectivo durante a súa carreira apostou cun equipo con Taborda e Bodipo polo fútbol de toque e espectáculo. Cando dixo que tiña a mellor plantilla posible e logo pediu un reforzo por liña ou cando relegou Adrián ao banco sen razón aparente.
E a demencia culmina co puñetazo dun compañeiro ao outro (por moito que provocase verbalmente o agredido). Un caso tan evidente que até a xustiza o tivo claro pero Lotina non. Nun equipo que se afunde quedouse co porteiro do filial ao que lle meteron 4 goles cousa que el mesmo se apresurou a salientar.
E agora cambia a un sistema demencial onde a creación de xogo é case imposible. Gañóuselle ao Valladolid pero o máis normal sería perder cun sistema tan rácano. Non hai creadores de xogo e só me explico a victoria ante os de Pucela pola volta de Valerón que inculca fútbol coa súa presenza. Seguramente a única boa noticia.
Xan
13
Cando o ficharon fíxose unha aposta moi forte por el. Tanto que se trocou ao xogador máis desiquilibrante do equipo (Munitis) por un porteiro moi completo e agraciado con axilidade baixo os paos. A temporada pasada foi un dos máis destacados sen fallos salientables durante todo o exercicio.
Munúa sen embargo levaba unha traxectoria diferente. Foi fichado de xeito precipitado e no límite do período de fichaxes para cubrir unha baixa. Non disfrutou da titularidade desde o 2003 e incluso foi cedido á segunda ao Sporting onde non foi titular. É internacional con Uruguay pero, por exemplo, o seu competidor no marco charrúa, Carini, é suplente no Murcia.
Foi sorprendente cando Lotina trocou a Dudu despois do fallo do Osasuna. É certo que se perdeu, en parte por ese erro clamoroso do israelí nos estertores do partido, pero non menos certo é que ata de aquela foi un dos máis destacados do equipo e que con Munúa tampouco melloraron os resultados.
Un só partido non pode marcar tanto e aquí xorde a figura de Albert Riera. Por que? Porque cando estivo baixo as ordes de Lotina non xogaba e foi cedido ao Manchester City. Nos dous anos seguintes convertiuse nunha figura clave. Para non remontarnos a casos máis lonxanos quedémonos coas declaracións do entrenador branquiazul sobre Adrián: “É o Ronaldo Branco”. Tendo en conta estes eloxios e que as alternativas son dous futbolistas presumiblemente suplentes no Murcia ou no Almería como Bodipo ou Taborda tampouco se entende que o asturiano non teña máis bóla. Hai que recordar que na pretemporada dixo que Pablo Álvarez era o xogador que máis gratamente o sorprendera. Acaba de ser cedido ao Racing de Santander.
Pero aquí hai que falar de xustiza e non de deporte. Un empregado quéixase do papel na súa empresa diante do encargado e ao día seguinte un compañeiro rebéntalle o ollo sen mediar palabra. Nunha empresa normal botaríase ao agresor sen embargo Dudu, que non protagonizou ningunha polémica ata o de agora, recibe o mesmo castigo que Munúa. Só queda que un rapaz sen experiencia en primeira xogue toda unha volta coa tensión do descenso sobre el. O máis intelixente sería culpabilizar a un dos dous vetereranos. Segundo Lotina castiga aos que fracturan ao vestiario. Pode castigarse a si mesmo?
Dec
11
Os feitos obxectivos indícannos que o Barça conseguiu o pasado domingo tres puntos no Nou Camp que lle permiten seguir case sen folgos o ronsel dun Madrid uncido polos deuses para gañar a súa segunda liga consecutiva. Sen embargo a derrota flotou na atmósfera do afeccionado catalán ante un xogo tan malo. Nin sequera agora o Camp Nou é fortaleza para librarnos do xogo espeso e tibio dos azulgranas que parecen vivir nun permanente catarro. Nin Messi desborda xa.
O Dépor cun equipo, digamos, estraño conseguiu manexar ben ao anquilosado mediocampo blaugrana. Víctor Valdés volveu demostrar a súa calidade coméndose con moito estilo un tiro benintencionado do fillo pródigo Cristian. A inoperancia das bandas Sylvinh-Zambrotta e a falta de ganas de todos menos Eto’o. Só Cristian, outra vez, cun dos dous penaltys máis claros de todos os tempos ( o outro non llo pitaron a Coloccini na segunda metade) puido desiquilibrar o partido. O Barça gañou porque as súas individualidades fan case inevitable que sexa así e o Deportivo, co seu non saber competir e falta aberrante de calidade arriba acaba por facerse o Sepuku.
Poden perder os dous equipos un partido? Parece que si.
Dec
5
Que pasa co Dépor? O ano pasado non tiraba a porta e non xeraba xogo de ningún tipo, nin sequera do malo, e aínda así foi gañando os partidos e conseguindo a salvación sen moitos apuros. Neste exercicio con practicamente a mesma plantilla, mellorada nalgúns postos se cabe, non dá gañado na casa, vello problema, e déixase perder en moitos partidos.
O xogo do equipo herculino porfía contra a realidade. O seu xogo é (bastante) bo. Para ser como o Racing de Santander ou proclamarse equipo relevación. Hai bos xogadores no equipo (salvo na dianteira onde-outra paradoxa-hai overbooking) e a aposta polo toque de Lotina foi, contra toda lóxica, algo máis que un dos seus habituais exercicios de simplepensar das roldas de prensa.
Contra calquera prognóstico non xoga o prometedor Adrián e si os incapaces Bodipo e Taborda e un rapaz da canteira está sendo o máis destacado en defensa canda un até hai pouco deshauciado Manuel Pablo que pensa en si mesmo como internacionable. O Deportivo é estraño e así está sendo o seu camiño: errático e capaz do mellor e do peor. Os equipos tan novos son propensos á irregularidade polo que non é descartable un descenso ou (quen sabe) unha gran actuación na Copa do Rei, unha remontada importante ou unha victoria no Nou Camp. O resultado será sempre sorprendente.