Arquivo para a categoría Premier League.

Cuestionario Juande

Por Fournier Alan
Out 27

Juande, o entrenador-tópicoPor que a prensa madrileña non ocupou as súas portadas coa marcha do entrenador revelación das dúas últimas temporadas? Merece máis atención a apoloxía da xoldra de Robinho? O Tour que, finalmente, lle deron a Pereiro?

É Juande un traidor por irse a unha empresa que lle paga máis de 7 veces o seu salario actual e o convertirá no segundo entrenador mellor pagado do mundo case ao nivel de Fergusson? (De feito os Fournieur faríamos o mesmo)

Por que Juande non abandonou o Sevilla no verán cando a oferta case era da mesma contía? Resulta ético facelo agora que o equipo, por primeira vez na súa etapa, ofrece dúbidas sobre o seu rendemento?

Débelle máis o Sevilla a Juande ou viceversa? Sería o clube hispalense o equipazo que é agora sen o traballo deste soso manchego? É mérito de Monchi? De Del Nido? De Alves e Kanouté? De Luis Fabiano? Unha conxunción astral?

Servirá de revulsivo este cambio? Está Jiménez preparado para o reto? Haberá desbandada de cracks? Ata que punto o home co record guiness de tópicos nunha rolda de prensa influíu no carácter gañador da Sevilla? Tiña máis importancia a papilla máxica (que agora incorpora o Zaragoza)? A tenor desta última pregunta… Aimar converteranse en Kanouté?

Mou cinco estrelas

Por Fournier Alan
Set 22

Mourinho: Rei de Inglaterra e PortugalPermítome plaxiar unha infame portada do diario Marca para encabezar esta homenaxe a un dos adestradores claves desta década. José Mourinho é algo máis ca un entrenador igual que cando estivo con Robson era máis ca un tradutor. Un histrión, un psicólogo, un xestor de recursos humanos, un malo de película, un preparador físico, un axedrecista, un pai, un actor… Mourinho é o entrenador total.

Non debería ter que dar explicacións da miña admiración por el. Alguén que sae da entrega do premio a entrenador do ano da Premier para defender ao seu can e é detido entra a formar parte directamente do santoral de Padiola. Mourinho sempre quixo que a presión e a atención recaese sobre el e non sobre os seus xogadores. Cantos escándalos recordamos da plantilla do Chelsea nos seus anos como manager? Poucos cando antes eran case diarios. (Como anécdota da era Ranieri lembrar cando Gudjohnsen, Terry e Lampard xogaron espidos nunha boleira).

Tamén se ten acusado a Mourinho de conservador. Admitindo que non é un entrenador de “vida alegre” como Rikjaard ou Hiddink, o fútbol do Chelsea era agresivo e dinámico. Esmagaba aos seus rivais cando estaba en forma presionando até o último equipo. A súa némese no campionato inglés, o madrileño Benítez, vence envelenando ao rival co seu xogo anémico. Mou tentaba afogalo a base de correr aínda que acabou dependendo demasiado de Drogba.

O que matou ao preparador luso foi perder a autoridade. Primeiro coas fichaxes das estrelas do Fifa 2003 Sevchenko e Ballack que non trouxeron máis ca problemas. Non creo que moitos preparadores do mundo puidesen aguantarlle a mirada a Abramovich para dicirlle que quen fichaba era el. Nunca perdeu a autoridade moral. Os resultados, o seu cariño aos xogadores e o seu criterio salomónico dábanlle a autoridade no vestiario. Nestes días sucedéronse sinceras reaccións de raiba por parte da súa plantilla (tampouco hai que autoenganarse: olvidaranse de Jose para a semana). Veremos o que di Gerrard ou Xabi Alonso cando marche o seu adestrador.

Mourinho volverá, e pode que ao noso campionato, e se é así pode facer campión a calquera, incluso ao Atlético de Madrid. Non sería perturbador, co que leva chovido, que Mourinho volvese ao Camp Nou como adestrador?

O Spanish Freak de Benítez abre a temporada en Inglaterra

Por Fournier Alan
Ago 11

Os píares do LiverpoolDeu comezo a Premier en TVE cun Aston Villa-Liverpool que ofreceu interesantes apuntamentos sobre o equipo máis español da Premier. O Liverpool segue a parecer unha máquina que sorbe o xenio e creatividade dos seus xogadores. A unión máis que dar a forza trae a infelicidade e xogo gris, táctico e desesperanzador que Benítez e os seus secuaces menos talentosos están a converter no norte do fútbol mundial.

Fernando Torres parece ir polo camiño que o destino marcou. Fracasará sen remedio. Noutro caso daría argumentos do tipo “tense que adaptar, non era un partido para el, estaba desasistido…”. Sen embargo o gran bluff do fútbol español, o sucesor natural de Raúl nesa monarquía do despropósito, reafirmará todas as súas carencias no equipo inglés: falta de gol, esvaécese nos partidos, individualismo, falta de intelixencia táctica e non digamos da outra… Babel fixo bastante máis en 15 minutos que el en máis de 70.

Isto acentúase cando tes ao lado un xogador magnífico como Dirk Kuyt. Faino todo ben: pelexar, moverse, pasar, caer a banda, remata coas dúas pernas e a cabeza… Fáltanlle tres cousas: algo máis de gol, ser guapo como Torres (ou polo menos non tan feo) e non ter a un entrenador que sobre explote a súa capacidade de traballo como Benítez.

É que non sei se o meu con Benítez será xa patolóxico. Vexo a Riise, Alonso (o bo), Gerrard e Carragher e teño a sensación de que o Liverpool é como unha empresa na que o xefe está tolo pero conta coa sorte de dispoñer dun grupo de currantes que nunca fallan. O entrenador madrileño fai un fútbol de Burger King sen alma, paixón nin beleza. Paréceme inxusta a comparación con Mourinho e o seu Chelsea que deixa a pel en cada balón e, se ben non aposta pola técnica senón polo físico, fai un fútbol honesto e vertical.

Outra cousa que non aturo del é a súa teima de que a estrela do equipo é el. Se no caso de mou as súas actuacións circenses van encamiñadas a isolar ao equipo da polémica (recordades algunha dun xogador blue) Benítez necesita xustificar o salario colocando a Arbeloa de lateral esquerdo a un destro pechado como Arbeloa ou na banda a un xogador coa chegada e visión de xogo de Gerrard. De fichaxes como o de Zenden prefiro non falar.

Desexando que Torres e Benítez non atopen o camiño de volta desde as illas quédome co gol de Gerrard, o mellor libre directo que vin en anos, e a honestidade de Carragher ao cometer un penalty e non protestar en absoluta. Son eles quen fan grande a ese equipo.

A padiola mecánica

A padiola mecánica

O obxectivo vital deste blog é ofrecerche unha visión 'diferente' do deporte, para o que non escatimaremos en mostrarche os aspectos máis tolos e surrealistas que o rodean.