Arquivo para a categoría Real Madriz.
Feb
5
Comezos do ano 2007. O Real Madrid perde en Riazor dando unha das peores imaxes dos últimos anos e culminando o proceso de desguace que deu comezo despois do desmembramento do Equipo dos Galácticos. As expectativas de Jogo Bonito eran baixas cando se traeu a Fabio Capello pero nin os máis catenaccistas podían crer que se podería chegar a tan baixo.
Comezos do ano 2008. Un Barcelona especulativo e que promedia neste ano recén comezado un gol por partido empata a poucos minutos do final contra un equipo claramente inferior como o Athletic. Os periódicos capitalinos dan como vencedor virtual aos máis brancos de Madrid despois de ter realizado a súa enésima miragre contra o Real Madrid. Sen embargo non se nos pode escapar que:
O Barcelona estase a acostumar a gañar sufrindo ata o último minuto e defendendo como o mellor equipo italiano. Unha defensa similar levouno a conseguir a súa segunda Copa de Europa. A este valladar hai que sumar a un inesperado convidado: Víctor Valdés pasou de ser o peor con diferencia do equipo ao protagonista máis destacado achegando unha tranquilidade beneficiosa para o equipo.
A reacción do Madrid cimentouse non na calidade dos seus homes, inferior ao do Barcelona ou á do Sevilla, senón nun gran espírito de grupo e na preparación física. De non verse tantas veces mortos e resucitados poderían os merengues ter remontado non 9 senón 15 puntos que eran os que levaban de vantaxe os culés no pasado ano? Que nos pode facer pensar que o Barcelona en similares condicións non subirá tamén?
Existen outros paralelismos interesantes como o dos Ronaldos (non confundir cos autores do celebrado himno “Idiota”). Os xeniais xogadores brasileiros deron en estragar as súas carreiras e renunciar a ser os mellores da historia cunha vida disipada que os leva a ser estrelas só nos anuncios e na conta corrente. A súa presenza, tan significativa no grupo, é un peso para o resto da plantilla. O Madrid tirou para arriba cando Ronaldo marchou para Milanello. No Barcelona o timonel tomouno Eto´o cando o de Porto Alegre perdeu a súa aura de intocabilidade. Algo polo estilo podemos dicir do desanxelado Deco que tanta ascendencia ten sobre os demais pero que ao igual que o imprescindible para a Eurocopa Raúl crea máis problemas dos que soluciona.
Sinalados estes paralelismos cabe prender o último cirio culé. Schuster conta na súa carreira con impresionantes primeiras voltas e grandes descalabros nas segundas. Cómpre recordar o que pasou en Xerez (de líder destacado á metade da táboa), Levante (de case UEFA a descenso) e no Xetafe (algo similar). Engadamos a isto que o explosivo carácter do xermánico, os seus roces de egos con estrelas como Guti e o carácter inestable e falsario dos salteadores de camiños que pilotan a nave branca pode levar a que se ben nas vacas gordas todo sexa arrogancia e especulacións sobre a xornada na que se gañará ao campionato un par de embates poden facer naufragar ao equipo de Chusté.
Para ben ou mal as matemáticas son do menos traizoeiro desta vida e dinnos que aínda que o Barcelona fai números de campeón e o Madrid de récord. Estas mesmas matemáticas sinalan que por moitas hipóteses de cambio que haxa sobre a mesa o normal será que a Cibeles se vexa ameazada outra volta polas hordas madridistas.
Xan
29
O Diario Marca, nunha das súas etapas máis ominosas da man do seu director Eduardo Inda, fai unha defensa numantina da presenza de Guti na Roja na próxima Eurocopa. Déixase a Aragonés como un papanatas por non ver o obvio e este responde cun argumento demoledor: “os que convoco eu son mellores que Guti”. Que diría Inda de Iniesta se fose branco? Son Cesc ou Silva peores que o loiro de Torrejón. E se ben é certo que o seu partido contra o Vilarreal foi bo non menos certo é que perdeu a titularidade en favor de Baptista e que dende aquela non fixera un partido similar.
Caso aparte é o superclase madridista Raúl González Blanco. Marcou moitos goles nas primeiras xornadas pero leva un número equivalente ou superior sen intervir e marcando moito menos. Cando se trata de evalíar a un crack a esixencia debe ser equivalente na saúde e na enfermidade. Ou acaso a prensa catalana non está a machacar continuamente a Ronaldinho, Henry ou Deco? Sen embargo os partidos malos de Raúl, os 5 últimos por exemplo, non existen. El é como o Guadiana que emerxe cando ten a marea a favor.
Os excelentes resultados do Real Madrid non se basean no xogo destes dous astros madrileños. Íker trascendeu Matrix e volveuse infranqueable, o equipo ten un fondo físico fascinante e arriba conta con dous xogadores (estranxeiros) de gran calidade que resolven os partidos: Van Nistelroy e Robinho. E se todo falla está Ramos, os árbitros ou incluso Sneijder…
O karma madridista é positivo e a súa determinación imparable. Neste momento cando o destino se vexa no dilema de favorecelo ou perxudicalo estará cos brancos. Por moita influencia que teñan na prensa os dous capitáns brancos non son máis que actores secundarios deste proceso iniciado por Capello e a maxia negra de Ramón Calderón. Non explican estes dous xogadores nada do que pasa agora no Real Madrid.
Xan
7
Victoria por aplastamento: Todo o mundo, até os Fournieur, ten o seu día algunha vez e no caso do Real Madrid hai moita calidade individual (Robinho, Van Nistelroy, Guti, Sergio Ramos…) polo que cando teñen o día pouco hai que facer. Que llo pregunten a un aspirante ao título como o Vilarreal. Este equipo ademais posúe o que se deu en chamar “fame” co cal a partir do segundo gol non só non durmen o partido senón que buscan esnaquizar ao rival. Van Nistelroy e Robinho son moito desta escola da crueldade futbolística. Obviamente nun campionato este tipo de victorias é a menos habitual.
Ataque letal: O Madrid estase a diferenciar dos seus rivais por tres factores: unha condición física superior que os leva a non desfalecer nunca, unha gran concentración que os mantén sempre no partido e, sobre todo, un ataque letal liderado por Van Nistelroy e Robinho que leva a que practicamente cada ocasión sexa gol. A fe ten unha importancia grande nesta modalidade de victoria, a máis común neste “rexurdimento branco”.
Ataque melenudo: Cando os de Calderón non xeran ocasións en xogo sempre lles queda o balón parado. Este ano o encargado das faltas, Wesley Sneijder, parece que vai deixar o de suceder á Saeta Rubia para o ano que vén pero aínda así Van Nistelroy e Ramos puxeron os alicerces para o pasado título ligueiro. O caso é que non está Beckham.
Comando G: Guti nunca será un crack mundial pero tampouco deixará nunca de selo. Pérdese, autoexpúlsase e representa o estereotipo do neno abusón do patio do colexio que controlaba o balón por todo o campo humillando os rivais. Sen embargo concentrado, fresco dende o banquillo e metido no encontro é unha máquina de repartir balóns envelenados. En cantas ocasións Guti, eterno aspirante a titular, non resolveu tres partidos seguidos dende o banco e logo fixo o ridículo como titular?
O mellor ataque é a mellor defensa: Que facer cando un porteiro detén 10 ocasións claras de gol? Os contos sobre a seguridade defensiva veñense abaixo e agrándase a figura do que seguramente é o único xogador español que é o mellor do mundo no seu posto (coas discusións posibles de Puyol, Ramos e Cesc. Iniesta necesitaría un posto para ser incluído aquí.). Se Íker fose un bravucón e non un bo rapaz de barrio faría máis anuncios e Roncero pediría para el o balón de ouro e non para outros compañeiros evidentemente máis limitados no técnico e no mental. A actuación de onte contra o Zaragoza foi unha xesta histórica.
Out
5
Desde hai uns anos o Real Madrid vive nun estado de crise permanente, tanto deportiva, como institucional, ou mesmo en momentos concretos, as dúas. O que me resulta abraiante é a bipolaridade dos seus aficionados, capaces mesmo de simultanear estados de euforia galáctica con arrebatos de criticismo patolóxico. Como explicar que un equipo que conseguiu 16 dos 18 puntos posibles en liga esté discutido permanentemente?
Cando non hai problemas, parece que os inventan, coma se desfrutasen realizando un harakiri orxiástico e infindo. Non son eu quen vaia defender a Schuster, pero resulta esaxerado polo en cuestión cando transcurriron uns cantos partidos e cando -a excepción da Supercopa de España- o equipo permanece invicto en competición oficial. Da a impresión de que non vale ningún adestrador nin ningún central para o Madrid, que os engule coma quen non quere a cousa. Agora, o alemán xa comeza a ser discutido polo seu sistema de rotacións -se non fora isto, sería por outra cousa-. E iso que el -ao contrario que outros, como Fabio Capello- conta co beneplácito da mefistofélica e fanática prensa deportiva madrileña.
No fondo é ben triste que os xornalistas se comporten coma hooligans insensatos, criticando por criticar. Se non hai problemas, invéntanse. Todo por la pasta. Estou seguro de que se o equipo asimilara o sistema de rotacións e xogara un bo fútbol, o problema sería a quen sentar no banco, ou por qué non xoga aqueloutro, ou mesmo dirían que non sería bó estar a un gran nivel a estas alturas da temporada.
Moitos dos que en breve se acordaran de Vicente del Bosque ou de Fabio Capello -en canto empecen a perder partidos, xa veredes- foron os primeiros que clamaron en contra deles, que se manifestaron entusiasticamente a favor de destituilos. A lista é moi larga: Vicente del Bosque (para eles non mandaba no vestuario, era tácticamente deficiente, tiña perfil baixo…), Wanderlei Luxemburgo (que o equipo xogaba mal, que si o cadrado máxico era un disparate…), Fabio Capello (que o sistema era moi defensivo, que a parella Emerson-Diarra era un estorbo, que o bo fútbol brilaba pola súa ausencia…), Carlos Queiroz (curioso caso o deste home, cando o Madrid arrasaba afirmaban que un equipazo así o dirixía calquera, cando empezaron a perder un partido tras de outro resulta que a culpa de todo era del), etc.
Así é un importante sector -ollo, que non todo- do madridismo. Soberbio e engreído cando o seu equipo arrasa (de ahí o odio que o Real Madrid dos galácticos sementou alá por onde iba) e autodestructivo nos malos momentos. Que se vai esperar dunha institución presidida por un home que estivo dentro de directivas das que agora renega e fala pestes, en público e en privado?
Set
29
Con Raúl pásame que ás veces dáme a sensación de vivir nunha realidade alternativa á que me ofrecen os medios de comunicación. Agora fálase dun rexurdir do gran capitán branco que o vai levar irremediablemente ao combinado da Real Federación Española e, se marca contra ao Getafe, de seguro que superará a Messi e Kaká na carreira polo Balon de Ouro. Terei que ir paseniño con boa letra para que as hordas madridistas e miles de lectores e Padiola non me comades vivos:
Algúns méritos de Raúl son innegables. Os números están aí: máximo goleador da Champions, desde os 17 xogando no Madrid, xogador de campo con máis partidos na selección… As súas cualidades futbolísticas para min son a súa mentalidade competitiva e o olfato de gol. Se González Blanco é un crack por algo é por ter aguantado tantos anos aí baixo a presión e con fame de fútbol. Neste punto cabe recordar que algo similar se pode dicir do eterno discutido Guti.
A gran virtude de Raúl actúa como elemento catalizador dun proceso deformador da realidade. Raúl crese un superclase mundial e un elixido dos deuses. Non é unha presunción ao uso marcada pola arrogancia e a altanería como pode ser, seguimos coa comparación, no caso de Guti. El cre que pode xogar cada balón, chegar a cada remate, regatear a todos os centrais do mundo porque foi uncido deste xeito. Limítase a cumprir o seu papel divino con eficacia.
O problema é a realidade (ou máis ben a realidad onde vivo eu). Aí Raúl é un xogador sen recursos para decidir por si so un partido e moito menos campionatos. Pode haber por algún que se erga por aí e me lembre que xa o fixo en múltiples ocasións pero aquí citareime a min mesmo dicindo que leva 13 anos en primeira división e o meritorio sería, realmente, non telo feito nunca. Porque cando falamos de cracks, dos de verdade, aí que falar de Ronaldo, Di Stefano, Platini, Van Basten, Zico, Messi, Cruyff, Maradona, Pelé, Roberto Baggio, Bergkamp e tantos outros con argumentos futbolísticos para resolver un encontro sen importar a realidade do mesmo.
Malos mestres
Raúl é un enorme xogador de equipo. Un dos mellores que tivo a liga seguro nese sentido de entrega incondicional polas súas cores. Sen embargo tivo esta persoa, cos estigmas da clase traballadora debuxados na fronte, moi malos mestres durante a súa carreira. Por unha banda a prensa madrileña, instalada nun permanente salto ao baleiro da esaxeración na procura da gloria blanca, avivou as súas ansias de competitividade de león de barrio converténdoo nalgo que non é: un xenio. Peor aínda foi a nefasta influencia dos seus compañeiros. Seguramente quen converteu a Raúl no monstruo que é agora foi Fernando Hierro, candidato claro á Historia Universal de la Infamia de Borges e que lle inculcou que tratar aos demais como iguais é impropio de deuses merengues.
Así se entende o seu empecinamento en darlle o Balón de Ouro cando non o merecía, ou que tirara aquel penalty contra Francia cando había mellores lanzadores sobre o campo, ou que mire ao ceo cando sone o himno español. Raúl interpreta un papel que non foi escrito para el e por iso se olvida dalgunhas liñas e entra tarde. No Real dos fantásticos empezou a dubidar da súa capacidade, e a perder punta de velocidade, e esa foi a súa fin. Debe ser duro ser dianteiro e ver adestrar a Ronaldo (se é que vai claro).
Non se agochan motivacións inocentes detrás desta deificación de Raúl. Hai motivos económicos, que o Madrid sempre estea na primeira plana garante mellores resultados económicos das empresas con sede en Madrid e hainos tamén políticos. O entorno merengue, a pesares da inmensa pluralidade política dos seus siareiros, está asentado na dereita e, incluso na ultradereita, como é o caso de Lorenzo Sanz ou Ramón Calderón, antigos membros de formacións desa ideoloxía. Convén un ídolo sen talento nin estridencias, alguén co que o traballador que se ergue ás seis da mañá nunha cidade dormitorio madrileña se poida identificar. Non hai máis que ver o caso que a pija progre Ana García Siñeriz fai no seu programa aos Beckham e aos Guti e como Roncero, o Raúl do xornalismo, adora ao seu capitán.
Neoraúl
Por volver á actualidade parece claro que Raúl non fixo máis que volver á súa posición orixinal. Aí está máis cerca da área e mete máis goles. En tempos pretéritos isto non era así porque andaban por aí Figo, Ronaldo, Owen e compañía. O número de goles de diferencia entre o semideus e Saviola non é significativa, por exemplo. No caso da selección está claro que el, Salgado e Cañizares foron expulsados por non saber ser suplentes. O proceso de divinización galáctico foi demasiado para el.
Dada a idiosincrasia de Raúl a súa retirada levará ao seu olvido. O afeccionado branco recordará máis os malabares de Ronaldinho que a un pobre home correndo entre os centrais para probar que el non se equivoca.
Set
26
A policía de Nova Iorque retivo a Ramón Calderón, presidente do Real Madrid, durante unhas horas no aeroporto da citada cidade estadounidense por mor dunha confusión con Carlos Iván Ramos Calderón. No desagradable inpass o número 1 dos madridistas tentou contactar cunha persoa de probado madridismo e honradez: o ministro de interior Pérez Rubalcaba que é amigo persoal da súa dona.
Finalmente todo se aclarou salvo a honradez do cidadán Calderón. O seu único delicto foi roubar 178 pesos en 27 caxetiñas de tabaco dun estanco a punta de coitelo. Non amañou eleccións, non acusou en falso a ninguén, non utilizou o seu clube para lucrarse, non arruinou a esta mesma entidade… Respectemos o bo nome de Carlos Iván Ramos Calderón e que algún representante da policía faga unha declaración pública. Por favor.
Set
3
Real Madrid e Barcelona parecen sofrer un cambio de identidade na súa identidade. Mentres que os brancos acostumaban a gañar de forma apurada, pouco ortodoxa e conseguindo resultados por riba do seu xogo os culés adoitaban a conseguir bos resultados pero que non plasmaban a diferencia real da súa superioridade. Isto semella que xa non é así.
Cun bo e valente adestrador, máis unha plantilla de gran calidade confeccionada de xeito caótico, despilfarrador e desordenada reuniu un gran elenco de xogadores cos que levar á práctica unha idea de fútbol rápido, de toque e, aquí a gran diferencia, demoledor. O Madrid dos galácticos nunca xogou ao nivel que o fixo onte en Castellón. Foi o seu mellor partido seguramente desde a primeira era Toshack a un rival en plena forma e fóra de casa. Seguramente haxa elementos circunstanciais que se conxugaran para ese baño de xogo e goles: a nefasta parella de centrais do Vilarreal, a mala sorte de cara a portería nos primeiros 45 minutos dos amarelos ou a desmoralización dos de Pellegrini despois dunha racha tan victoriosa. Non esconden tales condicións a evidencia de que este Madrid é unha máquina de matar chea de confianza. Unha especie de híbrido entre o bo xogo de toque da escola de Schuster combinado co espírito guerreiro de Capello. Así é moi difícil paralo.
Claro, é de supoñer que Sneijder non meterá todos os tiros que intente, está aínda por demostrar, e que algún día Casillas non as parará todas antes do primeiro gol de Van Nistelroy. Sen embargo o feito de que non sufrisen en defensa coa peor combinación de xogadores posibles (só faltaba Salgado), que teñan como titular indiscutible ao peor dos 4 segundas puntas que teñen (tremo con pensar o que podería facer Baptista aí) e que ademais un dos mellores extremos do mundo non debutase… Todo isto fai máximo candidato ao Madrid a todo, incluído Champions. Os seus únicos puntos febles son que pasará se Guti non funciona e que acontecerá coa súa confianza psicolóxica despois dunha racha mala.
O Barça é un enfermo que ten mellor cara pero segue igual de enfermo. Con dous partidos de Deco ou Ronaldinho coma os de onte terían gañado liga e copa. Sen embargo os problemas persisten. Apenas tiran en xogada, necesitan moita elaboración para rematar, Valdés é entendido como un mal endémico e os xogadores teñen dúbidas sobre si mesmos o cal se aprecia no campo. Vai sendo hora de recoñecer que o que sabía de tácticas era Ten Cate e Rikjaard non é máis ca un bo psicólogo. O Bilbao, posiblemente o visitante máis fácil do campionato e cheo de baixas, marcou na súa única aproximación e de non ser polas xa case malditas axudas arbitrais non terían saído indemnes desta volta.
Por calidade, homes e nomes poden facer fronte á Bestia Branca que non pode conservar ese nivel de xogo toda a temporada. Necesitan recuperar aquel espírito combativo derivado da chegada de Edgar Davis e un fútbol máis práctico, en definitiva xogar como o fai o Madrid.
Ago
22
O mesiánico Ramón Calderón cada día nos sorprende máis (e non sei se dicir positiva ou negativamente). Aparte de facer promesas que non valen nada, presunto fraude electoral e actuar pola espalda (véxase a este respecto a entrevista que hoxe concede ao diario Marca Fabio Capello), despilfarra o diñeiro da caixa forte blanca dunha maneira pouco disímil a de Onieva, Sanz e as famosas partidas de cartas. O seu antecesor, o todopoderoso e megalómano Florentino Pérez, tras un desastre obxectivo como o do pasado domingo na Supercopa tería fichado a unha estrela mundial para desviar a atención mediática. Seguindo o exemplo do seu mefistofélico antecesor, don Ramón fichou a… Heinze!
Heinze, un central e lateral esquerdo sobrevalorado e que fixo as súas primeiras armas en Europa no Real Valladolid, resulta que agora será o gran salvador do equipo. No fondo, debemos agradecerlle a don Ramón e a Pedja que con esa operación conseguiron, dunha tacada, que Piqué e Arbeloa teñan moitos máis minutos de xogo. O que non poderá dicir o mesmo ser´´a o canteirán branco Miguel Torres. Mellor, ao meu entender, que Heinze (que costou, ollo, uns 12 millóns de euros), estará condenado ao banquillo. Non creo que Bernd se atreva a sentar a Cannavaro no banquillo, o que sería a todas luces moito máis xusto.
Resulta curioso que do fámoso eslógan de Florentino: “Zidanes y Pavones”, don Ramón a este paso non vai ter nin Zidanes nin Pavones. As fichaxes deste ano son, cando menos, dubidosas: Dudek (un porteiro que desperta a hilaridade xeral pola súa torpeza conxénita), Saviola (como fichen a Milito ou a Huntelaar acabará sendo terceiro dianteiro, como o foi no Barça), Metzelder (veu lesionado, pero gratis, aínda así non está preparado para a liga española), Drenthe (calidade indiscutible, quizáis irregular debido á súa xuventude, non pode ser o salvador), Sneijder (non é o conductor do xogo que necesitan, é o enésimo mediapunta do equipo), Pepe (bo central, debería aprender boas maneiras, pero 30 millóns de euros é un prezo desmesurado).
Os técnicos e directivos do Madrid volvéronse tolos. Pretenden fichar agora un dianteiro centro, cando teñen a Soldado, Baptista incluso, Saviola… O de Robben parece a historia interminable. E a fichaxe de Heinze é incomprensible. Por último, os que parecen condenados son os canteiráns, o cal supón unha enorme inxustiza, porque Granero, De la Red, Javi García… alí a onde vaian triunfarán, seguro. Nin Gago, nin Higuaín, nin Drenthe demostraron máis ca ningún deles.
Ago
16
Comeza a ser habitual, un deja vu, que o Real Madrid empece a pretemporada con dúbidas debido ao seu mal xogo e ao suposto desequilibrio da plantilla. Da a impresión de que ningún adestrador serve para este equipo, sentenciado a un xogo ruin e tedioso. Coma todos os anos, os merengues botan de menos a un conductor do xogo (resulta curioso que agora todos lembren a Fernando Redondo, co criticado que foi no seu momento). Se Capello perdera tantos partidos na pretemporada como leva ata o momento Schuster levaríano a Italia a gorrazos.
Trátase este dun equipo ciclotímico, que alterna fases infumables con momentos de certa calidade. Botarán de menos a Beckham e os seus pases medidos. Non se percibe unha mellora na idea colectiva do equipo e non creo que volvan a ter a sorte infinita coa que contaron o ano pasado en forma de remontadas continuas, poucas lesións e fallos reiterados dos seus rivais polo título.
Sen embargo sería inxusto desdeñar por completo ao Madrid ou descartalo para loitar pola liga (e a Champions). Seguen contando co mellor porteiro do mundo (co permiso de Buffon), teñen unha defensa pétrea con Pepe e Ramos. Van Nistelrooy garante un bo número de goles e de puntos. E qué dicir de Guti, seguro que el solo gañará un par de partidos. Coas fichaxes de Drenthe e Sneijder gañan en profundidade de plantilla e en fisico, algo fundamental no fútbol moderno. Ollo ademais a Baptista, é o clásico descartado que finalmente resulta clave nun equipo, se é que non o traspasan ao Milan. Aínda así, non creo que pasen de cuartos na Champions League nin da segunda posición na liga española. Sobre todo se Raúl continúa a ser titular. Resulta curioso que no programa El Rondo, cando era aínda adestrador do Getafe, Schuster lle “recomendara” a Raúl que se marchara a xogar a Inglaterra. Ao día seguinte de firmar co Madrid, o alemán o primeiro que fixo foi declarar aos catro ventos que necesitaba a axuda de Raúl. Ai, Bernd, cuanto hemos cambiado!!!
Xull
29
En Padiola temos por obxectivo, coma os equipos grandes, non fixarnos no que fai o noso rival e desenvolver o noso xogo. Sen embargo non podemos deixar fuxir a ocasión de comentar un artigo do así autodefinido Talibán Branco Tomás Roncero. Esta peza, que desde agora propoñemos como candidata ao Premio Pullitzer á Mellor Peza de Ficción Literaria en Prensa, ten por título El Elenco más completo y equilibrado. O que está en cursiva está recollido nun diario de tirada estatal e no magnífico blogue La Libreta de Van Gaal :
Desconozco a qué viene tanta duda sobre la idoneidad de la plantilla con la que ayer arrancó Schuster en Valdebebas.
Hai que ser retorcido… A fichaxe do dianteiro descartado do Barcelona (por detrás de Gudjohnsen) e dun defensa de trinta millón de euros que non é internacional co seu pais non son motivos suficientes para a sospeita.
Si el plan se completa con el tridente que falta (Robben, Drenthe y Reyes)
Reyes xa comprometeu o seu máis ca probable fracaso co Atlético de Madrid. O sucesor de Roberto Carlos ,Drenthe, que xa dixo que non xogará de lateral esquerdo, e Robben, que nestes meses compartiu máis tempo con medicos ca con futbolistas, poderían ser presentados o mércores, cun ano de retraso no caso do excelente extremo holandés (loiro) e por unha millonada en ambos casos.
E agora ven a parte que convirte a este artigo nun clásico estudiable nas escolas de xornalismo:
afirmo con absoluta objetividad que el Madrid contará con el elenco más completo y equilibrado de todo el fútbol español.
Difícil de argumentar… Aí vamos.
Miro a la portería y veo tres Copas de Europa (dos de Casillas y una de Dudek).
Nada que dicir das de Casillas. Que tería gañado Polonia ou o Liverpool se non tivese que sufrir a irregularidade do bo de Dudek.
Miro a la banda derecha y veo a la joya de la corona (Ramos) y al mejor dos brasileño desde Cafú (Cicinho).
Salientar o rasgo de clase de Roncero poñendo unha frase case ben en portugués dos brasileño. Volvemos a estar moderadamente de acordo, Sergio Ramos é o xogador de máis futuro da Casa Branca e Cicinho é moi bo aínda que non fose á Copa América porque hai un tal Maicon que vén de arrasar co Inter e o seu suplente, un descoñecido do Sevilla, que seguramente van convocados por enchufe. Entramos agora na parte máis hilarante.
En el muro un gigante alemán que ha sido subcampeón del mundo (Metzelder), un Balón de Oro y FIFA World Player (Cannavaro) y un brasileño avalado por Víctor Fernández (Pepe).
No fútbol existen tradicións de fichaxes. Por exemplo que o Vilarreal fiche a un dianteiro no mercado de inverno ou o Atlético un mediapunta que fracasa a pesar dos pesares. O Real, equipo tradicionalista onde os haxa, é fiel a si mesmo fichando ao típico central de prestixio que caerá en desgracia por ser demasiado lento e vir dun equipo que defende de xeito equilibrado. Ao mellor Ramos (ou Puyol por poñer por caso), non o farían mellor que Metzelder nun equipo que defendese atrás e sen alegrías pero non está no equipo axeitado. Un bo exemplo é Cannavaro (que ademais ten o handicap de ter moi poucas luces).
Sobre o respaldo de Víctor Fernández a Pepe… Se iso foi o mellor que se lle puido ocorrer e que tampouco é demasiada garantía, non?
A la izquierda, el dúo más prometedor del continente (Torres y Marcelo).
Xa dixemos aquí que Torres é un xogador infravalorado polo madridismo. A súa entrada evitaba a participación de Míchel Salgado ou Roberto Carlos o que garantía que o equipo xogara con, cando menos tres defensas, se a isto lle sumamos que tamén podía subir a banda (e baixala…). Marcelo é internacional absoluto con Brasil aos seus 18 anos. Algo terá que ter. Polo de agora entre eses dous quédome con Antonio Puerta do Sevilla.
En la línea de creación un cuarteto de lujo (Guti, Gago, De la Red y Granero); un destructor number one (Diarra) y el resucitado Emerson por si surgiera la necesidad.
O cuarteto de luxo, se ABBA nos lese!, está formado por: un proxecto de crack que non fraguou aos seus 31 anos como dixo no seu día o señor Calderón e que sempre que parte de indiscutible a fastidia, outro que o único que ten de novo redondo é o peiteado, un rapaz moi bo ao que tomaron o pelo toda a temporada e que quere marchar a outro equipo.
Sobre o black power madrileño, para min unha das claves da consecución da liga, de acordo co que di sobre Mahmadou e sobre o Puma non sei cando tivo lugar a súa resurrección. Quizais nas sagradas escrituras.
A la derecha un carrilero nato como el joven Balboa
Eu pensaba que era centrocampista
y tres reconvertidos de cine (Robinho, Higuaín y Reyes).
Renconvertidos a que? Ao xogo italianizante. Reyes xa foi comentado.
Y a la izquierda, esa dupla holandesa por la que Calderón y Mijatovic echarán el resto con absoluta seguridad (Robben y Drenthe).
Volvemos ao termo absoluto. Un pouco Luis XIV e un pouco Kant este señor Roncero…
Con todo eso, fíjense en el arsenal de ataque.
Expectación.
El año pasado había pánico si Van Nistelrooy sufría un resfriado. Pues ahora, el casi Bota de Oro se verá respaldado por la indiscutible capacidad goleadora de Raúl, Soldado y Saviola.
Novamente estamos de acordo con el. Se Van Nistelrooy se resfriase ou se perdese algún partido máis o Madrid estaría onde debería, na Intertoto. O dianteiro tulipán, un xogador acabado como ben nos lembrou Roberto Gómez, foi o verdadeiro valor diferencial respecto ás outras temporadas onde o gol era responsabilidade do exfutbolista Ronaldo e o exgoleador Raúl. Cunha versión mellorada de Raúl, Saviola, e co dianteiro centro do Osasuna sen dúbida haberá máis competitividade. E se algún se queixa de ser suplente que lles recorden que no Barcelona posiblemente Henry ou Eto’o serán suplentes habituais.
¿Qué quieren que les diga?
Que te retiras.
A mí me parece una plantilla para presumir por la pasarela Cibeles
Sobre todo Emerson…
que a buen seguro visitará el Real Madrid dos o tres veces durante la próxima temporada…
Non entendo esta última parte. Certo é que tampouco entendo o resto.