Arquivo para a categoría selección.
Feb
7
Non pasará, porque non pasou nunca e non tería porque ser diferente que a selección española xogue peor que o seu rival e este gañe de córner nos últimos quince minutos de partido. Os profetas arrincarían as súas barbas se Francia marra cinco ocasións claras (incluído unha delirante de Henry) como as que estragou onte. O propio Sarkozy baixaría aos vestiarios a aleccionar aos seus sobre os valores Gaullistas se tal desastre acontecese nus cuartos de final e Le Monde faría un sesudo artigo ao respecto.
Resulta impensable, xa que forma parte da lenda negra da selección española, que as estrelas do Real Madrid xoguen ao nivel do seu clube. Por iso Casillas non obrará a súa miragre semanal (e se hai Champions actuará dúas veces por semana) coma onte en Málaga nin Ramos se lucirá con Dinamarca cando o rival se chame Italia, Holanda ou Francia pero en terras alpinas no próximo verán. O que non pode ser é, ademais imposible.
E seguramente polo irreal do encontro a selección gabacha vestiuse como a Roja e a Roja vestiuse como un equipo da zona baixa da liga francesa buscando aumentar a conta de ingresos en merchandising de caste psicodélica. E até o máis Roncero dos Ronceros sabe que este partido é unha perversión da realidade. Que será España quen domine o campo en terras austríacas e os goles os marcará Anelka ou Henry. Que a defensa española será un valadar e non unha escopeta de feira, sen embargo un erro de Xabi Alonso ou Pablo nos últimos minutos condenaranos á eliminación.
Non menos irracional sería destituír ao seleccionador que, comezando mal, retomou a senda dos resultados e, por momentos do xogo, e que conta co apoio dun grupo unido por unha medianía que ademais xa creou graves problemas de convivencia en Alemaña e non foi reprendido pola prensa deportiva senón que a súa mediocridade é alterada de xeito cada vez máis extásico. O que non pode ser non pode ser e é, ademais, imposible.
Dec
4
O sorteo da fase final da Eurocopa austrosuíza do próximo verán decantou un grupo da morte (Holanda-Italia-Rumanía-Francia), outro de nivel medio (Suíza-Chequia-Portugal-Turquía) e dous ridiculamente devaluados: o de España (con Suecia-Rusia-Grecia) e o de Alemaña (Polonia-Austria-Croacia). Esta situación vén dada pola pouca entidade dos anfitrións, sobre todo Austria, e o feito de que Grecia, cun plantel lamentable, gañase a anterior edición. Aínda así sigo sen entender moi ben como Francia, finalista dun mundial, estaba no último bombo.
Este grupo D que lle veu a tocar en sorte é unha folla de ruta da desgracia para España. Por unha banda porque sufrirá, sempre sufre, contra rivais con plantillas inferiores ás súas e quedarán máis patentes incluso as súas limitacións. Pode pasar iso ou que, como no pasado mundial, arrase nos tres primeiros partidos e gañemos, sen ter desputado as eliminatorias, a Eurocopa. Por se faltasen poucos indicativos de catástrofe os cruces do grupo son contra rivais moito máis en forma que calquera dos integrantes do noso grupo. En cuartos á casa como sempre.
Para colmo de males Aragonés está desexando baixarse aos pantalóns e ameaza con quitar o que obviamente funciona (os centrocampistas de toque do Barça e os estremos do Valencia) para dar entrada ao capitán branco. O superclase madridista volveu a deixarnos atónitos o pasado sábado cun gol despois dun fallo en defensa do Racing e por meter un libre directo a través dunha barreira que se abre. O debate non acabará ata que As, Marca, Cadena Ser e os demais testaferros de La Roja teñan a aliñación que queren.
Total que a posibilidade de ter un equipo baseado no colectivo e na identidade futbolística nacional (eu creo que a furia é máis arxentina que outra cousa) e que dá resultados aos clubes botarase pola borda polos mesmos atavismos de sempre. Este grupo fácil e pouco meritorio en vez de darnos a vida seguramente danos o pasaporte para volver cedo a casa. A salientar o que dixo Chivu sobre o grupo no que está Rumanía: “Se pasamos da fase de grupos gañamos o mundial”. Para cando esa mentalidade aquí?
Nov
18
A victoria inapelable de La Roja contra unha selección dun nivel similar ao noso xa clasificada e xogando como local dános como favoritos absolutos para a Eurocopa. Ou cando menos iso pon na súa portada a cabeceira máis lida de España. Seguramente algo que fixo Raúl ou o Real Madrid é artífice de tal avance cando este mesmo equipo que viste como Brasil e xoga como Inglaterra nos perdoou a goleada en Escandinavia.
Non fai falla ser un Napoleón Táctico para saber que un equipo con algúns dos mellores medios do mundo (Xavi, Cesc, Iniesta e Xabi Alonso), xogadores de banda desiquilibrantes (Joaquín, Silva, Vicente, Riera) e poucos dianteiros goleadores (Villa e Tamudo basicamente). A estratexia debe pasar polos primeiros: tocar con rapidez, abrir espazos e osixenar o xogo na banda repartindo a achega goleadora entre os dianteiros e a segunda liña.
O sorprendente non era tanto que España perdese con Irlanda do Norte ou Suecia senón o mal que xogaba con estes peloteiros. A imposición por parte da prensa madrileña das aliñacións ( metendo con calzador ao eternamente crepuscular Raúl e obrigando á selección sobrevivir ao ineficaz Torres) facía que os esquemas nunca fosen coherentes (cabe recordar o mundial do 2002 cando se xogaba cunha soa banda para que xogasen Raúl-Tristán-Valerón). Aragonés, non menos crepuscular que o Capitán, equivocouse reiteradamente tentando achegar físico e barrullería a un equipo que non pode telo con xogadores fetiche (Albelda ou Marcherna). Cando as circunstancias levaron a que estes elementos desaparecesen o xogo mellorou notablemente.
Total que agora combinase con rapidez, abrese á banda e os dianteiros resultan terriblemente eficaces. Xógase estupendamente contra un bo equipo que non disputará o título (porque como a España ao final faltanlle argumentos) e non vale como proba de toque ante outras escuadras con máis recursos e ases na manga (Italia, Francia, Portugal, Alemaña…). O tráxico da selección é que non pode gañar un campionato ao estilo italiano ou grego porque a súa cultura futbolística non llo permite e tampouco pode resolver con individualidades de ningún xenio (Cesc nun futuro?) xa que, outra desgracia como outra calquera, España pode ser a selección do vello continente con máis xogadores de 8 (Iniesta, Xavi, Xabi Alonso, Villa…) pero ningún de 10 (a pesar do que poida pensar Raúl ao ler isto).
Outras alternativas como basearse nas xogadas de estratexia non son posibles polo pouco tempo de entrenamentos e a falta de compromiso histórico dos internacionais. Tampouco a gran especialidade de Aragonés, o contragolpe, é aceptado polos xornais da Capital da Comunidade de Madrid. Polo tanto pasará o mesmo de sempre: alguén con máis oficio e recursos pasará por diante de España en cuartos e as parvadas de antes da clasificación xa non enganan a ninguén. Son campeóns nihilistas, dos que non gañan nada.
Set
29
Con Raúl pásame que ás veces dáme a sensación de vivir nunha realidade alternativa á que me ofrecen os medios de comunicación. Agora fálase dun rexurdir do gran capitán branco que o vai levar irremediablemente ao combinado da Real Federación Española e, se marca contra ao Getafe, de seguro que superará a Messi e Kaká na carreira polo Balon de Ouro. Terei que ir paseniño con boa letra para que as hordas madridistas e miles de lectores e Padiola non me comades vivos:
Algúns méritos de Raúl son innegables. Os números están aí: máximo goleador da Champions, desde os 17 xogando no Madrid, xogador de campo con máis partidos na selección… As súas cualidades futbolísticas para min son a súa mentalidade competitiva e o olfato de gol. Se González Blanco é un crack por algo é por ter aguantado tantos anos aí baixo a presión e con fame de fútbol. Neste punto cabe recordar que algo similar se pode dicir do eterno discutido Guti.
A gran virtude de Raúl actúa como elemento catalizador dun proceso deformador da realidade. Raúl crese un superclase mundial e un elixido dos deuses. Non é unha presunción ao uso marcada pola arrogancia e a altanería como pode ser, seguimos coa comparación, no caso de Guti. El cre que pode xogar cada balón, chegar a cada remate, regatear a todos os centrais do mundo porque foi uncido deste xeito. Limítase a cumprir o seu papel divino con eficacia.
O problema é a realidade (ou máis ben a realidad onde vivo eu). Aí Raúl é un xogador sen recursos para decidir por si so un partido e moito menos campionatos. Pode haber por algún que se erga por aí e me lembre que xa o fixo en múltiples ocasións pero aquí citareime a min mesmo dicindo que leva 13 anos en primeira división e o meritorio sería, realmente, non telo feito nunca. Porque cando falamos de cracks, dos de verdade, aí que falar de Ronaldo, Di Stefano, Platini, Van Basten, Zico, Messi, Cruyff, Maradona, Pelé, Roberto Baggio, Bergkamp e tantos outros con argumentos futbolísticos para resolver un encontro sen importar a realidade do mesmo.
Malos mestres
Raúl é un enorme xogador de equipo. Un dos mellores que tivo a liga seguro nese sentido de entrega incondicional polas súas cores. Sen embargo tivo esta persoa, cos estigmas da clase traballadora debuxados na fronte, moi malos mestres durante a súa carreira. Por unha banda a prensa madrileña, instalada nun permanente salto ao baleiro da esaxeración na procura da gloria blanca, avivou as súas ansias de competitividade de león de barrio converténdoo nalgo que non é: un xenio. Peor aínda foi a nefasta influencia dos seus compañeiros. Seguramente quen converteu a Raúl no monstruo que é agora foi Fernando Hierro, candidato claro á Historia Universal de la Infamia de Borges e que lle inculcou que tratar aos demais como iguais é impropio de deuses merengues.
Así se entende o seu empecinamento en darlle o Balón de Ouro cando non o merecía, ou que tirara aquel penalty contra Francia cando había mellores lanzadores sobre o campo, ou que mire ao ceo cando sone o himno español. Raúl interpreta un papel que non foi escrito para el e por iso se olvida dalgunhas liñas e entra tarde. No Real dos fantásticos empezou a dubidar da súa capacidade, e a perder punta de velocidade, e esa foi a súa fin. Debe ser duro ser dianteiro e ver adestrar a Ronaldo (se é que vai claro).
Non se agochan motivacións inocentes detrás desta deificación de Raúl. Hai motivos económicos, que o Madrid sempre estea na primeira plana garante mellores resultados económicos das empresas con sede en Madrid e hainos tamén políticos. O entorno merengue, a pesares da inmensa pluralidade política dos seus siareiros, está asentado na dereita e, incluso na ultradereita, como é o caso de Lorenzo Sanz ou Ramón Calderón, antigos membros de formacións desa ideoloxía. Convén un ídolo sen talento nin estridencias, alguén co que o traballador que se ergue ás seis da mañá nunha cidade dormitorio madrileña se poida identificar. Non hai máis que ver o caso que a pija progre Ana García Siñeriz fai no seu programa aos Beckham e aos Guti e como Roncero, o Raúl do xornalismo, adora ao seu capitán.
Neoraúl
Por volver á actualidade parece claro que Raúl non fixo máis que volver á súa posición orixinal. Aí está máis cerca da área e mete máis goles. En tempos pretéritos isto non era así porque andaban por aí Figo, Ronaldo, Owen e compañía. O número de goles de diferencia entre o semideus e Saviola non é significativa, por exemplo. No caso da selección está claro que el, Salgado e Cañizares foron expulsados por non saber ser suplentes. O proceso de divinización galáctico foi demasiado para el.
Dada a idiosincrasia de Raúl a súa retirada levará ao seu olvido. O afeccionado branco recordará máis os malabares de Ronaldinho que a un pobre home correndo entre os centrais para probar que el non se equivoca.
Xull
3
O único mundial no que o fútbol español pasa de cuartos celébrase arestora nun país de tradición futbolística como Canadá. Claro que España gañouno en Nixeria e a roja chegou á final no 2003 en Emiratos Árabes Unidos. Estes rapaces non sonan a garantía de éxito coma si soaron noutras ocasións. Que xoguen habitualmente en primeira están Barragán, Piqué, Marcos e Adrián do Dépor. Destacan en segunda división Javi García, Adrían Enchufado (sexamos xustos, se está aí non será por ser fillo de Míchel, non?),Bueno, Mata ou Mario Suárez. Mención especial merecen os recén ascendidos a segunda co Sevilla Atlético, por fin, Capel e Crespo.
Esta selección, sinceramente, non soa a campiona. Soaba máis a campiona aquela con Raúl, De la Peña, Exteberría, Roger, Salgado e Morientes e non pasou de cuartos, mundial no que sobresaíu Biagini. Da selección que lle gañou a Xapón na final de 1999 destaca a ausencia de moitos dos seus integrantes da élite profesional: os galegos Álex Lombardero, Coira e Pablo Couñago,Jusué, Álvaro, Bermudo. Outros son xogadores de medio pelo como Colsa, Aganzo ou Varela e só uns poucos (Casillas, Xavi, Orbaiz, Aranzubia, Gabri) acadaron a internacionalidade e tan só un par deles o estatus de estrelas internacionais. No equipo brasileiro, ao que España superou na fase de grupos, xogaba un tal Ronaldinho. E por acabar co mundial de Nixeria o mellore xogador, nunha controvertida decisión foi o africano Keita Seydou.
Por algunha razón os campeóns en categorías inferiores lonxe de converterse nas estrelas do futuro soen acabar sendo os fracasos anunciados. Isto pásalle a Brasil, Arxentina ou Italia pero en moita maior medida a España. Por que? Sempre está a manida excusa da falla de oportunidades á canteira pero eu inclínome a pensar máis noutros factores como por exemplo o peor nivel táctico dos xogadores a esa altura, o ambiente de derrotismo que hai coa selección (É como se en España todo o mundo fose do Atlético de Madrid), que moitos dos máis grandes non destacan ata os 22 ou 23 ou que xa son demasiado bos para ir á inferior e van á absoluta…
Creo que se a selección española quere chegar a algo debería analizar este fenónmeno con detemento: que diferencia a un xogador de 20 anos a dun de 27 para pasar do éxito ao fracaso? Se vemos a lista do mundial do 85 cando se chegou á final a lista española converteuse nun fracaso estrepitoso dadas as expectativas (salvo a honrosa excepción do gran Fernando do Valencia ou de Unzué). Parece case unha maldición que 18 anos despois se dese tamén unha final contra Brasil .
Quizais só quede agardar por un talento invunnerable ao engano. Os tres balóns de ouro do mundial sub-20 de Arxentina foron por unha banda Javier Saviola e por outra uns fulanos chamados Diego Armando Maradona e Leo Messi.
Xun
9
Aos que coñezan a mente retorcida de Ángel María Villar non lles debeu estrañar que uns compatriotas fosen detidos por ultraxe á bandeira letona poucos días antes do partido da Roja contra os de Maris Verpakovskis. Os rapaces andaban a tomar unhas compas e como recordo quixeron quedar cunha bandeiriñas (moi similar á española por certo) como recordo da súa estancia. Antena 3, nunca falla nestas citas, entrevistou a dous portugueses tamén retidos pero liberados antes que declararon que, quitándolle po ao manual soviético de tratamento de detidos, tivéronos incomunicados, sen comer e apuntáronos cunha pistola na cabeza.
O maltrato dado polos bálticos foi seguramente un ardid do mago do marketing e presidente da Federación Española. Como se non apelando ao corazón e á raiba de dous compatriotas maltratados nun país estranxeiro o partido do sábado podía ter interese para ninguén? A Liga Española é a única das grandes que se sigue a xogar arestora.
En Francia, Inglaterra ou Alemaña estes choques internacionais serven para alongar os últimos estertores da tempada futbolística pero en España só serven para amolar aos afeccionados cunha semana de adiamento sobre o final de liga máis emocionante dos últimos anos.
Agora vemos que Albelda racha coa emoción por volver a xogar en Vaduz, lugar onde debutou coa elástica dos elixidos do imperio, no estadio Rheinpark (tamén coñecido coma o Maracaná Centroeuropeo). Se esta chamada ás bágoas por un internacional español non conmoven á torcida non sería de estrañar que Matías Prats nos falase o mesmo día do partido do rapto dun neno español para que un matrimonio de Liechestein o poda comer á grella. Ao tempo.