Arquivo para a categoría Sen clasificar.
Nov
5
Argumentos a favor:
A escadra MacLaren é angloxermana e sempre amosou preferencia polos pilotos desta nacionalidade e cun físico ario como Hakinen ou Raikonen. Requirimento cumprido.
Os pilotos de MacLaren sempre amosaron unha arrogancia na victoria fóra do común superando, incluso aos de Ferrari. Compararse co mellor tenista da historia e acto seguido ser arrollado polo Sevilla soe ser a consecuencia do barato do seu falar.
Tamén se valora a falta de apego polos cores. Bernardo xa dixo en Alemaña na xornada 3 e por se acaso que el xa se estaba preparando para marchar. Antes era prisioneiro do terrible Ángel Torres.
E por enriba de todo a culpa sempre é de outro: dos compañeiros, os xogadores, os mecánicos, os árbitros, o campo, a pista, os micrófonos, os xornalistas, a dirección deportiva. Neste caso, contra toda razón lóxica, do árbitro.
A pregunta é… Volverá o vindeiro ano ao Xetafe?
Out
10
Parece unha obviedade pero esta semana non hai fútbol. O conto é que isto acontece sempre que xoga o equipo da Real Federación Española. Os amantes do balompé son incordiados por un equipo falto de emoción e experto en desencontros coa súa afección en eternas fases de clasificación que só valen para que en Islandia vexan xogar a Iniesta.
A depresión instálase nos futboleiros que son compensados cun pobre espectáculo entre a selección e, normalmente, un equipo de segunda fila. O encontro soe ter un guión previsible, pouca emoción e mal xogo. Nesta ocasión a selección xógase a súa clasificación, que ao final sabemos que conseguirá, para a Eurocopa, na que perderá antes de semifinais. Quizais en países como Inglaterra ou Francia sexa diferente pero dubídoo moito. O planeta futbolístico rota ao redor das súas ligas nacionais e estes paróns periódicos só causan baixón.
Os tesoureiros das federacións impide que haxa unha primeira e segunda división europea. Non hai rondas previas ou eliminatorias para clasificarse pensando na gran audiencia que teñen estes partidos. Porque que imos ver senón a selección o sábado? Para que tanta clasificación?
Set
19
Ademais de todo o anterior, demostraches, con Pedro Martínez de la Rosa, as túas profundas conviccións democráticas e de confianza no poder xudicial, colaborando coa xustiza e entregándolle a Max Mosley toda a información sobre o dossier de Ferrari. Por colaborar coa xustiza e loitar contra o mal eres un mártir nos medios de Alemania e Inglaterra, berces ambos do sensacionalismo e da prensa amarela (todo o mundo sabe que os diarios de referencia mundial son Le Monde, Washington Post e o As).
Fernando, non lles fagas caso aos voitres que claman pola túa cabeza e que afirman con tanta lixeireza que ti te aproveitaches da información sobre Ferrari. Que mais dará que ti e Pedro, heroes españois, souberades cando ian a parar a respostar Kimi e Massa? Calquera con dous dedos de frente e que teña unha mínima idea de F-1 sabe que hoxe os grandes premios son como as carreiras de 125cc. Hai un montón de cambios de posición e adiantamentos, tantos que as paradas en boxes son meras anécdotas que non deciden nada. Cando se viu que un piloto gañara un GP en boxes? NUNCA.
En definitiva, a túa traxectoria profesional é intachable e o teu señorío non ten parangón na historia da F-1. Ti non es un campeón arrogante, como Schumacher, ti compartes os teus éxitos con todo o mundo, e cando non che saen as cousas ben sempre lle das as grazas ao teu equipo e afirmas de todo corazón que sen eles ti non serías ninguén. Ti non eres un piloto rencoroso, deses que teñen un incidente na pista e logo llo recrimina, coma o barriobajero de Felipe Massa. Nunca tiveches problemas con ningún outro piloto da parrilla e todos falan maravillas de ti.
Os homes de ben, Magic, somos conscientes de todo o que sofres en McLaren. Tanto que nin os 20 kilos que ganas ao ano poden paliar o mobbing que Dennis, Haug e demais sicarios che fan padecer. Sabemos que tes que vixiar aos mecánicos para que non che boten Choco-Krispies na gasolina, que intentaron montarche neumáticos de plastilina e que no último gran premio tiveches que pagar o combustible do teu bolsillo. Así e todo, a afición española, a túa afición, non ten dúbida ningunha de que sairás victorioso desta nova batalla e de que cando te marches de McLaren faralo como un caballero, sen falar mal da escudería e dándolle as grazas a todos por contribuir á túa lenda.
Atentamente,
Alain Fournier
Set
2
Agardemos que o final de temporada non sexa tan aburrido como o do período de incorporación de xogadores (estival). Moi poucas sorpresas e Baptista, Alves e Riquelme no seu sitio. Nin tan sequera as contrastadas informacións de As e Marca sobre a segura marcha de Ronaldinho, que sería substituído polo lateral dereito da Canarinha, se cumpriron para a nosa perplexidade.
Sorprende menos que o Real Madrid, a última hora e incoherentemente, se desfixese dos seus mellores canteiráns. De La Red irá canada Inimigo Público Número 1 Torres, Adrián será adestrado (quen sabe por canto tempo) polo inimigo natural do seu pai, Javi García reforzará ao Osasuna por non ir ao Manzanares. Alves non veu e Baptista quedou, o mellor segundo punta que teñen que, ao mellor cualitativamente non é demasiado pero cuantitativamente si desde logo. No Marca falaban dun novo Zamorano e, por unha vez, estou de acordo con eles.
No Barça quedaron Guddy máis Ezquerro e só eu parezo estar sorprendido. Haberá quen achacará esta situación á astucia negociadora de Txiki pero gustaríame, dentro do posible, que este espazo conservase unha mínima seriedade. Creo, despois de todo, que non son malas noticias porque a plantilla do Barcelona é curta en case todos os seus postos. Por malos que sexan non se pode poñer toda a responsabilidade de suplir a Henry durante tres meses a un rapaz de 17 anos que non debutou no Camp Nou e anda a perder as botas por Corea.
O Atlético, empecinado en ser protagonista nun eido diferente ao das decepcións, sofre, se é o verbo, a marcha desa eterna supernova coñecida como Peter Luccin ao Zaragoza cando parecía que ía ir ao Birmingham, e recibe ao xogador máis desagradecido da liga: Motta (ademais citando a Gio en van). Seguramente, despois de probar os locais nocturnos da capital da comunidade de Madrid, marchará ao ano seguinte o rei da festa blaugrana a Londres ou Milán co seu amigo Roni. Que peche ben a porta ao saír.
Ese xenio oculto que recibe por nome Monchi penso que volve a atinar con Aruna Koné aínda que, como peros, é moi similar a Kerzakhov e trae consigo a exclusión, supoño que hai outros motivos, dun xogador moi válido como Ernesto Chevantón. Quen llo dera á maioría de equipos de Primeira! Outro que non desperta tantas expectativas (positivas) é Gerard López “de entre os mortos” Segú. Unha fichaxe de cara ou cruz. Ou resucita ou abre con Motta un pub en Huelva. Nunca se sabe con este rapaz ao que apodaron o novo Guardiola con 17, fracasou con Valdano, convertiuse nunha estrela mundial con Cúper e tornouse en emblema con Gaspar. Rikjaard quería que se quedase porque era un bo relacións públicas pero gañar 800 millóns de pesetas era un soldo moi alto para tal cargo. As lesións rematárono no Mónaco. Alguén se acorda que desputou unha Eurocopa?
Se o Betis con Cúper, presumiblemente, a escuadra hispalense non ía liderar as estatísticas ofensivas coa incorporación de José Mari está claro que non. Canto gaña o Vilarreal en ataque con esta baixa! Só falta que marche tamén Guille Franco. Para outro día faremos unha valoración global das fichaxes.
Ago
31
A cabeza levábame a facer unha reflexión crítica sobre a esaxerada repercusión da morte dun deportista no comezo da súa carreira e o corazón a poñer este vídeo. Despois de tanto abrazo entre béticos e sevillistas é mellor quedarse con isto.
Ago
22
Todas as nosas sospeitas foron confirmadas o pasado domingo no estadio Santiago Bernabéu. Este Sevilla é unha auténtica máquina de matar, sen sentimentos. E o máis incrible é o feito de que o Sevilla gañoulle ao Madrid sen xogar a un gran partido e con catro xogadores que o ano pasado eran titulares (Javi Navarro, Escudé, Puerta, Adriano) ausentes por lesión. O Madrid da “excelencia” non foi capaz de aproveitarse da bisoña defensa do Sevilla, co colombiano Mosquera máis perdido que un pulpo nun garaxe (así o cambiou Juande no descanso, para poñer a Poulsen de central; e, a todo isto, Bouhlarouz quentando o banquillo) e Fazio, ese central hercúleo de case dous metros de altura, gañador hai nada do Mundial Sub-20.
O Sevilla de Juande e Del Nido (e de Pablo Blanco, Monchi et al) é un conxunto capaz de gañar aos seus rivais de moi diversas maneiras: por aplastamento, impoñendo o físico; por técnica indivudual: polo enorme sentido táctico que Juande instaurou no equipo; ao contrataque ou tocando, etc… O domingo, no Bernabéu, despois do segundo gol do Madrid, o Bernabéu ruxía e moitos xa intuían a remontada. Sen embargo esta máquina -intelixente- de matar seguiu co seu plan. Case sen se lles vía afectados. Continuaron co plan marcado: esperar no centro do campo, presionar a morte e saír ao contraataque, sabedores de que o gol ía a chegar. Ademáis, de Renato e de Kanouté, autores dos tantos da goleada, o que fixo un partido para enamrcar foi Martí, imperial no centro do campo, un secundario de auténtico luxo.
O balance é escalofriante: 5 títulos en 15 meses. E o venres espera o Milan… Se Alves se quedara no equipo, máis a case segura chegada de Koné, este Sevilla pode dar que falar na Champions. Se o Valencia, o Oporto ou o Liverpool o fixeron, por qué non eles?
Ago
13
A ida da Supercopa foi un partido, honrando ao seu nome, superpredecible. Ningún dos actores se saíu do seu rol nin parece ter trazas diso. O Sevilla volveu ser vertical, ordenado, tacticamente virtuoso e non perdeu a súa identidade de xogo. Luis Fabiano fíxoo todo ben salvo rematar, os centrais tiveron certas dúbidas, as bandas non centraron ben e os novos, a verdade, non achegaron demasiado e ninguén confía en que vaia ser así, viñeron para facer vulto na Champions League, Copa e Liga.
O máis curioso é que o Sevilla xa non dispón de Alves. Este adicouse no primeiro período a ser un lateral dereito que se limita a cubrir a súa banda. Un descoñecido. Na segunda amosou algo máis de si facendo pases tipo Laudrup, roubando balóns no mediocampo e rematando corners. O certo é que é unha pena que a Liga vaia perder a este xogador. Paréceme irreprochable a súa postura de non querer xogar contra o AEK porque, sinceramente, iso fai moi difícil a súa venda a un grande de Europa que é o que merece. Ollo se o ficha o Manchester porque estaríamos falando dunha verdadeira ala infernal composta polo brasileiro e Cristiano Ronaldo.
O Madrid ten os seus propios infernos. Por exemplo depender excesivamente de Van Nistelroy (e Casillas) para poder gañarlle un partido ata ao Alcoyano. Raúl, por se fixera falla, amosou outra vez o seu fracaso como dianteiro centro e resulta curioso que entre tanta fichaxe non se contratase un dianteiro centro de garantías. Saviola non o é, é como Raúl pero con calidade e velocidade, e Soldado quizais merecería unha oportunidade que non lle van dar por ser da canteira e non comportarse como un energúmeno.
Os problemas principais, obviamente, non son eses. Van máis pola descompensación da plantilla e ter que depender de Guti que é como depender da chuvia en Santiago para tender a roupa. Así que coa chegada de Sneijder (Chimo Bayo entra en acción e pregunta: “Esta si?”) terán un conductor (moi irregular por certo) con criterio e tiro. Non me cabe dúbida de que o fará mellor que Gago que se salva das críticas da prensa madrileña polo pálido que é e polas súas melenas.
Na defensa parece que ao que van expulsar este ano será a Pepe e non ao Cannavaro. É unha incógnita Drenthe no lateral aínda que de todos os xeitos estaban afeitos a un lateral zurdo que nin subía nin defendía así que non terá problemas. Por último, Sergio Ramos amosa ser mellor central que lateral mentres que o director deportivo búscalle saída a Cicinho, un dos mellores de Europa, e non o fai así con Salgado. Contan moito as borracheiras xuntos Pedja?
Dito isto o mellor equipo da temporada, o Sevilla, terá moi difícil non acabar a temporada cunha sensación de fracaso xa que resultaría case imposible ata a un grande repetir a fazaña. O Madrid suicidouse ao proclamar esta temporada a do ‘bo xogo’ (basta xa de empregar ese slogan brasileiro de Nike) se gañaron a liga o ano pasado, erros alleos aparte, foi cando asumiron a súa mediocridade e xogaron coma un equipo da zona baixa coa vantaxe, claro está, de contar cun día a día máis endiosado Robinho e o inestimable Van Gol. Coñecendo a sorte do seu corrupto presidente pode ser a Champions o que toque este ano.
Ago
6
Pensaba que Calderón e Pedja eran homes de letras. Calderón por ser avogado e Pedja porque non o vexo capaz de facer unha integral e si de asinar autógrafos, ter sido unha estrela no seu día é a mellor academia. Sen embargo agora revélanse como xenios capaces de transformar as matemáticas tal como as entendemos.
A saber: se Arjen Robben valía 33 millóns e o Chelsea declarou recentemente que Ballack valía 40 como é posible que a suma de ambos valla 45? Quizais a resposta non estea nun cambio de paradigma aritmético senón na xa probada capacidade embaucadora de ambos persoeiros. Sport (vale non é a fonte máis imparcial) facíase eco de rumores portugueses que apuntaban que o polémico Pepe non valería 30 senón 12, un prezo máis acorde co mercado, e que 18 deses millóns irían destinados a pagar unha débeda do Chelsea pola fichaxe, long time ago, de Ricardo Carvalho.
Se sumamos eses 18 aos 40 saenos unha cantidade total máis próxima á realidade. O caso é que o modus operandi da dirección do Real Madrid queda en evidencia.
E Guti que ten que ver con todo isto? Pois primeiro que a exhibición do de Torrejón, os seus 20 minutos de toda a vida, contra o temible equipo ferroviario ruso facían innecesaria a contratación dun conductor do xogo (Kaká, Cesc, Snejder, Ballack, Nasri, Iniesta, Riquelme… De La Peña!). Ao día seguinte anuncian que van traer ao centrocampista alemán e claro, Gutiérrez rememora os tempos nos que lle traían a un tipo cada ano para cubrir a súa posición.
Entra dentro do posible, a vida dun futbolista profesional resulta moi absorbente, que o loiro do Madrid non tivese oportunidade de ler a Friedrich Nietzsche. Polo tanto descoñece a teoría do Eterno Retorno que leva a que el sexa, nesta orde:
*Ameazado por un posible traspaso.
*Redescuberto na pretemporada.
*O seu xogo desperta dúbidas.
*É suplente.
*Gáñanse unha serie de partidos importantes entrando el na segunda parte.
*Recuperada a titularidade pasa desapercibido é expulsado por protestar ou por unha agresión no centro do campo. A grada pide a súa suplencia e chámalle “Mariguti”.
*O Madrid entra na súa peor racha da temporada. O entrenador, dadas as baixas, dálle entrada nunha posición inusual na que triunfa. Guti pasa a ser o favorito do Bernabeu.
Non vou dicir desde que teño uso de razón, porque posiblemente estou desposuído dela, pero desde que podo lembrar a súa carreira é así. Guti é un bo xogador pero non é un crack. Ten máis sitio ca Raúl, por exemplo, e aporta cousas pero o peso do equipo non pode recaer nel. Perxudícalle a súa imaxe dado o perfil troglodítico do Bernabeu que acepta a metrosexualidade nun británico e non nun español. Os ultradereitistas cos que vemos o fútbol no bar póñense frenéticos cada vez que toca o balón. Dado o aprezo que teño polo Madrid penso que Ballack é unha gran fichaxe pero que Riquelme sería mellor. O que é seguro é que Guti perderá (e recuperará a titularidade).
Ago
2
Resulta difícil deixar fuxir a victoria de Irak na Copa de Asia. Non é a primeira fazaña deste equipo xa que acadaron as semifinais en Sidney tendo que xogar os partidos de clasificación como local en Xordania. Nun universo futbolístico tan fulano como este no que Motta pide irse coa carta da liberdade ou as estrelas brasileiras perden o mundial por ir borrachos a entrenar resulta estimulante un pouco de ética.
Quero eludir a política neste espazo, non me parece o foro máis axeitado, pero sen embargo resúltame incrible a indiferencia que crean os mortos das celebracións en Bagdad comparado con, poñamos por caso, a traxedia de Heissel. Está claro que todo que o que pase alí parece máis propio dun delirio das 1001 Noites que dun mundo coa cabeza ben posta.
Xull
5
Marcha a Bomba Navarro a Estados Unidos sen medo ás duras medidas antiterroristas a compartir equipo co seu amado Pau. Os Grizzlies xa sinten o efecto positivo da súa chegada xa que Gasol fica no equipo sureño. Habería que reflexionar se os equipos de deporte profesional viven demasiado pendentes de compracer ás súas estrelas, aínda que no caso do catalán se trate dun tipo inexplicablemente sensato.
Pode o escolta do Barça triunfar na liga máis dura do mundo? Teño as miñas dúbidas. Navarro é moi de non meter ningún punto ata o terceiro cuarto e acabar con quince ou dezaséis. Na NBA non vai ter tantas oportunidades de minutos así que cómpre que acade unha regularidade que nunca tivo.
Por outra banda os caprichos do Draft fan que a estrela do Jouventut, Rudy Fernández non poda saltar o charco e deba agardar a oportunidade. Entrementres terá que conformarse con ir ao Barça a suplir a Navarro ou a outros grandes do baloncesto FIBA como Olimpiakos, CSKA ou Panathinaikos. Como diría Chimo Bayo creo que “exte si” triunfaría na NBA por xuventude e explosividade de xogo. Un bo revulsivo para un equipo cheo de troncos musculosos.