Arquivo para a categoría Tenis.

Este domingo nace unha estrela en Australia

Por Fournier Alan
Xan 25

O Mestre perdeuDe aburrido non tivo nada este Open de Australia. As sorpresas sucedéronse en tropel durante o campionato, especialmente no lado de Nadal, e aínda que non cabe ben na definición de feito inesperado, a presenza de Djokovic na final das antípodas leva consigo a inevitable o xurdimento dunha estrela.

Deste xeito ou o descoñecido Muhamad Alí Tongsa ou o emerxente imitador de tenistas serbio realizará o seu soño de gañar un grand slam. Os dous campións por excelencia baten coa porta. A Federer fastídiaselle a temporada, agora está máis ca presionado para conseguir por primeira vez Roland Garros ou para bater o record de Wimbeldons consecutivos. Rafa queda outra vez ás portas en pista rápida. Se o seu tenis non desperta da súa estacionalidade dificilmente batirá ao mestre suízo.

Tongsa pode labrarse o comezo dunha brillante carreira como Moyá in illo tempore cando acadou a final contra Sampras. Djokovic no caso de vencer recibirá a carta de invitación para a elite mundial e confirmaríase como a alternativa de futuro aos seus oponentes de Basilea e Manacor. Iso si, terá que concentrarse na raqueta e deixar de lado o humor. De todos os xeitos o domingo nace unha estrela.

Arquivado en: Tenis | Comentarios (0)

Ferrer e Federer inscritos no Open de Australia

Por Fournier Alan
Xan 22

Ferrer o gran esquecido Isto non debería ser noticia pero o ostracismo destes dous tenistas por parte da prensa deportiva madrileña (e catalana) fai que teñamos que traer este tema a colación. Ferrer, finalista do torneo de mestres de Shanghai, e Federer, que este ano se convertirá por títulos no mellor tenista da historia, participan no Open de Australia.

Este Gran Slam tende a rexistrar circunstancias curiosas pola súa clara pouca axeitación ao calendario internacional (pero hai que ter un torneo en Asia a principio da temporada…) cando non son deportistas que se negan a xogar pola calor son partidos, como o recente Hewitt-Bagdatis, que remata ás 4 e pico da mañá. A ATP debería impoñer certa seriedade no formato do Open polo ben deste torneo que pasa por ser a cincenta xa que outros Master Series (Montecarlo, Indian Wells, Montreal, Barcelona…) teñen case o mesmo prestixo.

Dito isto as sorpresas están sendo habituais na presente edición. O francés Jo-Wilfred Tsonga, Mikhail Youzhny ou o propio Nadal, que por primeira vez chega a semis, están dando a nota positiva. Sen embargo polo outro lado do cadro, moito máis difícil ao noso entender, están claros favoritos como “replicante” Djokovic, Blake e os antes referidos Federer e Ferrer. Vendo os rivais que terían o manacorí e o alicantino e ante unha posible final co xenio de Basilea (que xa parece recuperado da gastroenterite) de Nadal os xornais deportivos é posible que volvan a desprezar a Ferrer.

Arquivado en: Tenis | Comentarios (0)

FerFedeRer

Por Fournier Alan
Nov 20

Roger Federer

Seguramente aos seus 26 anos é xa o mellor tenista da historia. O seu xogo non ten fisuras salvo na terra onde a maior capacidade física dalgúns rivais, sobre todo Rafa Nadal, aínda pode con el. Chega nun dos seus maiores baches da súa carreira recente xa que perdeu contra outra das súas bestas negras a final dos Masters Series e en cuartos doutro. Referido a outro xogador do circuíto profesional resultaría un comentario sarcástico pero aquí estamos a axustarnos a realidade. Ten tal cantidade de puntos por defender
pero até a el élle difícil. Chega sen entrenador e precedido polas dúbidas sobre o seu estado de forma.

Maestros do Tenis

David Ferrer

Para a prensa madrileña e o forofo que só se apunta a ver o tenis cando hai unha victorias patria (esta figura pode ser representada graficamente por Tomás Roncero) Ferrer antes de Shangai é un comentarista de La Sexta. Aos seus 25 anos vén de facer a temporada da súa vida gañando en Auckland, Bastad e Tokio ademais dunhas semifinais no U.S. Open derrotando a quen lle tapa a súa luz, Rafa Nadal. Chega como número 6 da ATP e é estatisticamente o mellor restador do circuíto.

Shanghai

O outro campiónA falta de Grand Slam a gran potencia económica do presente e do futuro acolle o torneo de mestres. Todos confían en que este ano Federer non leve outra vez o torneo e que se poida dar a sorpresa. A victoria de González ante o xenio suízo abre as ansias de gloria de todos. Ferrer gaña con brillantez a Djokovic que dende Flushing Meadows dedícase máis á comedia lixeira que ao tenis. e Nadal a Gasquet que pasaba por aí.

Na segunda xornada aparecen as figuras do torneo. España descobre que ten un segundo tenista cando Ferrer derrota a Nadal. Federer gañar con autoridade ao dostoeivskiano Davydenko recuperando os seus mellores golpes. A prensa madrileña fantasea cunha final española.

Na derradeira xornada Federer destroza ao crack mediocre Roddick, Ferrer pasa por riba de Gasquet e Nadal dálle o billete definitivo ao seu imitador Djoko. Na griseza Roddick avanza cara as semifinais.

Grandes esperanzas

Ferrer chega ao que, pensa, pode ser o segundo partido máis importante da súa vida. Roddick é o mellor sacador do circuíto e el o mellor restador. A superficie axuda ao xogo primitivo do de Nebraska pero é derrotado por un xogador en estado de gracia como o alicantino que fai o partido da súa vida.

Máis dúbidas había no outro encontro. Podería con Nadal, a súa outra bestia negra, ou confirmaría as fendas no seu xogo? O reloxo suízo confirmou que é o mellor. A base de calidade e axudado pola pista quitou sentido ás carreiras a proba de fe do manacorí. O xogo compartía sinxeleza e imposibilidade. Primeiro mandaba a bola a unha esquina e despois á outra sempre cunha precisión exquisita. Nunha ocasión Nadal púxose 0-30 e Roger fixo 4 aces seguidos. Tamén gañou os 13 primeiros xogos do segundo set. Nada se pode facer cando el está ben.

Dous campións fronte a fronte

Campión outra vezFerrer viña coa vertixe de subir por primeira vez ás alturas. Federer tan só volveu á súa posición natural. Desde o primeiro xogo o alacantino foi incapaz de descifrar o enigma suízo. Como vencer a un tenista que non parece moverse cando xoga? Como restar golpes imposibles. No discurso saiu vencedor o español: “Roger é o mellor tenista da historia”. Non quedou atrás o gran campión: “Agradezo a David e a todo o seu equipo o marabilloso tenis que puidemos ver estes días en China”. Até nisto ten un revés incomensurable.

Despois un circo coa tenente alcaldesa de Shanghai e un Mercedes. Isto tamén é a ATP.

Arquivado en: Tenis | Comentarios (0)

Roger Federer: Master of Masters

Por Alan Fournier
Nov 13

Roger Federer, o mellor tenista da historiaConfío en que ninguén me etiquetará de oportunista, pois neste mesmo intre Roger Federer ten a ventaxa máis exigüa (895 puntos) dos últimos séculos sobre o seu amigo e rival Rafael Nadal. Pase o que pase no Masters de Shangai e nos vindeiros compromisos tenísticos o suizo ten argumentos máis que suficientes para ser considerado o mellor tenista de tódolos tempos. Por máis que lle corroa e lles moleste a algúns babosos aduladores verborreicos e verborráxicos que tanto se excitan cos bíceps, tríceps, cuadriceps e quintuceps do balear, que escriben sobre tenis coma quen redacta un bando municipal (sí, Alejandro Delmás, vai por ti), e que agardan coma alimañas que o rei Federer sexa deposto do seu trono.

Roger soubo manter o interés do tenis masculino en tempos de lolitas rubias eslavas que ensinan as bragas, de pernas inacabables, que mascan chicle e lanzan alaridos sensuais na pista, que súan chanel número 4 [Nota mental: hai algún deporte que atraia máis aos dexenerados, enfermos e obsesos sexuais que o tenis feminino?]. Conseguiuno con partidos inolvidables e cunha sana rivalidade con Rafael Nadal e ultimamente con Novak Djokovic. Ademais conseguiu marcar un estilo, de gentleman. Nunca levantou a voz contra un rival, e sempre fala ben de todos os seus compañeiros. Ningún gran dominador en ningún deporte conseguiu tanto respeto e foi tan admirado como o é Roger. Por se fora pouco, nunca pon unha excusa cando perde un partido. Onte, despois da derrota co chileno Fernando González afirmou ter xogado ben, pero que o seu rival o fixo mellor (hai tantos que deberían aprender a saber perder e a recoñecer os méritos dos rivais…).

Está claro que o suizo non está ao seu mellor nivel, pero coincidiremos en que a un deportista son os grandes rivais os que o fan máis glorioso e inesquecible. Grazas á motivación de loitar contra o mellor de todos os tempos, contra unha máquina de xogar ao tenis como foi Federer nos últimos catro anos, mellorou o nivel tenístico global da ATP. En Shangai, entre os oito mellores do ranking, falta David Nalbandián, un iluminado que de vez en cando destapa o tarro das esencias. Alí está un talento natural coma Djokovic, hai xogadores correosos coma Davidenko, especialistas no saque coma Roddick, está Ferrer (pouco recoñecido, mesmo en España, para o enorme talento que ten), recoñecido por todos como o mellor restador do circuito, está Nadal, un portento físico que nunca da un punto por perdido, está Fernando González, un virtuoso no golpe de dereitas… En definitiva, o nivel é moi alto e iso que se quedaron fora outros grandes xogadores capaces de complicarlle a vida a calquera como Murray, Blake, etc.

Agora, tamén resulta evidente que Federer non está no nivel de hai uns meses. Está nervioso, inseguro, parece que conta cun só plan de xogo e senón funciona (a todos os grandes deportistas individuais, e tamén aos equipos, lles rematan por pillar o “truco”), agora vencer ao maestro xa non é un soño, unha utopía coma antes. As claves están ben claras: correr moito, non desfalecer, aproveitar as suas habituais e históricas “desconexións”, non virse abaixo se perdes o primeiro set -algo que ata o de agora era definitivo-, buscar o seu revés, non deixalo pensar.

Ninguén, nen sequera Roger Federer, é perfecto. Penso que debería buscar un entrenador, sempre fai falla e é positiva unha segunda opinión ou un consello a tempo. Aínda así, resulta curioso que no ano no que gañou tres grand slam poida rematar perdendo -non o creo- o número 1. Aos Fournier danos igual o tempo que consiga permanecer co número 1 na lista de entradas da ATP, el xa é o mellor de tódolos tempos. Por qué será que amamos crear ídolos pero nos atrae moito máis botalos abaixo?

Arquivado en: Tenis | Comentarios (1)

As verdes pradeiras de Roger Federer

Por Fournier Alan
Xull 9

Wimblendon, a pradeira de Roger FedererCon Roger Federer pasa como coas películas máis tópicas. Sabes que o heroe protagonista vai acabar saíndose coa súa no último momento aínda que nunca sabes como. Tampouco Nadal fai de malo. Nin tenísticamente, a distancia co helvético cada vez é menor, nin no nivel humano, é extremadamente sensato e humilde a pesar da súa xuventude e cohorte de pelotilleros dignos de Alonso.

Polo tanto a final foi unha victoria global do tenis e do deporte. Nadal gañou credibilidade alén dos seus dominios de arxila e Roger sumou outro gran slam. A diferencia é que o de Manacor con 21 anos e unha experiencia moi reducida aínda loita por ser o número 1 da ATP e Federer por ser mellor ca Borg ou Sampras, o número 1 da historia.

Temos os Fournieur, como ben proba a cabeceira da Padiola, unha predilección por Roger. Un superclase coma el que chora desconsolado despois do seu décimoprimeiro grand slam e nunca racanea palabras de eloxio para o seu rival é algo máis ca un simple tenista. Ata o ollo do falcón pode ver iso.

Se este ano Roger amolou a Nadal sendo o primeiro en derrotalo en terra batida desde que os vellos teñn memoria… Poderá Rafa evitar que Roger supere a Sampras en Roland Garros e na pista central do Wimblendon o vindeiro ano?

Arquivado en: Tenis | Comentarios (0)

É obrigatorio desexar a victoria de Nadal?

Por Fournier Alan
Xun 9

Rafa Nadal é un deportista excepcional. Aos seus 21 anos recén cumpridos é o mellor tenista da historia con dous grand slams e unha Copa Davids ademais dun récord de vitorias en terra batida difícil de superar. En pouco tempo pode ser o mellor deportista español da historia superando a mitos como Indurain, estrelas actuais como Pau Gasol ou a necios da envergadura do máis famoso chófer asturiano.

Ademais sempre amosou ser un tipo ben sensato. Raúl, a superestrela do Real Madrid, cun par de temporadas goleadoras creuse tan intocable coma o seu mentor Fernando Hierro. Que dicir do anteriormente citado Alonso… Sen embargo segue a dar esa imaxe de tipo normal, incluso simpático, como amosou nun anuncio publicitario con Pau Gasol. Todas esas promocións ao redor da súa imaxe non lle fixeron perder a cabeza.

E no estrictamente deportivo é un exemplo de coraxe, entrega, concentración e sacrificio. Só hai dúas cousas que non me agradan del: o seu madridismo e a cohorte de admiradores que ten na prensa madrileña que levan o seu peloteo máis aló das pistas. Non descartaría que algún estivese namorado del.

Teño uns anos e xa me habituei á inexistente honestidade ou mesura da prensa deportiva da capital. O que me sigue facendo remexer as tripas son as descalificacións cara o que é seguramente xa o mellor tenista da historia. Roger Federer posúe as cualidades de Nadal no tocante a ser unha persoa educada, humilde, forte mentalmente e concentrada. Sen embargo o abismo tenístico que os separa é tan grande como a amizade que os une. Por iso creo que Roger, o home dos récords merece gañar os 4 últimos grand slam, algo que o manacorí evitou nos dous últimos anos, para afianzar a súa lenda. Nadal terá tempo para facernos de desfrutar… a pesar do Marca, do As e de Antena 3.

Arquivado en: Tenis | Comentarios (0)
A padiola mecánica

A padiola mecánica

O obxectivo vital deste blog é ofrecerche unha visión 'diferente' do deporte, para o que non escatimaremos en mostrarche os aspectos máis tolos e surrealistas que o rodean.

Comentarios recentes