Xornais nada deportivos
Por Alan Fournier
Dec 19Tradicionalmente, o xornalismo deportivo catalán (Sport e El Mundo Deportivo) foi e ven sendo considerado parcial, subxectivo e partidista, en comparación con aquel feito en Madrid (Marca e As). Estes últimos tendían a xogar un papel máis “nacional” (refírome ao estado español), e eran considerados como diarios imparciais (ou, cando menos, o intentaban). Sen embargo, nos últimos tempos tense producido unha transformación moi profunda nos xornais deportivos madrileños, unha “radiocización” de ambos -cada vez reproducen máis fielmente as trifulcas e enfrontamentos viscerais que acontecen nas ondas, antes con García e agora con De la Morena, Abellán…- e unha polarización que riete ti da guerra fría.
Resulta moi preocupante que mesmo os dous xornais deportivos máis importantes en canto a número de vendas se preguen a intereses económicos e participen en guerras de lobbies empresariais. A guerra do fútbol, representada por Audiovisual Sport e Mediapro, ten o seu correlato exacto entre Marca e As, que, en función de intereses económicos ou estratéxicos, escollen unha trincheira e se dedican a bombardear ao inimigo impreso. Así, un xornal defende a Ramón Calderón e outro leva a cabo unha sistemática campaña de descrédito (incrible o da entrega do Marca Leyenda a Gento, se como explican fontes oficiais do Real Madrid é verdade que o director e subdirector do Marca prácticamente enganaron ao mítico futbolista para entregarlle o trofeo que levaban envolto nunha bolsa da compra) contra o mefistofélico presidente do Real Madrid.
Pero é que nen sequera se quedan aí. Podemos mesmo ler ataques directos -sen cortapisas, sen paráfrases- ao xornal da competencia. Bótanse en cara noticias falsas publicadas a todo color, falta de profesionalidade e todo tipo de inxurias que se lles veñan á cabeza.
Cando estabamos na facultade de Xornalismo, un día puxéronnos Park Row, un filme sobre o mundo do xornalismo e as súa miserias. Dous xornais rivais chegaban a un tal grao de enfrontamento que mesmo -tralo atropelo intencionado por parte dos sicarios dun xornal do neno repartidor de diarios da competencia- chegaban a usar a violencia física. Vamos, que acababan a hostias. A miña pregunta é: ¿deberían Tomás Roncero, Eduardo Inda, Alejandro Delmás, José Vicente Hernáez, Roberto Gómez, Alfredo Relaño et al acabar coas súas disputas a navalladas?
